Medio Rural
Inicio >> Áreas >> Agricultura >> Flor
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Planta ornamental

O sector da flor e da planta ornamental en Galicia ten un significativo alcance económico ao representar o 8,41% da produción final agraria, cunha meirande concentración nas provincias da Coruña e de Pontevedra. Máis do 30% dos viveiros produtores de planta ornamental presentan unha clara vocación cara a exportación fóra de Galicia.

Pódese destacar deste sector o seu dinamismo e progresiva consolidación, caracterizados por un elevado nivel de emprego feminino en man de obra e con niveis cada vez máis importantes de profesionalización en áreas relativas á investigación e á introdución de novas tecnoloxías. Hai que ter en conta que este sector, que aquí naceu de forma subsidiaria como unha forma de diversificación da produción agrícola tradicional, ten xa un importante camiño percorrido en canto a fortalecemento e afianzamento como actividade económica. Neste eido é de destacar o carácter asociativo dos viveiristas galegos, concentrados nun 80% en Asproga que, dende a súa creación en 1998, incrementa paulatinamente o número de asociados e se converte nun interlocutor de peso na representación dos intereses deste sector no noso País.

Sabemos que o sector da planta ornamental en Galicia adoece de dispoñibilidade de superficie agraria para afianzar a súa expansión e conta na actualidade cunha media de 7 hectáreas por viveiro e cunhas 500 hectáreas totais entre cultivo en terra, cultivo en colector, cultivo en invernadoiro e en umbráculos. O Banco de Terras vai ser un instrumento decisivo no relativo á oferta de superficie para ampliar estes cultivos.

A Consellería do Medio Rural conta cunha dirección xeral específica orientada á formación e á investigación no eido agrogandeiro, que debe ser aproveitada para colaborar na procura de cultivos mellor adaptados ás condicións da nosa terra, a tecnificación das produccións e a introdución das novas tecnoloxías no sector. Deste xeito, será posible reorientar a actual dinámica de gran parte dos viveiros galegos que dependen da importación de esquexes para as súas producións, de xeito que o ciclo produtivo a curto-medio prazo se inicie e se remate no noso País, co consecuente aproveitamento económico.

O sector da planta ornamental resulta atractivo en termos de rendibilidade agraria, xa que é un dos cultivos que máis renda xera por unidade de superficie. Ademais, cómpre destacar o apoio institucional á promoción deste sector, ao posibilitar a súa presenza en diferentes foros profesionais que se celebran anualmente, tanto no noso País como máis aló das nosas fronteiras.

Flor

© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS