Medio Rural
Inicio >> Áreas >> Alimentación >> Produtos de calidade >> Viños >> Viños da Terra
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Viños da Terra

Viño da Terra de Barbanza e Iria

A área de produción que se pode acoller á denominación Viño da Terra de Barbanza e Iria está constituída polos terreos aptos para a produción de uva dos concellos de Boiro, Catoira, Dodro, A Pobra do Caramiñal, Pontecesures, Rianxo, Ribeira e Valga, así como as parroquias de Camboño, Fruíme e Tállara, do concello de Lousame, as parroquias de Iria Flavia e Padrón, do concello de Padrón, e as parroquias de Baroña, Caamaño, Queiruga, Ribasieira, San Pedro de Muro e Xuño, do concello de Porto do Son.

Os caldos terán que ser elaborados con uvas das seguintes variedades:

a) Brancas: albariño, caíño branco, godello, loureiro branco ou marqués, treixadura e torrontés.
b) Tintas: brancellao, caíño tinto, espadeiro, loureiro tinto, mencía e sousón.

Pode ampliar a información na Orde do 11 de decembro de 2006 (pdf, 73 Kb) sobre as condicións que se deben cumprir para acollerse á denominación Viño da Terra de Barbanza e Iria, modificada pola Orde do 28 de abril de 2008 (pdf, 182 Kb).

Viño da Terra de Betanzos

Pódense acoller a esta denominación os viños de mesa producidos, elaborados e embotellados na comarca vitivinícola de Betanzos, que se compón dos concellos de Bergondo, Betanzos, Coirós, Miño e Paderne, e de determinadas parroquias dos de Abegondo, Oza dos Ríos e Sada.

Os caldos terán que ser elaborados cun mínimo do 60% de uvas das seguintes variedades consideradas como recomendadas:

a) Brancas: godello.
b) Tintas: mencía, brancellao e merenzao.

A porcentaxe restante será necesariamente de uva das seguintes variedades, consideradas como autorizadas:

a) Brancas: palomino.
b) Tintas: gran negro e garnacha tintureira.

Pode ampliar a información na Orde do 8 de novembro de 2000 (pdf, 21 Kb) sobre as condicións que deben cumprir para acollerse á denominación Viño da Terra de Betanzos os caldos elaborados nesa comarca vitivinícola. Esta norma foi modificada pola Orde do 21 de decembro de 2006 (pdf, 25 Kb) e pola Orde do 28 de abril de 2008 (pdf, 235 Kb).


Viño da Terra Val do Miño-Ourense

A área de produción que se pode acoller á denominación Viño da Terra Val do Miño-Ourense está formada pola maioría das parroquias dos concellos da Peroxa, O Pereiro de Aguiar, Coles, Ourense, Barbadás, San Cibrao das Viñas e Toén. Quedan excluídas as que superan a cota dos 350m e aquelas que pertencen á Denominación de Orixe do Ribeiro.

Os caldos terán que ser elaborados cun mínimo do 60% de uvas das seguintes variedades consideradas como recomendadas:

a) Brancas: treixadura, torrontés, godello, albariño e loureira.
b) Tintas: mencía, brancellao, mouratón, sousón e caíño.

A porcentaxe restante será necesariamente de uva das seguintes variedades, consideradas como autorizadas:

a) Brancas: palomino (xerez).
b) Tintas: alicante (garnacha).

As especificacións relativas á produción, elaboración e comercialización están recollidas e actualizadas na Orde do 10 de febreiro de 2009 (pdf, 131 Kb) pola que se modifica e refunde a normativa reguladora da indicación xeográfica Viño da Terra Val do Miño-Ourense.


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS