Medio Rural
Inicio >> Áreas >> Desenvolvemento rural >> Leader 2007-2013
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Programa Leader de Galicia 2007-2013

Galicia, como proxecto colectivo de futuro, necesita un medio rural perfectamente incardinado nese propósito. As persoas que viven no medio rural deben obter niveis de renda e beneficiarse de servizos que lles permitan vivir dignamente. Con este fin a Consellería do Medio Rural elaborou o “Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2007-2013”. O PDR contempla as actuacións en materia de desenvolvemento rural, cofinanciadas con fondos europeos, coas que se pretende realizar un esforzo que nos permita acadar un medio rural sólido e viábel no horizonte de 2013.

O programa Leader é un dos catro eixes estratéxicos destas actuacións xunto coa mellora da viabilidade dos sectores agrario e forestal, a defensa do medio ambiente e a diversificación da economía e o aumento da calidade de vida no rural.

A Unión Europea impulsa o programa Leader (Ligazón Entre as Actividades de Desenvolvemento da Economía Rural) dende o ano 1991, para descentralizar as políticas de desenvolvemento rural. Deste xeito, os diferentes territorios do rural deixan de ser meros destinatarios destas políticas para converterse nos protagonistas do seu propio desenvolvemento.

Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR)
O programa Leader de cada territorio deséñao e execútao un Grupo de Desenvolvemento Rural. Trátase dunha asociación constituída por todas as entidades do ámbito económico, social, cultural, veciñal, medioambiental ou profesional que desexen implicarse no programa Leader do seu territorio.

Funcionan como calquera asociación sen fin de lucro e deben cumprir o principio de “portas abertas” pola que tanto para a súa constitución como posteriormente están obrigadas a admitir a calquera organización do seu territorio que desexe participar no proxecto. Poderán ser socios dos GDR asociacións de calquera ámbito, cooperativas, comunidades de montes veciñais ou organizacións profesionais agrarias, entre outros. As persoas físicas e as empresas individuais non poderán formar parte directamente, senón a través de asociacións ou outro tipo de entidades representativas. Nos órganos de decisión dos GDR os representantes do sector privado terán que ser maioría.

O GDR elabora unha estratexia de desenvolvemento comarcal. Nela inclúense as principais posibilidades, oportunidades e necesidades do seu territorio dende o punto de vista produtivo, económico, dotacional e social. Esta estratexia preséntase á convocatoria do programa que publica a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) -ente público xestor do programa Leader en Galicia-.

Programa LEADER de Galicia 2007-2013 (164 KB)

Presentación LEADER 2007-2013 (1.159 KB)

Agader

 

PDR

© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS