Medio Rural
Inicio >> Áreas >> Explotacións >> Entidades de aconsellamento, xestión e substitución
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Implantacións dos servizos de aconsellamento, xestión e substitución nas explotacións agrarias

A Consellería do Medio Rural publicou o 29 de decembro de 2010 a Orde do 22 de decembro pola que se estableceron as bases reguladoras das axudas en concorrencia competitiva para a implantación de servizos de asesoramento, xestión e substitución nas explotacións agrarias, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), mentres que o 28 de decembro de 2011 publicou unha modificación das ditas bases, e a convocatoria para o ano 2012.

Coa experiencia obtida na xestión das convocatorias de 2008 ata 2012 desta medida, o 7 de xuño de 2013  publicáronse  as bases reguladoras e convocáronse estas axudas para o ano 2013.

Convocatoria para o 2013

Bases reguladoras das axudas en concorrencia competitiva para a implantación de servizos de asesoramento, xestión e substitución nas explotacións agrarias, e se convocan para o ano 2013.

ORDE do 27 de maio de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas en concorrencia competitiva para a implantación de servizos de asesoramento, xestión e substitución nas explotacións agrarias, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se convocan para o ano 2013.

Resolución

Relación de beneficiarios (8 Kb)

 

Obxecto

Establecer as bases reguladoras e a convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2013 das liñas de axudas para a implantación de servizos  de asesoramento, xestión e substitución nas explotacións agrarias.

Beneficiarios

No caso de implantación de servizos de asesoramento, poderán ser beneficiarias as entidades privadas sen ánimo de lucro ou cooperativas ou, en ambos os supostos, as súas unións ou federacións, agás as agrupacións de defensa sanitaria gandeira (ADSG), as agrupacións de agricultores para tratamentos integrados na agricultura (Atria) e as agrupacións de defensa fitosanitaria (ADF), así como as súas unións ou agrupacións.

No caso de implantación de servizos de xestión, poderán ser beneficiarias as empresas, cooperativas e entidades asociativas do sector agrario, que teñan a autorización previa do organismo competente da Consellería do Medio Rural para exercer esa actividade.

Para a implantación dos servizos de substitución poderán ser beneficiarias as cooperativas ou entidades asociativas do sector agrario que implanten servizos de substitución para os seus asociados, así como as empresas que leven a cabo esta actividade nas condicións establecidas nesta orde.

Gastos elixibles para a implantación de servizos de asesoramento ou xestión

Os gastos en bens inventariables subvencionaranse só no caso de pequenas empresas, durante o período de 5 anos contados desde a comunicación do inicio da actividade, e como límite ata a data de finalización establecida na programación do Programa de desenvolvemento rural de Galicia. A intensidade de axuda que se aplicará os bens considerados como elixibles no artigo 7º punto 2 a) terá carácter decrecente, sendo dun 50% no primeiro ano desde a data declarada para o inicio da actividade, 40% no segundo, 30% no terceiro, 20% no cuarto e 10% no quinto.

En todo caso, a axuda máxima ao investimento realizado durante o dito período non superará os 18.000 euros de axuda para a 1ª oficina da entidade solicitante e os 8.000 euros para a segunda e sucesivas.

Os investimentos máximos auxiliables para a contratación de persoal técnico e administrativo serán os correspondentes ao custo salarial, excluídas as axudas de custo de desprazamento e mantemento, e de acordo coas seguintes categorías:

I) Titulado superior. Importe máximo auxiliable: 32.000 euros anuais.

II) Titulado medio. Importe máximo auxiliable: 27.000 euros anuais.

III) Técnico FP de grao superior. Importe máximo auxiliable: 22.000 euros anuais.

IV) Auxiliar administrativo. Importe máximo auxiliable: 18.000 euros anuais.

Para estes efectos considerarase como custo salarial o que inclúe o salario base, os complementos salariais, os pagamentos por horas extraordinarias, os pagamentos extraordinarios e os pagamentos atrasados, incluídos na nómina da persoa traballadora.

Exclúense os complementos non salariais agás aqueles derivados da situación de incapacidade laboral temporal que a entidade teña a obriga de soportar.

Todos estes compoñentes recóllense en termos brutos, é dicir, antes de practicar retencións ou pagamentos á Seguridade Social por conta do traballador.

A axuda poderá concederse anualmente por un período de tempo máximo de cinco anos, contados desde a data da implantación do servizo, e como límite ata a data de finalización que se estableza na programación do Programa de desenvolvemento rural de Galicia. A intensidade da axuda será de ata un 60% no primeiro ano de implantación, 48% no segundo, 36% no terceiro, 24% no cuarto e 12% no quinto.

Gastos elixibles para a implantación dos servizos de substitución

A axuda concederase anualmente por un período máximo de cinco anos e estará dirixida a subvencionar os custos salariais de contratación do persoal cunha intensidade máxima do 80% para o primeiro ano de implantación do servizo desde a data declarada para o inicio da actividade, o 64% no segundo, o 48% no terceiro, o 32% no cuarto e o 16% no quinto.

Os investimentos máximos auxiliables para a contratación de persoal serán os correspondentes aos custos salariais, entendendo como custo salarial o que inclúe o salario base, os complementos salariais, os pagamentos por horas extraordinarias, os pagamentos extraordinarios e os pagamentos atrasados, incluídos na nómina da persoa traballadora.

Exclúense os complementos non salariais agás aqueles derivados da situación de incapacidade laboral temporal que a entidade teña a obriga de soportar.

Segundo a titulación do traballador, establécense os seguintes importes máximos auxiliables:

I) Técnico superior en xestión e organización de empresas agropecuarias, ou medio en explotacións gandeiras, explotacións agrícolas extensivas e intensivas, ou os seus equivalentes na FP de segundo e primeiro grao: 22.000 euros anuais.

II) Resto de traballadores: 18.000 euros anuais.Todos estes compoñentes recóllense en termos brutos, é dicir, antes de practicar retencións ou pagamentos á Seguridade Social por conta do traballador.

Criterios de prioridade

As axudas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e, en todo caso, con suxeición aos principios de publicidade, concorrencia e obxectividade, e estarán supeditadas á existencia de crédito adecuado e suficiente nas correspondentes partidas orzamentarias.

Ás solicitudes iniciais de participación neste réxime de axudas aplicaránselles os seguintes criterios de prioridade:

a) Para as entidades recoñecidas como entidades que presten servizos de asesoramento:

  1. Entidades que presten servizos de asesoramento para a implantación do CES, de acordo co artigo 2º punto 2.a), nunha porcentaxe de explotacións superior ao 30% do total de explotacións aconselladas: 5 puntos.
  2. Entidades que ofrezan servizos de asesoramento integral que inclúa outras materias de xestión levadas a cabo na explotación, de acordo co artigo 2º punto 2.b), ademais das materias do obrigado asesoramento, nunha porcentaxe de explotacións igual ou superior ao 70% de explotacións aconselladas: 4 puntos.
  3. Entidades que presten servizos de asesoramento dirixidos cara a novos retos, de acordo co artigo 2º punto 2.b), nunha porcentaxe de explotacións superior ao 50% do total de explotacións aconselladas: 3 puntos.
  4. Pola contratación de mulleres ou mozos menores de 30 anos nos postos de traballo obxecto de solicitude nunha porcentaxe de 50% ou máis: 2 puntos.
  5. Pola localización maioritaria das explotacións a que se presta o servizo en zonas desfavorecidas definidas no artigo 36º letra a) do Regulamento CEE 1698/2005, do 20 de setembro, ou na Rede Natura: 2 puntos.

b) Para as entidades recoñecidas como entidades que presten servizos de xestión:

  1. Entidades que presten servizos de xestión para a implantación do CES nunha porcentaxe de explotacións superior ao 30% do total de explotacións a que se lles da este servizo: 5 puntos.
  2. Pola contratación de mulleres ou mozos menores de 30 anos nos postos de traballo obxecto de solicitude, nunha porcentaxe de 50% ou máis: 2 puntos.
  3. Pola localización maioritaria das explotacións a que se presta o servizo en zonas desfavorecidas definidas no artigo 36º letra a) do Regulamento CEE 1698/2005, do 20 de setembro, ou na Rede Natura: 2 puntos

c) Para as entidades que presten servizos de substitución:

  1. Pola contratación de mulleres ou mozos menores de 30 anos nos postos de traballo obxecto de solicitude, nunha porcentaxe de 50% ou máis: 2 puntos.
  2.  Pola localización maioritaria das explotacións a que se presta o servizo en zonas desfavorecidas definidas no artigo 36º letra a) do Regulamento CEE 1698/2005, do 20 de setembro, ou na Rede natura: 2 puntos.
  3. Segundo a orientación produtiva maioritaria das explotacións a que se presta servizo:
  • Vacún de leite: 6 puntos.
  • Ovino/cabrún de leite: 5 puntos.
  • Vacún de carne: 4 puntos.
  • Ovino/cabrún carne: 3 puntos.
  • Outros sectores gandeiros: 2 puntos.
  • Sectores agrícolas: 1 punto.

Prazo

O prazo de presentación será desde o 8 de xuño de 2013 ata o 8 de xullo de 2013, ambos incluídos.

O Aconsellamento nos Novos Retos: Eficiencia e aforro enerxético, enerxías renovables

 

 

Aconsellamento ás explotacións agrarias

© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS