A Titularidade compartida (TC) é unha entidade sen personalidade xurídica regulada pola Lei 35/2011 (200 Kb), do 4 de outubro, sobre titularidade compartida das explotacións agrarias.
A lei persegue promover esta modalidade de explotación agraria como un vehículo para alcanzar a verdadeira equiparación das mulleres e os homes na explotación agraria, dando cumprimento efectivo ao principio de igualdade e non-discriminación proclamado na Constitución. O seu obxectivo é o de promover unha acción positiva que logre dar visibilidade ás mulleres e que estas poidan exercer e desfrutar de todos os dereitos derivados do seu traballo nas explotacións agrícolas en termos de igualdade con respecto aos homes e favorecer a asunción de decisións xerenciais e dos riscos e responsabilidades derivados delas.
A TC é unha unidade económica, sen personalidade xurídica e susceptible de imposición para efectos fiscais, constituída por un matrimonio ou parella de feito para a xestión conxunta da explotación agraria, diferenciando entre a titularidade da explotación e a titularidade dominical dos bens e os seus dereitos, cuxo réxime xurídico civil non se ve afectado en ningún caso.
Esta lei outorga a estas explotacións agrarias de titularidade compartida a condición de prioritarias, conforme a Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización de explotacións agrarias, de forma que gozarán da vantaxe de teren unha orde preferente na obtención de beneficios, axudas e demais medidas de fomento impulsadas polas administracións públicas, sempre que un deles sexa agricultor profesional e a renda unitaria de traballo que se obteña da explotación non supere nun 50 por 100 o máximo do establecido na lexislación correspondente para as explotacións prioritarias.
O 5 de xaneiro de 2012 entra en vigor a Lei 35/2011. Desde esa data na nosa Comunidade Autónoma está constituido o Rexistro de Titularidade Compartida de Explotacións Agrarias de Galicia.