Medio Rural
Inicio >> Áreas >> Explotacións >> Viñedo >> Control e certificación de vide
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Control e certificación de vide  

  1. Que é?
  2. Normativa
  3. Procedementos
  4. Introdución no sistema de certificación

1. Que é?

Enténdese por control e certificación de plantas de viveiro de vide, todo o conxunto de tarefas da Administración encamiñadas ao control do proceso produtivo e venda de calquera tipo de material vexetal de reprodución de vide, proceso que deberá cumprir cos requisitos obrigatorios preceptuados nos Regulamentos correspondentes para asegurar a calidade destes produtos.

Para producir e comercializar planta de viveiro de vide precísase dunha autorización da Consellería do Medio Rural, que se outorga unha vez comprobado o cumprimento da normativa que establece, entre outras condicións, os mínimos de capacitación profesional e instalacións precisas para a multiplicación destas plantas en viveiro.

No momento no que un viveiro, persoa física ou xurídica, é autorizado a producir e vender este material vexetal, queda sometido ao control nas diferentes fases da produción, dende o establecemento dos campos de pés nais e as entradas de materiais vexetais doutros viveiros, ata as saídas dos materiais vexetais producidos no viveiro (portaenxertos, púas e xemas, plantas enxertadas, etc) destinados ao comercio cos viticultores ou se é o caso con outros viveiros.

Un produtor de plantas de viveiro de vide en posesión do título acreditativo de autorización da administración, pode precintar e etiquetar a planta de viveiro de vide de acordo cos Regulamentos de control e certificación e polo tanto baixo supervisión oficial.

No caso de que unha persoa física ou xurídica teña interese en obter, para a súa posterior multiplicación polas canles anteriormente referidas, unha nova variedade, debe solicitar previamente a inscrición no rexistro de variedades comerciais da nova variedade en cuestión e se quere protexer os dereitos de obtención procederá ademais á inscrición no rexistro de variedades protexidas.

2. Normativa 

Real Decreto 1891/2008, do 14 de novembro, polo que se aproba o Regulamento para a autorización e rexistro dos produtores de sementes e plantas de viveiro e a súa inclusión no Rexistro nacional de produtores (95 Kb).

Lei 30/2006 do 26 de xullo, de sementes e plantas de viveiro e de recursos fitoxenéticos (444 Kb).

Lei 3/2000 do 7 de xaneiro (BOE nº 8 do 10/01/2000) de réxime xurídico da protección das obtencións vexetais (85 Kb).

Real Decreto 208/2003 do 21 de febreiro (BOE nº 48 do 25/02/2003) polo que se aproba o Regulamento Técnico de Control e Certificación de Plantas de Viveiro de Vide (59 Kb).

Real Decreto 1244/2008, do 18 de xullo, polo que se regula o potencial de produción vitícola (898 Kb).

Orde APA/2474/2006, do 27 de xullo, pola que se modifican determinados anexos do Regulamento Técnico de Control e Certificación de plantas de viveiro de vide aprobado polo Real Decreto 208/2003, do 21 de febreiro (135 Kb).

3. Procedementos 

  1. Solicitude do título de produtor autorizado. Rexistro de Produtores Obtentores, Seleccionadores e Multiplicadores de Plantas de Viveiro.

    Deberase presentar unha memoria técnica descritiva do proceso produtivo, das instalacións, da capacitación do persoal, das superficies dispoñibles que serán identificadas catastralmente, do material vexetal a producir e do ámbito de mercado previsto, todo isto seguindo os preceptos establecidos na normativa xa referida.

    Resumo dos requisitos para acadar o título de produtor de plantas de viveiro de vide (21 Kb)

    Viveiros produtores-multiplicadores de plantas de viveiro de vide (14 Kb)
  2. Certificación de plantas de viveiro de vide.

    Poden certificar plantas de viveiro de vide aquelas persoas físicas ou xurídicas que estean autorizadas e inscritas no Rexistro de Produtores Obtentores, Seleccionadores e Multiplicadores de Plantas de Viveiro e cumpran co establecido no Real Decreto 208/2003, do 21 de febreiro polo que se aproba o Regulamento Técnico de Control e Certificación de Plantas de Viveiro de Vide (BOE nº 48 do 25/02/2003).

    O material vexetal aparecerá no mercado coa correspondente etiqueta oficial acorde coa categoría da mesma. A categoría "certificada" identifícase cunha etiqueta cor azul e a categoría "estándar" cunha de cor marela, e nas dúas figuran os datos do produtor autorizado e do organismo responsable do control.

    etiqueta amarela etiqueta amarela
  3. Solicitude de rexistro dunha caste nova. Rexistro de variedades comerciais (catálogo común).

    Presentaranse en formularios normalizados cun cuestionario técnico descritivo da variedade a rexistrar, acompañado da documentación preceptiva que incluirá toda aquela información necesaria para a identificación da caste (estudios e ensaios previos, se procede). A documentación irá acompañada dunha mostra suficiente de material vexetal da caste obxecto do trámite de inscrición.
  4. Solicitude do título de obtención vexetal. Rexistro de castes protexidas.

    Que unha caste vexetal estea protexida implica que existe un sistema de protección dos dereitos do obtentor entendido como a persoa que teña creado ou descuberto e desenvolvido a devandita caste. Para a protección dunha variedade débese proceder ó trámite de inscrición da caste no rexistro de castes protexidas cubrindo a documentación pertinente que se xuntará á solicitude normalizada e ao xustificante do pago das taxas oportunas.

4. Introdución no sistema de certificación 

A Consellería do Medio Rural mediante o desenvolvemento do programa de selección clonal de videiras autóctonas de Galicia, traballa dende hai tempo na recuperación e selección das castes de vide que tradicionalmente se veñen cultivando nos viñedos galegos.

Os clons de vide seleccionados, de alta calidade sanitaria e varietal, teñen a súa vía máis axeitada de distribución ao sector vitivinícola a través do Sistema de certificación, pois é o único que garante e controla a conservación da devandita calidade. A recondución dos clons de vide seleccionados á canle de certificación só se realiza por medio da súa distribución entre o sector viveirista autorizado coa categoría de produtor-multiplicador de plantas de viveiro de vide.

O obxectivo último é facerlle chegar aos viticultores, polas canles de certificación oficial, o mellor material vexetal de vide con garantía de calidade sanitaria contrastada (castes de vide certificadas), para que poidan producir os mellores viños galegos destacando, mediante o emprego de variedades autóctonas, pola súa diferenciación e tipicidade.

Aquí (pdf, 245 Kb) pode consultar os pasos a seguir para a obtención do material vexetal seleccionado e a súa recondución ao sistema de certificación.

Control e certificacións

© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS