Medio Rural
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Tipos de instrumentos

1.-Proxecto de ordenación forestal: instrumento de ordenación forestal que sintetiza a organización do aproveitamento sustentable dos recursos forestais, madeireiros e non madeireiros, nun monte ou nun grupo de montes, para o cal debe incluír unha descrición do terreo forestal nos seus aspectos ecolóxicos, legais, sociais e económicos e, en particular, un inventario forestal cun nivel de detalle tal que permita a toma de decisións canto á silvicultura que se debe aplicar en cada unha das unidades do monte e á estimación das súas rendas, co obxectivo de obter unha organización estable dos distintos usos e servizos do monte, de acordo co establecido no artigo 79 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia

Ámbito dos proxectos de ordenación

a) Os montes públicos, os montes protectores e os montes de xestión pública.

b) Os montes veciñais en man común, as agrupacións forestais formalmente constituídas e os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo cunha superficie superior ás 25 hectáreas en couto redondo.

c) As persoas propietarias, sexan persoas físicas ou xurídicas de dereito privado, de montes particulares de superficie superior ás 25 hectáreas en couto redondo para unha mesma propiedade.

2.-Documento compartido de xestión forestal: instrumento de xestión forestal, de iniciativa privada para un conxunto de propietarios, onde ningunha superficie dunha mesma propiedade supere as 25 hectáreas en couto redondo, que debe incluír uns referentes de boas prácticas, unha planificación simple dos aproveitamentos dos recursos forestais, madeireiros e non madeireiros, e modelos silvícolas para os principais tipos de masa, de obrigado cumprimento, para os terreos forestais adscritos a el, de acordo co establecido no artigo 79 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

3.-Documento simple de xestión forestal: instrumento de xestión forestal que planifica as melloras e os aproveitamentos dos recursos forestais, madeireiros e non madeireiros, garantindo unha xestión forestal sustentable da superficie dunha mesma propiedade, sen  que ningún couto redondo supere as 25 hectáreas, de acordo co establecido no artigo 79  da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Ámbito dos documentos simples e compartidos de xestión forestal

a) Os montes veciñais en man común, as agrupacións forestais formalmente constituídas e os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo cunha superficie inferior ou igual ás 25 hectáreas en couto redondo.

b) A persoa propietaria, sexa persoa física ou xurídica, dun monte particular de superficie inferior ou igual ás 25 hectáreas en couto redondo.

4.-Documento de adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos: instrumento de xestión forestal para a xestión e o aproveitamento dos montes, baseado na análise das especies existentes, nas súas quendas de corta cando as ditas especies sexan arbóreas, e garantindo que non se poña en perigo a persistencia dos ecosistemas e que se manteña a capacidade produtiva dos montes, de acordo co establecido no artigo 76 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Ámbito dos documentos de adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos

a) Os montes veciñais en man común, as agrupacións forestais formalmente constituídas e os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo cunha superficie inferior ou igual ás 15 hectáreas en couto redondo.

b) As persoas propietarias, sexan persoas físicas ou xurídicas de dereito privado, de montes particulares de superficie inferior ou igual ás 15 hectáreas en couto redondo para unha mesma propiedade.

Definicións

Monte ou terreo forestal: Monte ou terreo forestal: todo terreo en que vexetan especies forestais arbóreas, arbustivas, de matogueira ou herbáceas, sexa espontaneamente ou que procedan de sementeira ou plantación, que cumpran ou poidan cumprir funcións ambientais, protectoras, produtoras, culturais, paisaxísticas, sociais ou recreativas. Terán tamén a dita consideración aqueles terreos descritos no número 1 do artigo 2 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e en ningún caso terán a dita consideración os dispostos no número 2 do artigo 2 da dita norma.

Couto redondo: Superficie forestal continua, entendendo que a dita continuidadenon se verá interrompida por límites naturais (ríos, lagos, encoros etc.), artificiais (vías decomunicación etc.) nin administrativos (concellos, provincias etc.).


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS