Medio Rural
Inicio >> Áreas >> Forestal >> Produción e industrias >> Autorizacións

Autorizacións  

Actividades relacionadas coa desaparición do arborado Utilización de maquinaria especial
Aproveitamento de madeira queimada Autorización ao pastoreo
Autorización de aradura Limitacións en zonas de alto risco
Autorizacións de competicións deportivas Comunicación de queima

Actividades relacionadas coa desaparición do arborado

Nos terreos arborados queimados prohíbese a realización de actividades cuxa viabilidade estea directamente relacionada coa desaparición do arborado, agás autorización expresa da Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais.

Esta autorización outorgarase, logo da solicitude do interesado, no prazo de tres meses dende a súa presentación nas delegacións provinciais da Consellería, entendéndose estimada de non terse resolto nese prazo.

Formulario (24 Kb)

Aproveitamento de madeira queimada

Os aproveitamentos de madeira queimada, con independencia da especie forestal, requiren a autorización previa da delegación provincial da Consellería do Medio Rural que debe ser solicitada polo propietario do terreo ou polo titular dos aproveitamentos.

A solicitude de autorización do aproveitamento ten que ir acompañada dos datos do comprador e do prezo de venda cando proceda. Se a delegación provincial non emite resolución no prazo dun mes, entenderase estimada por silenzo administrativo.

Formulario (25 Kb)

Autorización de aradura

A aradura de calquera terreo forestal para a implantación de cultivos agrícolas ou pasteiros esixe a obtención dunha autorización pola delegación provincial correspondente da Consellería do Medio Rural, despois do informe favorábel emitido polo Servizo Técnico Agrario da mesma delegación.

No caso de que a aradura de terreos forestais se vaia efectuar en terreos calificados como espazos naturais protexidos ou se atopen delimitados dentro de hábitats para a conservación de aves silvestres a autorización estará suxeita a informe previo favorábel da Consellería competente en materia de medio ambiente.

De terse producido un incendio forestal nos tres anos anteriores á solicitude, a autorización para a aradura darase só excepcionalmente e en atención a circunstancias especiais.

Se non se emite resolución expresa sobre a solicitude de autorización de aradura de terreos forestais no prazo de tres meses, esta entenderase estimada por silenzo administrativo.

Se se produce un incendio despois de emitida a autorización, a delegación provincial poderá paralizar a realización dos labores de implantación do novo uso ou revogar definitivamente a autorización.

Formulario (24 Kb)

Autorizacións de competicións deportivas

A utilización do territorio incluído en zonas de alto risco de incendios forestais para competicións automobilísticas, de motocrós, de quads e similares, debe ser autorizada pola delegación provincial da Consellería do Medio Rural. Esta autorización debe abranguer a competición e os adestramentos previos á mesma.

Os promotores das devanditas competicións deben achegar, xunto coa solicitude de autorización, o correspondente permiso do propietario ou propietarios do terreo forestal. No caso de que non se achegue, requerirase aos promotores para a subsanación do defecto e, de non facelo, considerarase desistido da súa petición

Se a delegación provincial da Consellería non emite a resolución no prazo dun mes, entenderase estimada por silenzo administrativo.

Formulario (25 Kb)

Utilización de maquinaria especial

Con carácter xeral, está prohibida a utilización, de maquinaria non forestal nin agrícola con ferramentas que poidan producir chispas ou soldaduras de calquera tipo, nas épocas de alto risco de incendios. Esta prohibición abrangue os montes e as áreas rurais situadas nunha franxa de 400 metros.

O uso desta maquinaria precisa da autorización da Dirección Xeral de Montes e industrias Forestais, previa solicitude, na que se achegará unha memoria explicativa dos traballos e as medidas previstas de prevención e extinción de incendios. A autorización está sempre condicionada polo cumprimento das devanditas medidas.

Formulario (24 Kb)

Autorización ao pastoreo

Está prohibido o pastoreo en todas as áreas arboradas e de monte raso que resulten afectadas por incendios forestais nun prazo mínimo de tres anos a partir da data na que se produce o lume e ata que as condicións de restauración da masa arborizada o permitan. Neste caso, e despois do informe favorábel dos distritos forestais, o exercizo do pastoreo pode ser autorizado pola delegación provincial da Consellería do Medio Rural.

Poderase autorizar o pastoreo, en casos excepcionais, nos que se acrediten perdas de dificil reparación ou inexistencia de alternativas ao pastoreo nas áreas afectadas por incendios forestais dentro da mesma comarca. Para iso é preciso un informe previo favorábel do distrito forestal.

Se a actividade do pastoreo se desenvolve en terreos calificados como espazos naturais protexidos ou hábitats para a conservación de aves silvestres, é preciso un informe previo favorábel da Consellería competente en materia de medio ambiente.

Se a Administración forestal non emite resolución no prazo de dous meses, entenderase estimada por silenzo administrativo.

Formulario (25 Kb)

Limitacións en zonas de alto risco

Nas zonas de alto risco de incendios forestais incluídas na relación que se publica anualmente, queda prohibida a utilización do lume para eliminar restos de aproveitamentos forestais e de tratamentos silvícolas, agás xustificación técnica da inexistencia doutras alternativas viábeis. Neste caso, a delegación provincial da Consellería do Medio Rural poderá autorizar a utilización do lume, logo de ter presentado a correspondente solicitude.

De non haber resolución no prazo dun mes entenderase estimada por silenzo administrativo.

A resolución que autorice a utilización do lume non exime da solicitude da correspondente autorización de queima.

Formulario (24 kb)

Permisos para a realización de queimas

Fóra da época de máximo perigo de incendios, comprendida entre o 15 de xuño e o 30 de setembro, para realizar traballos en terreos agrícolas e forestais nos que sexa imprescindible facer uso do lume, será obrigatorio dispoñer da correspondente:

  • Comunicación: para a queima de residuos agrícolas amoreados, que se presentará cunha antelación mínima dun día.
  • Autorización para:
    • a) Queimas de residuos forestais amoreados ou non
    • b) Queimas controladas (matogueira, pasteiros, cercados, etc.)
    • c) Calquera outro tipo de queima, excepto as incluídas no epígrafe anterior.
  • A autorización presentarase cunha antelación mínima de dous días.

As comunicacións e autorizacións de queima presentaranse, coa antelación fixada, nas oficinas provinciais do Servizo de Defensa contra Incendios Forestais, nas oficinas dos distritos forestais ou nos lugares que se habiliten a tal efecto.
Nas autorizacións establecerase o día ou días nos que se autoriza a realización da queima. A autorización será concedida gratuitamente.

Formulario (130 Kb)

© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS