Medio Rural
Inicio >> Áreas >> Forestal >> Silvicultura >> Sanidade forestal
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Sanidade forestal

A Rede Galega de Seguimento de Danos, integrada na rede estatal e europea, ofrece unha análise detallada do estado sanitario das masas forestais de 257 parcelas distribuídas por todo o territorio que dispoñen dunha notable representación de especies para determinar a detección, evolución, estado de enfermidades e pragas, dun xeito localizado e periódico no tempo, con criterios técnicos que permiten testar e controlar os exemplares mostreados.

Os plans de continxencia de sanidade vexetal atenden, ademais, ás posibles pragas que lle afectan, con carácter puntual, a determinadas especies ou zonas co obxectivo de mitigar as súas consecuencias.

Ademais, na Estación Fitopatolóxica de Areeiro desenvólvense métodos de loita contra pragas e enfermidades de especies e masas forestais con tecnoloxías avanzadas e persoal cualificado, co fin de poder estudar novos procedementos de determinación e de tratamentos eficientes, grazas a un convenio asinado coa Consellería do Medio Rural. Realízase, entre outros, un programa de control biolóxico do chancro de castiñeiro (Chyphonectria parasitica) mediante a aplicación de cepas hipovirulentas detectadas en Galicia e está en proceso de elaboración un programa de loita biolóxica contra as principais pragas de insectos que atacan o froito do castiñeiro, mediante a identificación de especies de nematodos entomopatóxenos (NEPs), coa obtención de cepas adaptadas ás condicións galegas e coa realización de ensaios no campo e no laboratorio para corroborar a súa eficacia contra estas pragas.

No ámbito divulgativo especializado, organízanse as Xornadas de Arboricultura, nas que se analizan factores ambientais, se expoñen investigacións relacionadas coa sanidade forestal e se procede á identificación e diagnóstico de fungos xilófagos que lle afectan ás diversas especies arbóreas, entre outros.

Plano de continxencia Fusarium circinatum (1.874 Kb)

 Plan de continxencia Bursaphelenchus xilophilus

Sanidade forestal

© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS