Medio Rural
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Boas prácticas forestais

Empresas de aproveitamento forestal

  1. As involucradas na xestión forestal, deberán, como é obrigado, cumprir coa lexislación vixente aplicable.
  2. Adoptarán as medidas necesarias para minimizar os impactos na vexetación remanente trala corta de rexeneración ou tratamento silvícola.
  3. Prestarán especial atención ao estado das vías e dos camiños forestais trala execución dos seus labores, debendo restablecer as condicións fisicomecánicas anteriores á realización da actividade.
  4. Evitarán prácticas que fomenten a aparición de pragas ou enfermidades efectuando, cando sexa posible, a trituración dos restos.
  5. Deberán advertir coa máxima celeridade á DXMIF-CMR cando detecten a aparición dunha posible praga ou enfermidade durante a súa actividade na unidade de xestión.
  6. Seguirán as indicacións da DXMIF-CMR no caso de incendios forestais. Informarán inmediatamente en canto se detecte fume ou calquera conato de incendio, avisarán aos servizos de prevención de incendios forestais (085 ou 112) e, de ser necesario, segundo a lexislación vixente, seguirán as indicacións do director de extinción.
  7. Velarán pola protección, mantemento e mellora das áreas de vexetación ripícola, é dicir, aquelas situadas nas marxes dos cauces fluviais, evitando a utilización de produtos químicos e a acumulación de residuos que poidan deteriorar os cauces dos leitos. Cumprirase en todo caso coa lexislación vixente na materia.
  8. Cumprirán coa lexislación vixente en materia de riscos laborais, posuíndo os operarios equipos de seguridade homologados e demais requirimentos durante a execución das prácticas forestais.
  9. Coñecerán e cumprirán os regulamentos e restriccións normativas existentes en materia de conservación da natureza.
  10. Mirarán polo mantemento, dentro da unidade de xestión, da limpeza de residuos causados polas actividades forestais. Evitarase a vertedura de residuos industriais (lubricantes, fuel) nos labores forestais, usando como norma xeral produtos biodegradables e acondicionando zonas para a limpeza de maquinaria e equipos.
  11. Manterán as obras limpas, sen restos de lixo espallados polo chan. Estes residuos urbanos deberanse recoller e depositar no contedor axeitado.
  12. De xenerarse residuos perigosos, deberán respectar as seguintes indicacións: os residuos perigosos non se poden mesturar con outros residuos, tampouco entre eles, débense eliminar a través dun xestor autorizado. Se se mesturan coa terra, extraerase a capa afectada, almacenarase no seu correspondente contedor/bolsa, e tratarase como residuo perigoso.
  13. Na medida do posible, deberán minimizar a emisión de contaminantes atmosféricos (gases de combustión da maquinaria e dos equipos, po) e acústicos, sendo aconsellable manter en perfecto estado a maquinaria e os equipos, planificar axeitadamente os tempos de transporte, circular con moderación naqueles lugares onde se xenere po, respectar os límites de velocidade e posuír, cando corresponda, o marcado CE ou a ITV.
  14. Almacenarán a madeira no monte ao carón da pista ou en cargadoiros, evitando posibles danos ou alteracións nos recursos forestais, principalmente auga e solo.
  15. Empregarán persoal especializado no ámbito forestal para a planificación, execución e control das actuacións.
  16. Cumprirán coa lexislación vixente aplicable, identificando e comunicando a quen corresponda a aparición de vestixios prehistóricos e históricos dentro da unidade de xestión forestal.
  17. Informarán á DXMIF-CMR dos tratamentos que se fagan nas superficies forestais por terceiros subcontratados, coidando que se cumpran as presentes prácticas.

© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS