Proceso voluntario mediante o que unha terceira parte independente da xestión forestal certifica, a través de auditorías, o cumprimento das normas de xestión forestal sustentable. Dá lugar a unha declaración escrita (un certificado) que acredita a orixe da madeira sen elaborar e a súa situación e características.
É un instrumento de mercado que lles garante dun xeito demostrable aos consumidores que ese recurso forestal provén de montes xestionados dunha forma sustentable.
O obxectivo da certificación é que quen a adopta poida contrastar as súas prácticas de ordenación forestal coas normas estipuladas e demostrar o seu cumprimento. A certificación da xestión forestal sustentable pode servir tamén para validar a afirmación dun produtor de que aplica prácticas respectuosas co medio ambiente ou para proporcionar datos contrastados dun xeito obxectivo sobre os produtos madeireiros e o bosque do que proceden. A superficie forestal certificada en Galicia abrangue preto das 120.000 ha.
Independentemente do sistema, a certificación forestal baséase na auditoría da implantación da xestión forestal sustentable (XFS), termo definido por primeira vez na Conferencia Ministerial para a Protección dos Bosques en Europa que tivo lugar en Helsinki no ano 1993:
“A administración e o uso dos bosques e terreos forestais, dun xeito e cunha intensidade tales que manteñan a súa biodiversidade, produtividade, capacidade de rexeneración e vitalidade e a súa capacidade para atender, agora e no futuro, as funcións ecolóxicas, económicas e sociais relevantes, a escala local, nacional e global, sen ocasionar prexuízos a outros ecosistemas”.
Un dos elementos fundamentais na implantación da XFS radica na ordenación do monte, e especialmente nos instrumentos de xestión dos montes, onde se recollen as directrices que deben ter en conta a multifuncionalidade na súa triple vertente: ambiental, económica e social.
Certificación da sustentabilidade da ordenación forestal - Certificación XFS
A certificación da XFS abrangue o inventario forestal, a planificación da ordenación, a silvicultura, o aproveitamento, a construción de estradas e outras actividades relacionadas, así como as repercusións ecolóxicas, económicas e sociais das actividades forestais.
Certificación dos produtos - Certificación da Cadea de Custodia
A certificación da cadea de custodia é o seguimento da madeira en rolo e dos produtos madeireiros elaborados a través das distintas fases do proceso de subministro.
A certificación forestal, na actualidade, é un proceso voluntario, porén a implantación de sistemas que certifiquen a XFS proporciona unha serie de vantaxes e beneficios para todos porque a certificación forestal:
Os dous principais sistemas de certificación son PEFC (Programme for the Endorsement of Forest Certification schemes ou Programa para o recoñecemento da Certificación Forestal) e FSC (Forest Stewardship Council ou Consello de Administración Forestal).
Obxectivos da Certificación Forestal PEFC:
En cada país, o órgano de goberno de PEFC -aberto á participación de todos os interesados na xestión forestal sustentable e equilibrado na súa constitución-, desenvolve nun foro público normas forestais e establece e define o sistema de certificación dos bosques e os seus produtos, que se someten ao Consello PEFC para a súa aprobación.
Ir á web
Obxectivos da Certificación Forestal FSC:
Este proceso remata cunha declaración escrita ou certificado FSC, que finalmente garante ao consumidor que os produtos forestais certificados proceden de montes aproveitados de xeito racional, de acordo a uns estándares internacionais que contemplan aspectos ambientais, sociais e económicos e que definen os niveis mínimos de boa xestión para os bosques de todo o mundo.
Información pública e participación cidadá
A Xunta de Galicia, aberta á participación de todos os interesados na xestión forestal sostible, pon á súa disposición o correo electrónico certificacion.forestal.cmrm@xunta.es para que poidan requirir información sobre a certificación forestal dos montes xestionados pola Consellería do Medio Rural, ou para achegar calquera tipo de suxestión.
Así mesmo, os informes públicos resumo das auditorías de xestión forestal sostible realizadas, atópanse a disposición de quen o solicite na Secretaría Xeral do Medio Rural e Montes.
.