Medio Rural
Inicio >> Áreas >> Gandaría >> Benestar animal
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Benestar animal  

Un dos principios nos que se basea a política da UE é que non se deben causar aos animais danos ou sufrimentos innecesarios. Isto desenvólvese nunha serie de normas sobre o benestar dos animais que establecen as condicións nas que se poden criar e nas que se poden transportar e sacrificar estes animais.

Normativa sobre benestar dos animais na granxa

Normativa sobre protección dos animais durante o transporte.

Normativa sobre a protección dos animais no momento do sacrificio.

Normativa sobre a protección dos animais utilizados en experimentación animal.

Formación.

 

Normativa sobre benestar dos animais na granxa

Explotacións gandeiras en xeral

A normativa xeral básica en materia de benestar dos animais nas granxas é o Real decreto 348/2000 do 10 de marzo (modificado polo Real Decreto 441/2001 do 27 de abril) -premer aquí-.

Este Real Decreto é a transposición ao ordenamento xurídico español da Directiva 98/58/CE, que inclúe os principios de provisión de estabulación, comida, auga e coidados axeitados ás necesidades fisiolóxicas e etolóxicas dos animais, de acordo coa experiencia adquirida e os coñecementos científicos. Tamén inclúe os requisitos que deben cumprir os seus coidadores.

Establece, entre outras cousas, a obriga dun libro de rexistro na explotación no que se anoten todos os tratamentos médicos realizados, así como o número de animais mortos descubertos nas inspeccións que se deben facer regularmente. O devandito rexistro debe ser conservado durante 3 anos como mínimo.

Esta norma non se aplica aos animais que viven no medio natural, aos destinados a participar en competicións, exposicións ou actos ou actividades culturais ou deportivas, aos animais destinados a experimentación e aos animais invertebrados.

A Decisión 2000/50/CE da Comisión armoniza o formato, o contido e a periodicidade dos informes que se deben remitir á Comisión Europea de acordo coa Directiva 98/58/CE.

Ademais desta lexislación xeral, existen outras normas que establecen as características específicas das condicións de cría dalgunhas especies gandeiras, como son as que afectan ao vacún (tenreiros menores de 6 meses), ao porcino, ás galiñas poñedoras e aos polos de carne.

En certas especies gandeiras que non contan con normativa específica propia de benestar animal, a normativa de ordenación sectorial establece algúns requisitos en materia de protección animal. Tal é o caso do Real decreto 804/2011 -premer aquí-, do 10 de xuño, polo que se regula a ordenación zootécnica, sanitaria e de benestar animal das explotacións equinas e se establece o plan sanitario equino (BOE, nº 157, de 2 de xullo), ou o Real decreto 1221/2009, do 17 de xullo -premer aquí-, polo que se establecen normas básicas de ordenación das explotacións de gando porcino extensivo e polo que se modifica o Real decreto 1547/2004, do 25 de xuño -premer aquí-, polo que se establecen as normas de ordenación das explotacións cunícolas (BOE nº 187, de 4 de agosto)

Vacún (tenreiros)

O Real Decreto 1047/1994 do 20 de maio (BOE do 7 de xullo), (modificado polo Real decreto 229/1998 e polo Real decreto 692/2010) -premer aquí-, establece as normas mínimas específicas para a protección dos puchos nas explotacións gandeiras. Esta norma establece os espazos mínimos nas explotacións de puchos, as condicións de cría dos mesmos e os controis a realizar polos organismos competentes das Comunidades Autónomas. Así mesmo, establece que para ser importados no territorio estatal, os animais procedentes dun país terceiro deberanse acompañar dun certificado expedido pola autoridade competente dese país que certifique que os mesmos se beneficiaron dun trato, cando menos, equivalente ao concedido aos animais de orixe comunitaria.

Porcino

O 1 de xaneiro de 2003 entrou en vigor o Real decreto 1135/2002, do 31 de outubro (BOE 20 de novembro) -premer aquí-, relativo ás normas mínimas para a protección dos porcos. Esta normativa, que derroga o Real decreto 1048/1994, do 20 de maio, incorpora ao ordenamento xurídico español as Directivas 2001/88/CE e 2001/93/CE, que modifican a Directiva 91/630/CE. Desta normativa pódense salientar varios puntos. Dende o punto de vista do manexo de animais, establécense, entre outras cuestións, a idade de destete, as condicións para levar a cabo mutilacións, ou as condicións sobre o tipo de chans utilizables; ademais, os animais deben ter acceso permanente a materiais para a súa manipulación. Tamén se establece un nivel máximo de ruído e mínimo de luz. Por outra banda, é obrigatorio que o persoal encargado do coidado dos animais reciba formación específica sobre benestar animal.

Aves

Galiñas poñedoras. O Real Decreto 3/2002 do 11 de xaneiro, polo que se establecen as normas mínimas de protección das galiñas poñedoras -premer aquí- (BOE do 15 de xaneiro de 2002) é a transposición da Directiva 1999/74/CE. Esta norma modificou de xeito progresivo e significativa, as condicións de cría destes animais. Prohibiu as novas instalacións de gaiolas non acondicionadas a partir do 1 de xaneiro de 2003, estableceu condicións máis exixentes para os sistemas alternativos de cría dende o 1 de xaneiro de 2002 nas explotacións de nova creación. Ademais, dende o 1 de xaneiro de 2007 é obrigatorio que todas as explotacións de cría mediante sistemas alternativos se adapten ao citado Real decreto. Para rematar, a partir do 1 de xaneiro de 2012 prohibiuse o uso de gaiolas non acondicionadas.

Aves de carne (broiler). O Real decreto 692/2010, do 20 de maio, establece as normas mínimas para a protección dos polos destinados á produción de carne e modifica o Real decreto 1047/1994, do 20 de maio, relativo ás normas mínimas para a protección dos terneiros -premer aquí- (BOE do 3 xuño de 2010). Incorpora ao dereito español a Directiva 2007/43/CE, do Consello, do 28 de xuño de 2007. Neste texto establécese entre outros requisitos unha densidade máxima de poboación, nunha explotación ou nun galiñeiro dunha explotación, de 33 quilogramos de peso vivo por metro cadrado de zona utilizable, densidade que pode chegar aos 39-42 quilogramos cando se cumpran os criterios que establece o Real decreto.

No Real decreto 1084/2005 -premer aquí-, do 16 de setembro, modificado polo RD 692/2010, de ordenación da avicultura de carne regúlanse algúns aspectos de benestar animal.

As condicións para a produción doutras aves, veñen fixadas polas recomendacións do Consello de Europa adoptadas polo Comité Permanente o 22 de Xuño de 1999.

En canto ao benestar dos patos e gansos criados para a produción de foie-gras, pódese consultar a recomendación relativa aos patos criollos ou de berbería (cairina moschata) e os híbridos de patos criollos e de patos domésticos (anas platyrhynchos) adoptada polo Comité Permanente o 22 de xuño de 1999 -premer aquí-.

Animais de peletería

As normas que regulan o benestar dos animais criados para peletería son as xerais descritas no Real decreto 348/2000, do 10 de marzo, relativo á protección dos animais nas explotacións gandeiras -premer aquí-.

O Regulamento (CE) 1099/2009, do 24 de novembro, de protección dos animais no momento da matanza -premer aquí-, establece requisitos específicos para os sacrificios dos animais de peletería.

Existe tamén unha recomendación relativa aos animais para peletería, adoptada polo Comité Permanente o 22 de xuño de 1999 -premer aquí-.

Normativa sobre protección dos animais durante o transporte

A normativa básica nesta materia é o Regulamento (CE) nº 1/2005, do Consello, do 22 de decembro de 2004, relativo á protección dos animais durante o transporte e as operacións conexas e polo que se modifican as Directivas 64/432/CEE e 93/119/CE e o Regulamento (CE) nº 1255/97 do 22 de decembro) -premer aquí-.

Esta norma é complementada polo Real decreto 542/2016, do 25 de novembro, sobre normas de sanidade e protección animal durante o transporte -premer aquí-. Este Real decreto derroga ao RD 751/2006, desenvolve o artigo 47 da Lei 8/2003, de Sanidade Animal, e o relativo ao rexistro de transportistas e medios de transporte previsto no Regulamento (CE) nº 1/2005.

Algúns puntos a destacar desta normativa en relación o benestar animal son:

  • Defínense as obrigas do transportista (incluíndo a responsabilidade de que os animais incluídos no transporte sexan aptos para realizalo), regúlanse as autorizacións de transportistas e dos contedores e medios de transporte.
  • Se especifica a documentación obrigatoria que debe acompañar o movemento de animais (incluíndo o certificado de competencia en benestar animal no transporte).
  • Recóllese a formación en benestar animal necesaria para o transporte.

A Decisión 2001/298/CE modifica os modelos de certificado que deben acompañar aos animais para asegurar que no momento da inspección se atopaban en condicións de facer a viaxe.

As paradas obrigatorias que deben realizar os transportes de animais cando superen unha determinada cantidade de horas (fixada no Regulamento (CE) nº 1/2005, para cada especie) débense realizar nos lugares autorizados ao efecto pola autoridade competente, xa non se denominan puntos de parada senón postos de control. As características destes postos de control veñen fixadas no Regulamento (CE) nº 1255/97 do Consello do 25 de xuño de 1997 -premer aquí- sobre criterios comunitarios que deben cumprir os puntos de parada e polo que se adapta o plan de viaxe mencionado no Anexo da Directiva 91/628/CEE, (modificado polo Regulamento (CE) nº 1040/2003 do Consello do 11 de xuño de 2003 -premer aquí- e polo Regulamento (CE) nº 1/2005).

O listado de puntos de parada autorizados na Unión Europea actualízase periodicamente e pódese consultar na seguinte ligazón:

https://ec.europa.eu/food/sites/food/files/animals/docs/aw_list_of_approved_control_posts.pdf

Para obter información adicional sobre as condicións de viaxe dos animais por vía aérea, pódese consultar as normas da Asociación de Transporte Aéreo Internacional (IATA) relativas aos animais vivos (en inglés).

http://www.iata.org/whatwedo/cargo/live-animals/Documents/animalschecklist-en.pdf

O pago das restitucións á exportación de animais vivos no sector vacún está ligado ao cumprimento da normativa sobre benestar animal durante o transporte. Este aspecto vén organizado polo Regulamento(UE) nº 817/2010 da Comisión, do 16 de setembro -premer aquí-.

Normativa sobre a protección dos animais no momento do sacrificio

A normativa vixente en materia de protección dos animais durante o seu sacrificio ten por obxecto adoptar normas mínimas para garantir que se evite calquera dor ou sufrimento innecesario, e asegurar ao tempo o desenvolvemento racional da produción e a realización do mercado interior de animais e produtos animais, evitando posibles distorsións á competencia.

O Regulamento (CE) 1099/2009, de 24 de septiembre, de protección dos animais no momento da matanza -premer aquí-, regula os requisitos xerais da matanza e as operación conexas a esta, os requisitos adicionais aplicables aos matadoiros e as condicións de baleiro sanitario e matanza de emerxencia.

Esta norma non é aplicable aos experimentos científicos (que teñen a súa propia normativa), aos animais aos que se dea morte en manifestacións culturais e deportivas, á caza e pesca recreativa e ás aves de curral, os coellos e as lebres sacrificados polo seu dono fóra dun matadoiro para o seu consumo doméstico privado.

Matanzas domiciliarias de porcino  

A matanza domiciliaria do porco constitúe unha práctica tradicional no medio rural galego amplamente estendida na nosa xeografía.

Como xa se indicou anteriormente, o benestar dos animais é un valor consagrado a nivel da Unión Europea, característico das sociedades máis avanzadas, e a protección dos animais no momento do seu sacrificio ou matanza é unha cuestión de interese social que mesmo inflúe na actitude dos consumidores ante os produtos obtidos.

A matanza pode provocar dor, angustia, medo ou outras formas de sufrimento aos animais, mesmo realizándoa nas mellores condicións técnicas dispoñibles. Ao respecto, a normativa comunitaria e nacional na materia sinala expresamente que non se causará aos animais axitación, dor ou sufrimentos evitables durante as operacións de suxeición, aturdimento e sacrificio ou matanza.

Polo tanto, o sacrificio dos porcos en matanzas domiciliarias debe efectuarse da forma mais rápida e indolora posible, e sempre con atordamento, sen infrinxir aos animais danos ou sometelos a calquera práctica que lles podan producir sufrimentos inxustificados. O sangrado dos animais debe comezar o antes posible despois do atordamento, e deberá efectuarse de maneira que se provoque o desangrado rápido, profuso e completo. En calquera caso, debe efectuarse o sangrado antes de que o animal recobre o coñecemento.

En todo caso, o atordamento debe realizarse mediante algún dos métodos permitidos pola normativa e que, cando se aplique a un animal, provoque de inmediato un estado de inconsciencia que se prolongue ata que se produza a morte do animal. O método máis utilizado nas matanzas domiciliarias de porcos é a pistola de clava perforadora.

O respecto ás condición de benestar animal no sacrificio, ten influencia na calidade das carnes obtidas. Realizar o sacrificio sen provocar a fatiga do animal consecutiva a un prolongado sufrimento asegura a obtención de carne con maior cantidade de hidratos de carbono, o que é un aspecto fundamental para a conservación e calidade dos produtos obtidos da matanza. Deste xeito, o manexo do gando de forma eficiente, experta e calmada, utilizando as técnicas e instalacións recomendadas e tomando medidas para evitar a dor e lesións accidentais, reducirá o estrés nos animais e evitará deficiencias na calidade das carnes e dos seus produtos elaborados.

As matanzas domiciliarias aínda que polo seu volume representen unha porcentaxe moi pequena en comparación co sacrificio industrial, non deixan de conformar unha importante actividade tradicional, chea de matices culturais propios do ámbito rural. Xa que actualmente existen poucas publicacións que aborden a materia cremos convinte profundar no tema desde a perspectiva da sanidade e o benestar animal.

Achégase un manual sobre as matanzas domiciliarias de porcino que recolle as normas e recomendacións legais, aspectos relativos ao manexo e ao comportamento dos porcinos así como os sistemas e equipos que se van utilizar durante o seu sacrificio na explotación. Pretende facilitar as operacións de sacrificio aos gandeiros e matachíns sen que esquezan a importancia de respectar e tratar dignamente aos animais no momento da súa morte.

www.ibader.gal/archivos/201601_MonografiaPecuaria_MTZ-40.pdf

Normativa sobre a protección dos animais utilizados en experimentación animal

O Real Decreto 53/2013, do 1 de febreiro (BOE nº 34, do 8 de febreiro) -premer aquí-, polo que se establecen as normas básicas aplicables para a protección dos animais utilizados en experimentación e outros fins científicos, incluíndo a docencia, regula os aspectos de protección animal nestes animais, tanto en materia de aloxamento e manexo dos animais como en requisitos específicos dos procedementos levados a cabo nestes establecementos.

Esta normativa contempla a existencia de “órganos habilitados”, entidades públicas ou privadas que deben ser designadas pola autoridade competente e que lles habilita para algunhas funcións establecidas neste real decreto e, expresamente, para a preceptiva avaliación previa dos proxectos de experimentación solicitados polos centros usuarios. A designación destes órganos pola autoridade competente debe realizarse de acordo cun procedemento regulado establecido.

Tamén hai que atender á Orde ECC/566/2015, de 20 de marzo -premer aquí- pola que se establecen os requisitos de capacitación que debe cumprir o persoal que manexe animais utilizados, criados ou subministrados con fins de experimentación e outros fins científicos, incluíndo a docencia, e que ten como finalidade garantir a protección e o benestar dos animais, posto que un factor esencial na protección do benestar dos animais utilizados nestes fins é a axeitada capacitación do persoal encargado do seu manexo.

Formación

En Galicia contamos co Decreto 60/2007, do 22 de marzo, polo que se regulan os cursos de formación en materia de benestar animal, se establece o procedemento de autorización das entidades de formación e se crea o rexistro destas (DOG nº 67, do 4 de abril) -premer aquí-, no que se establecen os contidos formativos que deben conter os cursos de formación en materia de protección animal naquelas parcelas onde a normativa esixa a acreditación da citada formación (porcinocultores, avicultores de carne e transportistas). Tamén se establecen os requisitos para a autorización das entidades de formación que impartan estes cursos.

 

Benestar

© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS