Medio Rural
Inicio >> Áreas >> Gandaría >> Cooperativismo >> CUMA
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Cooperativas de utilización de maquinaria agrícola

A Consellería do Medio Rural considera de interese fomentar a constitución e o funcionamento das cooperativas de utilización de maquinaria agrícola (CUMA), a utilización baixo fórmulas asociativas da maquinaria agrícola e a promoción de novas tecnoloxías en maquinaria e equipamentos agrarios. O obxectivo é lograr unha correcta racionalización do parque de maquinaria de uso agrario, mellorando os servizos e abaratando custos nas explotacións agropecuarias galegas.

Prenténdense solucionar os problemas de man de obra dende unha dobre vertente, cuantitativa e cualitativa, nas explotacións; contribuír á creación de unidades produtivas máis eficientes e sustentables dende a perspectiva tanto económica como social, o que redunda nunha mellora da calidade de vida da poboación adicada ás actividades agrarias e contribúe tamén a unha maior fixación da poboación no medio rural.

Foméntase tamén a incorporación de modernas técnicas de produción e de racionalización do uso dos medios, así como de novas tecnoloxías e máquinas polivalentes, que permitan o aforro enerxético, a supresión de mecanismos de alto risco, a diminución da contaminación atmosférica e acústica e a mellora das condicións de traballo no medio agrario, así como a diminución dos seus custos.

Tendo en conta a estrutura e a dimensión da maioría das explotacións galegas, o elevado custo de adquisición da maquinaria e as quendas de traballo para a súa amortización, proponse como unha solución para reducir custos, sen detrimento da produtividade, o uso en común dos apeiros, máquinas e equipos por parte de varios agricultores baixo un réxime de carácter asociativo e colectivo, que englobe os traballos varios no eido agrícola, gandeiro e forestal, dado que o medio rural galego conforma un complexo que engloba frecuentemente estes tres sectores dentro da mesma unidade produtiva.

Quérese así evitar o elevado grao de mecanización de xeito individual das explotacións agropecuarias galegas implica un volume de investimentos e gastos que no contexto actual de desenvolvemento do sector agrario é necesario reducir para que poidan ser competitivas nuns contornos socioeconómicos cada vez máis axustados e esixentes.

CUMA

© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS