Medio Rural
Inicio >> Áreas >> Gandaría >> Razas autóctonas >> Canina >> Guicho ou Quisquelo
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Guicho ou Quisquelo

Ficha técnica
Nome: raza Guicho ou Quisquelo.
Outras denominacións incorrectas: coelleiro.
Área de orixe: zona centro de Galicia.
Aptitudes: cazador especializado na caza do coello de monte de Galicia.
Feiras onde se pode ver: Silleda (Feira Internacional Semana Verde de Galicia), Luíntra (EXPOCAN) e a feira de Vilalonga (Sanxenxo).
Club da raza: Club de Raza do Can Guicho ou Quisquelo.

Historia e orixe da raza
De orixe indoeuropea, posiblemente sexa unha das razas máis antigas da Península Ibérica, traída probablemente polos pobos precélticos atlánticos e os celtas, xunto co resto das invasións nórdicas e xermánicas (suevos, bretóns/britanos, visigodos e normandos); debido ás súas grandes semellanzas e orixe común, probablemente estea emparentado co Västgötaspets sueco ou Can dos Visigodos, así como tamén cos Corgi Galeses, Cardigan e Pembroke.

Neste sentido, hai que sinalar que xa en tempos precélticos, na Idade de Bronce, os Oestrimnios mantiñan relacións marítimas comerciais con Irlanda, oeste de Inglaterra (Britannia), Bretaña (Armórica), Países Baixos e Dinamarca. Era a vella ruta megalítica; coa explotación do estaño dos montes e o ouro dos ríos, estableceuse un comercio no que se exportaba estaño, cobre, ouro, prata, peles e cerámica. Así, pezas da metalurxia galega (armas, obxectos utilitarios, xoiaría de ouro e bronce) foron atopadas en toda a costa atlántica.

En relación con este tipo de cans, os celtas da zona do País de Gales e Cornualles (britanos) utilizábanos para a cacería e apreciaban moito os seus dotes de intelixencia e vixilancia, polo que o admitían nas súas casas e confiábanlle a custodia dos seus nenos.

Área de orixe e distribución
A súa orixe esténdese por toda a área noroccidental da Península Ibérica, en montañas de 600 m a 800 m sobre o nivel do mar, en zonas de monte con espesa vexetación arbustiva do tipo toxo, urce, carrasca, carpaza, codesos ou xesta, que conforman un monte baixo, moi pechado, quebrado e arborado.

Actualmente, distribúese fundamentalmente por todas as zonas de coello de monte de Galicia, nas provincias de Pontevedra (Silleda, Lalín, Rodeiro, Dozón e Agolada, entre outros), Ourense (Oímbra, Verín ou A Mezquita), atopándose tamén de xeito esporádico algúns exemplares pola zona centro das provincias de Lugo e da Coruña. Os bos exemplares en pureza non abundan, sendo moi solicitados e requiridos polos cazadores, polo que, dadas as súas características como cazador e o solicitado que está, quen posúe un bo exemplar non adoita prodigarse en estender os seus descendentes, polo desexo de dispoñer dos mellores cans de caza da zona.

Función zootécnica
Can de caza, principalmente do coello. Dotado dunha gran coraxe polo que tamén persegue o raposo. Pode ser empregado tamén para a detección do xabaril.

Prototipo racial
1.- Características xerais
Aparencia xeral
Animal de tipo lupoide (Mégnin P., 1897), de perfil recto, de pequeno tamaño, duns 30-42 cm na cruz, mesomorfo, harmonioso nas súas proporcións, coas orellas guichas, de onde toma o nome (Guicho). As femias son lixeiramente máis miúdas e de proporcións máis lonxilíneas.

Temperamento e comportamento
Presentan un carácter inquedo e vivaz que, xunto coa súa rusticidade, combatividade, bravura, coraxe, axilidade, resistencia e tenacidade sobre o terreo galego (é un can totalmente adaptado aos toxos, silveiras e monte baixo) e a súa particular forma de furar as toxeiras, fano inmellorable na caza do coello de monte en Galicia, onde outras razas non son quen de traballar; pode ser empregado en ocasións para atopar e levantar da cama o raposo e, mesmo, o xabaril, sendo por iso enormemente valorado polos cazadores.

Animal silencioso na procura da caza, no momento de atopar o rastro recente e fresco, moi próximo ao coello, avisa dunha forma sonora característica, xunto cos típicos movementos ostensibles e moi rápidos do rabo.

2.- Características rexionais
Cabeza
A cabeza é de tamaño medio e ben proporcionada co resto do corpo, na súa forma e aspecto lembra, en ocasións, ao raposo, cunha expresión vivaz e intelixente. Cranio ancho e plano entre as orellas. A depresión frontonasal é nítida pero moderadamente marcada, o fociño redúcese gradualmente ata o nariz, sendo algo máis curto có cranio. Nariz normal. Os beizos son normais, con tendencia a ser moi apertados e a mordedura é en tesoira. Os ollos son medianos, ovalados e de cor en relación coa capa.

A característica máis salientable é que presentan as orellas totalmente erguidas (guichas), esta característica faise aínda máis evidente no momento da caza, que é a súa gran paixón; son de mediano tamaño, afiadas, ríxidas cara ás puntas, móbiles e recubertas de pelo moi fino.

Por outra banda, de cando en vez , aparecen algúns exemplares coas orellas pouco guichas, o que non é desexable, así como tamén cuns defectos moi graves como son os prognatismos e enognatismos, os exoftalmos e os perfís cóncavos e convexos, que non son característicos deste tipo de cans e si doutras razas foráneas.

Pescozo
Presenta un pescozo de bo porte, musculoso, de tamaño medio e proporcionado coa cabeza e co corpo do animal.

Tronco
O tronco é compacto, harmónico. A liña dorso-lumbar non debe ser demasiado alongada, sendo recta e lixeiramente descendente, sen formar concavidade; co dorso recto e musculoso, cun lombo curto e forte. Cruz dos cadrís curta, forte, ancha e pouco caída. Tórax amplo, profundo, con costelas redondeadas, cun perímetro torácico que adoita exceder nun cuarto a alzada á cruz. Ventre non voluminoso, que se recolle levemente ata as virillas. O rabo normalmente lévao baixo ou horizontal, levantándoo cando está en acción pero sen enroscalo.

Extremidades
As extremidades deben ser rectas, fortes, ben verticais e dereitas, proporcionadas tanto en lonxitude como en grosor ao tronco e ao resto do animal, dando en conxunto a impresión de harmonía que caracteriza estes animais. O pequeno tamaño non vai en contra da harmonía nas súas formas e do conxunto xeral do animal.

Cómpre subliñar que este animal non é en absoluto acondroplásico polo que, se o for, considérase un defecto moi grave, do que hai que fuxir, xa que, ademais de ser unha característica indesexable, é un síntoma de influencia de razas foráneas.

Nas extremidades anteriores a escápula debe formar un ángulo de 45º respecto do plano horizontal e co brazo forma unha inclinación de 90º. Os cóbados están ben implantados e adheridos ás costelas, con liberdade de movementos. Patas o máis dereitas posible. Os pés son de tamaño pequeno, curtos e ovalados, con amofadas plantares robustas e ben redondeadas. Unllas curtas e duras.

Nas extremidades posteriores a nádega forte e flexible. Pernil musculoso e lixeiramente máis longo cá distancia do xarrete ao chan. Os xarretes son dereitos e paralelos. Estrutura ósea forte. Os pés son de tamaño pequeno, curtos e ovalados, con amofadas plantares robustas e ben redondeadas. Unllas curtas e, en ocasións, algúns exemplares presentan esporóns, ou sexta unlla, nas extremidades posteriores.

Movemento
Soltos, activos e rápidos.

Manto
Capa (cor): no referente ás capas (cores), atópanse practicamente todas dende as areas, amarelas, canelas, chocolate ou fígado, normalmente cunha cor uniforme ou tamén bicolores e tricolores; nestes casos, amosan as outras cores nas extremidades, pescozo, fociño e/ou cara (fígado-canela, negro-canela, area-branco, negro - canela - branco), así como tamén exemplares alobados (pelos de cor amarela e, nas puntas, negros), atigrados escuros ou grises, con pelo de cobertoira escura no dorso, o pescozo e as costas, descendendo cara ás costelas; zonas de gris claro ou amarelas no fociño, gorxa, peito e pés. As particularidades brancas localízanse fundamentalmente nas extremidades e nos dedos, no peito, pescozo, cara, fociño e borlón do rabo. Segundo refiren os criadores, os que teñen a capa alobada ao nacer presentan inicialmente unha tonalidade violeta que cambia co crecemento.
Pelo: o pelo é denso, tupido e de lonxitude media, en ocasións atópanse animais cun pelo de cobertoira algo máis longo e con subpelo, sendo preferidos por algúns cazadores, por estaren mellor protexidos fronte ás xeadas da alba.

Tamaño e peso
Alzada á cruz: machos de 34-42 cm; femias de 30-38 cm.
Peso: machos 8-12 kg; femias 6-10 kg.

3.- Faltas
Calquera desviación dos criterios mencionados débese considerar unha falta, sendo a gravidade desta proporcional ao grao de desviación respecto do estándar.

4.- Defectos
Orixina a diminución máis ou menos acusada dalgunha función determinada do animal, que pode ser total, parcial ou rexional, dependendo do grao no que se vexa eivada a aptitude esencial do animal (coxeiras en extremidades, ablacións ou mutilacións en orellas e rabo, ausencia de pezas dentarias por extraccións e traumatismos en ollos con perda de visión, entre outros).

5.- Faltas ou defectos descualificables
Son aquelas características que non se axustan aos criterios mencionados no estándar da raza, e son excluíntes en por si; dependentes dun compoñente xenético que achega uns caracteres non contemplados, nin desexados, no prototipo racial. Neste sentido, é importante excluír a presenza de animais con anomalías psíquicas e con defectos anatómicos e/ou de tipo, ligados a xenes indesexables, como poden ser as inestabilidades ou desequilibrios de carácter anormais, con agresividades extremas sen provocación ningunha, a epilepsia, a ausencia dalgún testículo nas bolsas escrotais (monorquidia e criptorquidia), a displasia de cadeira, o ananismo acondroplásico, a atrofia progresiva da retina, os exemplares con prominencia excesiva do globo ocular (exoftalmia), os peches incorrectos das arcadas dentarias (prognatismos e enognatismos), a ausencia de máis de dous premolares e os albinismos, entre outros.


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS