Medio Rural
Inicio >> Áreas >> Gandaría >> Razas autóctonas >> Canina >> Perdigueiro galego
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Perdigueiro galego

Ficha técnica
Nome: raza Perdigueiro Galego.
Outras denominacións incorrectas: can das perdices.
Área de orixe: Galicia.
Aptitudes: can de mostra, especializado na caza de pluma (perdiz, arcea, paspallás).
Feiras onde se pode ver: Silleda (Feira Internacional Semana Verde de Galicia).
Club da raza: Club de Raza do Perdigueiro Galego.

Historia e orixe da raza
As súas orixes remóntanse ao tipo antigo de braco italiano que, orixinariamente, chegou a Hispania, hai séculos, cos romanos e estableceuse en toda a zona comprendida entre o norte da provincia da Lusitania e o sudoeste do que hoxe é Francia, sufrindo cambios morfolóxicos nas diferentes rexións xeográficas (biotipos), o que o levou a ser coñecido con diversos nomes, dependendo das súas adaptacións aos diferentes medios: Perdigueiro Portugués, Perdigueiro Galego, Perdigueiro, de Burgos, Pachón, de Navarra ou de Vitoria, Braco Español ou antigo Can de Punta Español-Ibérico, Braco Francés tipo Gascuña e Braco Francés tipo Pirineos (máis lixeiro). Este tipo de can, concretamente o Perdigueiro Portugués e o antigo Can de Punta Español-Ibérico, foron os que deron lugar posteriormente ao Pointer Inglés, e o Perdigueiro de Burgos orixinou o Braco Alemán.

Área de orixe e distribución
A súa área de orixe comprende toda a zona noroccidental da Península Ibérica, con terreo quebrado de bosque e monte baixo, con toxeiras e abundante vexetación arbustiva, onde hai poucos espazos abertos.

Era frecuente velos nas zonas ourensás da Mezquita e Viana do Bolo, así como nos concellos de Riós, Laza e A Veiga. A partir da década dos setenta, coa introdución das razas foráneas, foi moi mesturado e practicamente absorbido polos Pointers e Bracos Alemáns, o que causou o declive e a práctica desaparición desta raza. Nestes momentos estase intentando recuperar a partir dos poucos exemplares que aínda se poden atopar en maior ou menor pureza, dispersos polas provincias de Lugo e, sobre todo, Ourense.

Función zootécnica
Can de caza na modalidade de mostra; ideal para a pluma, tamén se pode adestrar para a caza de pelo.

Prototipo racial
1.- Características xerais
Aparencia xeral
Can de tipo bracoide (Mégnin P., 1897), de tamaño mediano, eumétrico e mesomorfo; ben proporcionado, de aspecto rexo, con peito amplo e con estrutura sólida, trotador, de movementos flexibles, forte e resistente. É excelente como can de mostra e bo cobrador tanto na terra coma na auga.

Segundo refiren os antigos criadores/cazadores, algúns deles nacían co nariz fendido.

Temperamento e comportamento
Animal de carácter dócil, obediente e agarimoso, presenta un temperamento de gran coraxe e valentía na caza, pois non se amedrenta fronte aos toxos nin coas silvas á hora de procurar e cobrar a peza abatida polo cazador. Presenta un grande olfacto e é un buscador activo, tanto ventando coma tamén por rastro, bate o terreo con método, atención e minuciosidade, adaptándose aos máis variados medios e climas, mantendo un contacto continuo co cazador, ao que lle transmite, coas súas características actitudes corporais, as impresións olfactivas captadas, presentando unha mostra firme e ríxida, con músculos tensos, rabo alto e cabeza inmóbil.

Traballa preto do cazador, utilizando alternativamente o trote co galope curto na súa busca minuciosa do terreo pechado e quebrado do monte galego, estando perfectamente adaptado a este tipo de terreo, pois non se amedrenta á hora de procurar e cobrar a peza abatida polo cazador. Tamén se pode adestrar para a caza de pelo (coello e lebre).

2.- Características rexionais
Cabeza
Cabeza grande (aproximadamente 4/10 a altura á cruz), de forma prismática, ancha, coas liñas cranio-faciais converxentes (eixes lonxitudinais superiores do fociño e do cranio). Perfil recto, protuberancia occipital destacada, con suco cranial medio que chega á cara. Fronte con senos amplos, moi desenvolvidos. Depresión frontonasal marcada, coa mesma distancia ao occipucio que á punta do nariz. Fociño amplo, recto e cadrado, igualmente ancho no extremo que na base. Nariz grande, podendo aparecer en ocasións exemplares co nariz fendido. Beizos grosos e caídos, superando o superior lixeiramente o maxilar inferior, pero sen dar sensación de frouxidade nin babeo. Dentadura forte e de trabada en tesoira. Ollos grandes, brillantes, xeralmente escuros, coas pálpebras adheridas e de expresión nobre e bondadosa; non presentan ectropión. Orellas de inserción alta, anchas, grandes, delgadas e pegadas á cara, sen formar pregamentos e co bordo inferior redondeado e orientadas levemente cara a diante.

Pescozo
Pescozo longo, musculoso, co bordo superior recto ou levemente arqueado, en ocasións con moi lixeira papada nalgúns exemplares, pero moi pouco relevante.

Tronco
Corpo rectangular e de gran capacidade torácica. Liña dorso-lumbar recta e horizontal. Lombos anchos e curtos. Cruz dos cadrís ancha. Peito ancho e profundo, o seu perímetro adoita superar nun cuarto a alzada á cruz. Costelar longo e un pouco arqueado. Ventre non moi recollido. O rabo non adoita ser excesivamente longo, é groso e robusto na base, adelgazando progresivamente ata a punta.

Extremidades
Rexas, verticais e rectas. As extremidades anteriores presentan escápulas algo inclinadas. Brazos musculosos. Cóbados paralelos ao plano medio do corpo, nin pechados nin abertos. Antebrazos verticais con óso forte. Pés con tendencia a ser máis redondos que ovalados, con polpas negras e unllas pigmentadas ou brancas.

As extremidades posteriores presentan pernís longos, anchos, musculosos e oblicuos. Xarretes paralelos e en prolongación coa liña vertical das cachas. Metatarsos robustos e delgados, perfectamente verticais. Pés un pouco máis redondeados cós anteriores.

Movemento
É un animal de movementos flexibles, con trote amplo, de cadencia rítmica, non ten un galope longo, como o seu parente o Pointer Inglés que corre grandes distancias, afastado do cazador, en terreos de grandes extensións, abertos e libres de vexetación; pola contra, traballa máis preto do home, utilizando alternativamente o trote co galope curto na procura minuciosa nos terreos quebrados e de monte pechado, de bosque con espesa matogueira de Galicia.

Manto
Pel: a pel debe ser delgada e adherida ao corpo.
Capa (cor): branca e pencada ou manchada en castaño, laranxa, canela e negra. Mantos ternarios, tricolores, brancos en castaño e negro, con manchas lume en cellas e meixelas. Tamén uniformes en castaño, amarelo ou negro.
Pelo: curto, groso, moi denso, liso e áspero

Tamaño
Alzada á cruz: de 50 a 60 cm; machos 55-60 cm; femias de 50-55 cm.

3.- Faltas
Calquera desviación dos criterios mencionados débese considerar unha falta, sendo a gravidade desta proporcional ao grao de desviación respecto do estándar. As máis frecuentes poden ser a presenza de ectropión e entropión, liña dorso-lumbar enselada, fociño afiado, mordida en pinza, etc.

4.- Defectos
Orixina a diminución máis ou menos acusada dalgunha función determinada do animal, que pode ser total, parcial ou rexional, dependendo do grao no que se vexa eivada a aptitude esencial do animal (coxeiras en extremidades, ablacións ou mutilacións en orellas e rabo, ausencia de pezas dentarias por extraccións, traumatismos en ollos con perda de visión, etc.).

5.- Faltas ou defectos descualificables
Son aquelas características que en absoluto se axustan aos criterios mencionados no estándar da raza, e son excluíntes en por si, dependentes dun compoñente xenético que achega uns caracteres non contemplados, nin desexados, no prototipo racial. Neste sentido, é importante excluír a presenza de animais con anomalías psíquicas e con defectos anatómicos e/ou de tipo, ligados a xenes indesexables, como poden ser as inestabilidades ou desequilibrios de carácter anormais, a agresividade extrema sen provocación ningunha, a epilepsia, a ausencia dalgún testículo nas bolsas escrotais (monorquidia e criptorquidia), a displasia de cadeira, a atrofia progresiva da retina, os pechamentos incorrectos das arcadas dentarias (prognatismos e enognatismos), a ausencia de máis de dous premolares ou os albinismos.


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS