Medio Rural
Inicio >> Áreas >> Gandaría >> Razas autóctonas >> Canina >> Podengo galego
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Podengo galego

Ficha técnica
Nome: raza Podengo Galego
Outras denominacións incorrectas: coelleiro galego.
Área de orixe: Galicia.
Aptitudes: a caza do coello principalmente, aínda que tamén para a lebre e o raposo.
Feiras onde se pode ver: Silleda (Feira Internacional Semana Verde de Galicia), feiras de cans de caza en Luíntra (EXPOCAN) e Arzúa.
Club da raza: Club de Raza do Podengo Galego.

Historia e orixe da raza
Todos os podengos ibéricos (Eivisenco, Andaluz, Galego, Portugués) están emparentados e comparten un mesmo tronco común cos restantes podengos da área mediterránea como o Podengo dos Faraóns (illas de Malta e Gozo), o Cirneco do Etna (Sicilia), o Podengo da illa Lampedusa (Tunicia), o Podengo Charnigue ou Charnègre do Rosellón e a Provenza (Francia) e mailo Podengo Canario.

Este tipo de animal xa estaba presente no antigo Exipto (IV milenio a. C.) e coñecíase co nome de Tesem ou lebrel exipcio de orellas rectas; tamén era coñecido en Eritrea e Somalia; procedía moi probablemente do antigo can neolítico das sabanas saharianas, de aspecto lebreloide (tipo graioide) e de orellas erectas, presentes nas pinturas rupestres da desolada paisaxe do Tassili dos Ajjer, no Ued Djerat do Sáhara central alxeriano (VII milenio a. C). Foi estendido polas rutas comerciais, ao longo de toda a conca mediterránea, por mercadores cretenses (2000 a. C.), fenicios (1000 a. C.), gregos e cartaxineses. Foi apreciado polos romanos para a caza do coello e da lebre.

Área de orixe e distribución
Comprende toda a zona noroccidental da Península Ibérica, emparentado co Podengo Portugués mediano (orixinario da zona norte), con montañas de 600 m a 800 m sobre o nivel do mar, con zonas de serra e monte forestado con abundante vexetación arbustiva, con silvas e matogueira do tipo toxo, urce, carrasca, carpaza, carrasco, codesos, xesta, etc., que forman un monte baixo e/ou sotobosque, onde se atopan os coellos, lebres, raposos e demais caza de pelo e pluma (arcea, perdiz e paspallás).

Atópase espallado por toda Galicia, pero principalmente polas provincias de Pontevedra e Ourense, aínda que tamén se localizan exemplares nas outras dúas provincias galegas.

Función zootécnica
Cazador especializado na caza de animais de pelo, ao que persegue ventando con movementos rápidos; tamén se pode adestrar para perseguir animais de pluma. Dado o seu carácter desconfiado e nervioso, é frecuente tamén atopalo vixiando a casa e avisando da chegada de estraños.

Prototipo racial
1.- Características xerais
Aparencia xeral
Animal de tipo primitivo, graioide (Mégnin P.,1897), de tamaño mediano, lixeiro e sublonxilíneo, tipo dolicomórfico; moi rústico, austero, sobrio, áxil, con gran capacidade olfactiva, auditiva e visual, calidades estas que, xunto coa súa astucia, lle confiren un característico comportamento de intelixencia natural durante a caza. É un can que, dalgún xeito, se asemella aos galgos/lebreis, mais coas orellas erguidas. Non se trata dun verdadeiro galgo. As orellas son anchas na base e moi movibles. Son animais moi uniformes, de tamaño mediano e lixeiro, de capa canela en todos os seus gradientes, desde a cor area aos vermellos, podéndose atopar, ás veces, exemplares fígado/chocolate, presentándose normalmente acolarados ou calzados en branco, podendo ser de pelo semicurto ou de mediana lonxitude. Teñen o ventre recollido, aínda que sen a finura de liñas do corpo, así como da cabeza, de moitos galgos. As femias son lixeiramente máis liviás e esveltas cós machos.

Temperamento e comportamento
É un tipo de animal levantador da peza (non mostra), sendo un dos máis completos dentro das razas englobadas nesta categoría. É un cazador astuto e pícaro, incansable, verdadeiro auxiliar para o cazador, con extraordinaria habilidade para a caza do coello e do raposo, aínda que tamén con destreza para a perdiz, pois ademais do nariz utiliza moito o oído e a vista en apoio do olfacto. Caza a paso rápido, que alterna co trote na busca, de forma continua, ventando ou baixando a cabeza na procura do rastro, levando a cabeza á altura do tronco cando o detecta no aire, e movendo entón o rabo dun xeito ostensible. Cobra ben a peza ferida, portándoa ata o cazador.

É un animal polivalente, xa que se adapta a calquera modalidade do terreo, situación e tipo de caza. As súas condicións naturais permítenlle descubrir a caza no campo e sacala do seu escondedoiro sen necesidade de mostra. Ao percibir o olor da peza aniñada, lánzase de súpeto sobre ela (algúns exemplares realizan, co paspallás, unha pequena parada). É moi apropiado para acompañar o cazador solitario, na modalidade do salto, xa que non adoita afastarse en exceso, realizando unha busca de 30-40 metros ao redor.

2.- Características rexionais
Cabeza
Dolicocéfalo, cunha lonxitude aproximada de 4/10 a alzada á cruz, en forma piramidal, de cono alongado. O cranio é reducido e plano. Depresión fronto-nasal pouco acentuada. Fociño longo e delgado, en liña recta coa testa. Nariz saínte e anguloso, con ventás de boa abertura. Beizos pequenos e apertados. Dentadura forte e de trabada en tesoira. Os ollos son vivos e expresivos, lixeiramente oblicuos (semilaterais), de forma ovalada e de cor acorde coa capa. Con orellas erguidas, de forma triangular, tamaño medio e anchas na base.

Pescozo
Pescozo levemente arqueado, musculoso, ben proporcionado, sen presentar papada.

Tronco
Corpo rectangular. Cruz longa e estreita. Liña dorso-lumbar recta, co lombo curto, ancho e flexible, ben unido -de forma continua- co dorso. Cruz dos cadrís media, recta e ancha. Peito medio e con tendencia á profundidade. Costelar pouco arqueado e alongado. Ventre recollido, pero non retraído de xeito tan extremo como nos galgos. Rabo de inserción alta, de tamaño mediano e provisto de pelos algo máis longos. En repouso descansa caído ou levemente arqueado entre as pernas, á altura dos xarretes; en movemento elévao, arqueándoo sobre a cruz dos cadrís en forma de fouce, pero nunca enroscado sobre si mesmo.

Extremidades
Son gráciles, longas, rectas e moi fortes, aínda que con óso fino. As extremidades anteriores presentan escápulas lixeiramente inclinadas respecto da liña horizontal, cunha abertura duns 50º; o ángulo escápulo-umeral é aberto, maior de 90º, antebrazos verticais e longos. Os pés son de forma ovalada, con almofadas duras e unllas fortes.

Nas extremidades posteriores os pernís son longos, musculosos e oblicuos, coa nádega alongada e algo descendida. Xarretes con ángulos abertos e baixos. Os pés son de forma ovalada, con almofadas duras e unllas fortes, en ocasións con presenza de esporóns, que non son desexables.

Movemento
Paso longo e de movementos moi rápidos, saltaríns e de gran velocidade.

Manto
Pel: de mediano grosor e pegada ao corpo.
Capa (cor): de capa unicolor canela en todos os seus gradientes, dende a cor area a avermellados, podéndose atopar tamén exemplares fígado/chocolate, amosándose frecuentemente acolarados, manchados no peito, testa, rabo e punta dos pés, e tamén calzados en branco. Tamén poden aparecer ocasionalmente animais brancos marxados en canela ou laranxa.
Pelo: semicurto ou de mediana lonxitude, groso e denso. En ocasións presentan algúns pelos algo máis longos e grosos ao redor do fociño. Non teñen pelo duro.

Tamaño e peso
Alzada á cruz: de 42 a 52 cm ; machos 46-52 cm; femias 42-46 cm.
Peso: de 10-15 kg.

3.- Faltas
Calquera desviación dos criterios mencionados débese considerar unha falta, sendo a gravidade desta proporcional ao grao de desviación respecto do estándar.

4.- Defectos
Orixina a diminución, máis ou menos acusada, dalgunha función determinada do animal, podendo ser total, parcial ou rexional, dependendo do grao no que se vexa eivada a aptitude esencial do animal (coxeiras en extremidades, ablacións ou mutilacións en orellas e rabo, ausencia de pezas dentarias por extraccións, traumatismos nos ollos con perda de visión, etc.).

5.- Faltas ou defectos descualificables
Son aquelas características que en absoluto se axustan aos criterios mencionados no estándar da raza, e son excluíntes en por si, dependentes dun compoñente xenético que achega uns caracteres non contemplados, nin desexados, no prototipo racial. Neste sentido é importante excluír a presenza de animais con anomalías psíquicas e con defectos anatómicos ou de tipo, ligados a xenes indesexables, como poden ser as inestabilidades ou desequilibrios de carácter anormais, a agresividade extrema sen provocación ningunha, a epilepsia, a ausencia dalgún testículo nas bolsas escrotais (monorquidia e criptorquidia), a displasia de cadeira, a atrofia progresiva da retina, os pechamentos incorrectos das arcadas dentarias (enognatismos e prognatismos ), a ausencia de máis de dous premolares ou os albinismos.


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS