Medio Rural
Inicio >> Áreas >> Gandaría >> Sanidade animal >> Benestar
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Benestar animal  

Un dos principios nos que se basea a política da UE é que non se deben causar aos animais danos ou sufrimentos innecesarios. Isto desenvólvese nunhas normas sobre o benestar dos animais que establecen as condicións nas que se poden criar e nas que se poden transportar e sacrificar estes animais.

Normativa sobre benestar dos animais na granxa


Normativa sobre protección dos animais durante o transporte.

Normativa sobre a protección dos animais no momento do sacrificio.

Normativa sobre a protección dos animais utilizados en experimentación animal.

Formación.

 

 

Explotacións gandeiras en xeral

A normativa xeral básica en materia de benestar dos animais nas granxas é o Real Decreto 348/2000 do 10 de marzo -texto completo en pdf- (modificado polo Real Decreto 441/2001 do 27 de abril) -texto completo en pdf-. Este Real Decreto é a transposición ao ordenamento xurídico español da Directiva 98/58/CE, que inclúe os principios de provisión de estabulación, comida, auga e coidados axeitados ás necesidades fisiolóxicas e etolóxicas dos animais, de acordo coa experiencia adquirida e os coñecementos científicos. Tamén inclúe os requisitos que deben cumprir os coidadores dos animais.

Establece, entre outras cousas, a obriga dun libro de rexistro na explotación no que se anoten todos os tratamentos médicos realizados, así como o número de animais mortos descubertos nas inspeccións que se deben facer regularmente. O devandito rexistro debe ser conservado durante 3 anos como mínimo.

Esta norma non se aplica aos animais que viven no medio natural, aos destinados a participar en competicións, exposicións ou actos ou actividades culturais ou deportivas, aos animais destinados a experimentación e aos animais invertebrados.

A Decisión 2000/50/CE da Comisión (DO L 19) harmoniza o formato, o contido e a periodicidade dos informes que se deben remitir á Comisión Europea de acordo coa Directiva 98/58/CE.

Ademais desta lexislación xeral, existen outras normas que establecen as características específicas das condicións de cría dalgunhas especies gandeiras, como son as que afectan ao vacún (puchos menores de 6 meses), ao porcino, ás galiñas poñedoras e aos polos de carne.

En certas especies gandeiras que non contan con normativa específica propia de benestar animal, a normativa de ordenación sectorial establece algúns requisitos en materia de protección animal. Tal é o caso de Real Decreto 841/2011, de 10 de xuño, polo que se regula a ordenación zootécnica, sanitaria e de benestar animal das explotacións equinas e se establece o plan sanitario equino (BOE, nº 157, de 2 de xullo), o Real Decreto 1221/2009, de 17 de xullo, polo que se establecen normas básicas de ordenación das explotacións de gando porcino extensivo e polo que se modifica o Real Decreto 1547/2004, de 25 de xuño, polo que se establecen as normas de ordenación das explotacións cunícolas (BOE nº 187, de 4 de agosto)

Vacún (tenreiros)
O Real Decreto 1047/1994 do 20 de maio (BOE do 7 de xullo), modificado polo Real Decreto 229/1998 (BOE do 17 de febreiro) -texto completo en pdf-, establece as normas mínimas específicas para a protección dos puchos nas explotacións gandeiras. Esta norma establece os espazos mínimos nas explotacións de puchos, as condicións de cría dos mesmos e os controis a realizar polos organismos competentes das Comunidades Autónomas. Así mesmo, establece que para ser importados no territorio estatal, os animais procedentes dun país terceiro deberanse acompañar dun certificado expedido pola autoridade competente dese país que certifique que os mesmos se beneficiaron dun trato, cando menos, equivalente ao concedido aos animais de orixe comunitaria.

Porcino
O 1 de xaneiro de 2003 entrou en vigor o Real Decreto 1135/2002, do 31 de outubro (BOE 20 de novembro) -texto completo en pdf- relativo ás normas mínimas para a protección dos porcos. Esta normativa, que derroga o Real Decreto 1048/1994, do 20 de maio, incorpora ao ordenamento xurídico español as Directivas 2001/88/CE e 2001/93/CE, que modifican a Directiva 91/630/CE.

Desta normativa pódense salientar varios puntos. Dende o punto de vista do manexo de animais, establécense, entre outras cuestións, a idade de desteta, as condicións para levar a cabo mutilacións, ou condicións sobre o tipo de chans utilizables; ademais, os animais deben ter acceso permanente a materiais para a súa manipulación. Tamén se establece un nivel máximo de ruído e mínimo de luz. Por outra banda, é obrigatorio que o persoal encargado do coidado dos animais reciba formación específica sobre benestar animal. Introdúcense outras normas en canto a deseño de instalacións cuxo prazo máximo de aplicación foi o 1 de xaneiro de 2013.

Aves


Galiñas poñedoras. O Real Decreto 3/2002 do 11 de xaneiro, polo que se establecen as normas mínimas de protección das galiñas poñedoras -texto completo en pdf- (BOE do 15 de xaneiro de 2002) é a transposición da Directiva 1999/74/CE. Esta norma vai modificar aos poucos, de xeito significativo, as condicións de cría destes animais. Prohíbense as novas instalacións de gaiolas non acondicionadas a partir do 1 de xaneiro de 2003, establécense condicións máis esixentes para os sistemas alternativos de cría dende o 1 de xaneiro de 2002 nas explotacións de nova creación. Ademais, e a partir do 1 de xaneiro de 2007 será obrigatorio que todas as explotacións de cría mediante sistemas alternativos se adapten ao citado Real Decreto. Para rematar, a partir do 1 de xaneiro de 2012 prohíbese o uso de gaiolas non acondicionadas.

Aves de carne (broiler). O Real Decreto 692/2010, do 20 de maio, establece as normas mínimas para a protección dos polos destinados á  produción de carne e modifica o Real decreto 1047/1994, do 20 de maio, relativo ás normas mínimas para a protección dos terneiros-texto completo en pdf- (BOE do 3 xuño de 2010). Incorpora ao dereito español a Directiva 2007/43/CE, do Consello, do 28 de xuño de 2007. Neste texto establécese entre outros requisitos unha densidade máxima de poboación, nunha explotación ou nun galiñeiro dunha explotación, de 33 quilogramos de peso vivo por metro cadrado de zona utilizable, densidade que pode chegar aos 39-42 quilogramos cando se cumpran os criterios que establece o Real decreto.

No Real Decreto 1084/2005, do 16 de setembro, de ordenación da avicultura de carne regúlanse algúns aspectos de benestar animal -texto completo en pdf-.

As condicións para a produción doutras aves, veñen fixadas polas recomendacións do Consello de Europa.

En canto ao benestar dos patos e gansos criados para a produción de foie-gras, pódese consultar o Informe do comité Científico da Unión Europea, na súa páxina web.

Informe (278 kb, inglés)

Normativa sobre animais de peletería
As normas que regulan o benestar dos animais criados para peletería son as xerais descritas no Real Decreto 348/2000 do 10 de marzo relativo á protección dos animais nas explotacións gandeiras.

O Regulamento (CE) 1099/2009, de 24 de noviembre, de protección dos animais no momento da matanza -texto completo en pdf- (DOL do 18 de novembro de 2009), establece requisitos específicos para os sacrificios dos animais de peleteria

O Comité científico da Unión Europea publicou un informe sobre o benestar dos animais de peletería. Este informe pódese consultar na seguinte ligazón:

Informe (862 kb, inglés)

e a súa corrección de erros en:

Corrección de erros (159 kb, inglés)

Normativa sobre protección dos animais durante o transporte
A normativa básica nesta materia é o Regulamento (CE) nº 1/2005, do Consello do 22 de decembro de 2004, relativo á protección dos animais durante o transporte e as operacións conexas e polo que se modifican as Directivas 64/432/CEE e 93/119/CE e o Regulamento (CE) nº 1255/97 (DO nº L3 de 5 de xaneiro) -texto completo en pdf-.

Esta norma é complementada polo Real Decreto 751/2006, do 16 de xuño, sobre autorización e rexistro de transportistas e medios de transporte de animais, e polo que se crea o Comité español de benestar e protección dos animais de produción -texto completo en pdf- que establece a creación dun rexistro xeral de transportistas, contedores e medios de transporte, de carácter estatal, que se nutrirá dos rexistros existentes nas Comunidades Autónomas. Con este Real Decreto desenvólvese o artigo 47 da Lei 8/2003, de Sanidade animal, e o relativo ao rexistro de transportistas e medios de transporte previsto no Regulamento (CE) nº 1/2005.

Pódense destacar algúns puntos da nova normativa, como os que se sinalan a continuación, pero o máis práctico é dirixirse aos Servizos Veterinarios Oficiais Consellería do Medio Rural se ten dúbidas en canto á interpretación da mesma. Ademais, existe normativa autonómica específica que pode ser de aplicación nesta materia.

No caso de empresas transportistas de países non membros da Unión Europea que queiran exercer a súa actividade profesional en España, téñense que dirixir ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Algúns puntos a destacar destas normativas son:

» Actualízanse moitos aspectos relativos aos transportistas, medios de transporte e contedores así como as condicións para a autorización e rexistro dos mesmos.

» En particular, as condicións dos transportistas, medios de transporte e contedores que realizan viaxes de máis de 8 h cambiaron substancialmente.

» Os transportistas deben ter formación en materia de benestar animal, e posuír unha certificación nesta materia a partir do 5 de xaneiro de 2008. » Tamén debe ter esta formación o persoal dos centros de concentración autorizados de acordo coa normativa comunitaria.

» Tamén debe ter esta formación o persoal dos centros de concentración autorizados de acordo coa normativa comunitaria

» En canto á documentación que acompaña a un movemento de animais é de destacar a obriga de levar a bordo do medio de transporte determinada documentación (copia da autorización como transportista, autorización do medio de transporte e rexistro de actividade, entre outros).

» O antigo "plan de viaxe", para os desprazamentos de máis de 8h de duración e que cruzan unha fronteira, chámase agora “caderno de a bordo ou folla de ruta”, sendo o seu modelo e a súa xestión distinta da existente ata agora.

» A nova normativa introduciu novidades para o transporte dalgúns tipos de animais, segundo a súa idade e peso, e para o transporte de équidos.

A Decisión 2001/298/CE (DO L 102) modifica os modelos de certificado que deben acompañar os animais para asegurar que no momento da inspección se atopaban en condicións de facer a viaxe.

As paradas obrigatorias que deben realizar os transportes de animais cando superen unha determinada cantidade de horas (fixada no Regulamento (CE) nº 1/2005, para cada especie) débense realizar nos lugares autorizados ao efecto pola autoridade competente, xa que non se denominan puntos de parada senón postos de control. As características destes postos de control veñen fixadas no Regulamento (CE) nº 1255/97 do Consello do 25 de xuño de 1997 (DO L 174) -texto completo en pdf- sobre criterios comunitarios que deben cumprir os puntos de parada e polo que se adapta o plan de viaxe mencionado no Anexo da Directiva 91/628/CEE, (modificado polo Regulamento (CE) nº 1040/2003 do Consello do 11 de xuño de 2003 DO L 151 -texto completo en pdf- e polo Regulamento (CE) nº 1/2005).

O listado de puntos de parada autorizados na Unión Europea actualízase periodicamente e pódese consultar na seguinte ligazón:

forum.europa.eu

Para obter información adicional sobre as condicións de viaxe dos animais por vía aérea, pódese consultar este enderezo:

www.iata.org

O pago das restitucións á exportación de animais vivos no sector vacún está ligado ao cumprimento da normativa sobre benestar animal durante o transporte. Este aspecto vén organizado polo Regulamento(UE) nº 817/2010 da Comisión, do 16 de setembro (DO nº L245) -texto completo en pdf-. Este foi modificado polo Regulamento de Execución (UE) nº 666/2012, do 20 de xullo (DO nº L194). -texto completo en pdf-

Normativa sobre a protección dos animais no momento do sacrificio
A normativa vixente en materia de protección dos animais durante o seu sacrificio ten por obxecto adoptar normas mínimas para garantir que se evite calquera dor ou sufrimento innecesario, e asegurar ao tempo o desenvolvemento racional da produción e a realización do mercado interior de animais e produtos animais, evitando posibles distorsións á competencia.

O Regulamento (CE) 1099/2009, de 24 de noviembre, de protección dos animais no momento da matanza -texto completo en pdf- (DOL do 18 de novembro de 2009), regula os requisitos xerais da matanza e as operación conexas a esta, os requisitos adicionais aplicables aos matadoiros e as condicións de baleiro sanitario e matanza de emerxencia.

Este norma non é aplicable aos experimentos científicos (que teñen a súa propia normativa), aos animais aos que se dea morte en manifestacións culturais e deportivas, á caza e pesca recreativa e ás aves de corral, os coellos e as lebres  sacrificados polo seu dono fora dun matadoiro para o seu consumo doméstico privado.

Normativa sobre a protección dos animais utilizados en experimentación animal

O Real Decreto 53/2013, de 1 de febreiro (BOE nº 34, do 8 de febreiro), polo que se establecen as normas básicas aplicables para a protección dos animais utilizados en experimentación e outros fins científicos, incluíndo a docencia, regula os aspectos de protección animal nestes animais, tanto en materia de aloxamento e manexo dos animais como en requisitos específicos dos procedementos levados a cabo nestes establecementos.

Esta normativa contempla a existencia de “órganos habilitados”, entidades públicas ou privadas que deben ser designadas pola autoridade competente e que lles habilita para algunhas funcións establecidas neste real decreto e expresamente para a preceptiva avaliación previa dos proxectos de experimentación solicitados polos centros usuarios.

A designación destes órganos pola autoridade competente debe realizarse de acordo cun procedemento regulado establecido - texto completo en pdf-.

Formación

En Galicia contamos co Decreto 60/2007, do 22 de marzo, polo que se regulan os cursos de formación en materia de benestar animal, se establece o procedemento de autorización das entidades de formación e se crea o rexistro destas (DOG nº 67, do 4 de abril), no que se establecen os contidos formativos que deben conter os cursos de formación en materia de protección animal naquelas parcelas onde a normativa esixa a acreditación da citada formación (porcinocultores, avicultores de carne e transportistas). Tamén establécense os requisitos para a autorización das entidades de formación que impartan estes cursos.

 

Benestar

© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS