Medio Rural
Inicio >> Áreas >> Gandaría >> Sanidade animal >> Campañas de saneamento
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Campañas de saneamento gandeiro

Mapas de evolución das campañas de saneamento (20 de setembro de 2009)

Ovino – Cabrún (565 Kb)

Vacún (564 Kb)

As clásicas Campañas de Saneamento Gandeiro transformáronse nunha pluralidade de programas de control vixilancia e erradicación de enfermidades que poden afectar as especies gandeiras con grave incidencia na súa capacidade produtiva, na libre comercialización dos animais, nas súas producións e cunha importante repercusión na saúde pública.

Os servizos veterinarios da Consellería do Medio Rural desenvolven os seguintes programas:

  1. Programa galego de erradicación da tuberculose bovina
  2. Programa galego de erradicación da brucelose bovina
  3. Programa galego de vixilancia da leucose bovina enzoótica e da perineumonía contaxiosa bovina
  4. Programa galego de erradicación da brucelose ovina e cabrúa
  5. Programa galego de vixilancia fronte a lingua azul
  6. Programa galego de vixilancia, control e erradicación da encefalopatía esponxiforme bovina (Enfermidade das vacas tolas)
  7. Programa galego de vixilancia, control e erradicación da encefalopatía esponxiforme dos pequenos ruminantes (tembladeira)
  8. Programa de vixilancia da influenza aviaria en Galicia
  9. Programa galego para a vixilancia, control e erradicación de determinados serotipos de Salmonela en manadas de galiñas reprodutoras da especie Gallus gallus
  10. Programa galego para a vixilancia e control de determinados serotipos de Salmonela en galiñas poñedoras da especie Gallus gallus
  11. Plan galego de medidas para a vixilancia e control de determinados serotipos de Salmonela en polos de engorde, broilers, da especie Gallus gallus
  12. Programa galego de vixilancia, control e erradicación da enfermidade de Aujezsky
  13. Plan de vixilancia sanitaria do gando porcino
  14. Programa galego de vixilancia epidemiolóxica da peste porcina clásica en poboacións de xabarís
  15. Programas sanitarios das Agrupacións de Defensa Sanitaria Gandeiras de Galicia

1.- Programa galego de erradicación da tuberculose bovina 

Este programa sanitario, xunto co de erradicación da brucelose e co de vixilancia da leucose, foron os que deron lugar ao inicio das clásicas Campañas de Saneamento nas explotacións vacunas.

A totalidade das explotacións de produción e reprodución bovina son visitadas ao longo do ano cando menos dúas veces por persoal veterinario dependente da Consellería do Medio Rural, que realiza as probas diagnósticas e toma de mostras necesarias para dictaminar sobre o estado sanitario dos animais e cualificar ás explotacións segundo o status sanitario acadado.

O obxectivo deste programa é a declaración a curto prazo de Galicia como Oficialmente Indemne de tuberculose, como paso previo para conseguir a erradicación desta enfermidade no noso país.

2.- Programa galego de erradicación da brucelose bovina 

Este programa sanitario, xunto co de erradicación da tuberculose bovina e co de vixilancia da leucose, foron os que deron lugar ao inicio das clásicas Campañas de Saneamento nas explotacións vacunas.

A totalidade das explotacións de produción e reprodución bovina son visitadas ao longo do ano cando menos dúas veces por persoal veterinario dependente da Consellería do Medio Rural, que realiza as probas diagnósticas e toma de mostras necesarias para dictaminar sobre o estado sanitario dos animais e cualificar ás explotacións segundo o status sanitario acadado.

O obxectivo deste programa é a declaración a curto prazo de Galicia como Oficialmente Indemne de brucelose, como paso previo para conseguir a erradicación desta enfermidade no noso país.

3.- Programa galego de vixilancia da leucose bovina enzoótica e da perineumonía contaxiosa bovina 

Este programa sanitario, xunto cos dous anteriores, foron os que deron lugar ao inicio das clásicas Campañas de Saneamento nas explotacións vacunas.

A totalidade das explotacións de produción e reprodución bovina son visitadas ao longo do ano cando menos dúas veces por persoal veterinario dependente da Consellería do Medio Rural que realiza as probas diagnósticas e toma de mostras necesarias para dictaminar sobre o estado sanitario dos animais e cualificar ás explotacións segundo o status sanitario acadado.

Galicia xa é Oficialmente Indemne de leucose bovina enzoótica e está libre de perineumonía contaxiosa bovina, por iso este terceiro programa pretende manter unha vixilancia sobre estas dúas enfermidades, asegurando a detección precoz das mesmas no caso de que apareceran de novo.

4.- Programa galego de erradicación da brucelose ovina e cabrúa 

Como no caso anterior, con este programa iniciáronse as clásicas Campañas de Saneamentos nas explotacións Ovinas e Cabrúas.

A totalidade das explotacións de produción e reprodución destas especies son visitadas, cando menos, unha vez ao ano por persoal veterinario dependente da Consellería do Medio Rural que realiza a extracción das mostras precisas para dictaminar sobre o presenza de brucelose nos animais e así cualificar as explotacións segundo o status sanitario acadado.

Tendo en conta as prevalencias actuais desta enfermidade, o obxectivo de acadar para Galicia o estatuto de Oficialmente Indemne de brucelose pode considerarse próximo.

5.- Programa galego de vixilancia fronte a lingua azul 

Este programa ten dous obxectivos fundamentais: realizar unha vixilancia activa que permita a detección precoz da enfermidade, para poder tomar as medidas axeitadas e obter datos da presenza e actividade do vector transmisor para así prever no caso de aparición a súa evolución. O programa desenvólvese mediante as seguintes actuacións:

- Vixilancia serolóxica aleatoria sobre unha mostra representativa de toda a cabana gandeira galega, realizada sobre soros de ruminantes obtidos no desenvolvemento doutros programas sanitarios.
- Vixilancia serolóxica en rabaños sentinela. Elixíronse determinadas explotacións de ruminantes distribuídas por toda Galicia, que son revisados todos os meses, para detectar en calquera momento a aparición da enfermidade.
- Vixilancia serolóxica ou virolóxica de reforzo. Mostréxanse todos os animais que entran en Galicia procedentes de zonas de risco da lingua azul, principalmente de Europa, detectando así a chegada animais afectados e evitando a entrada e difusión da enfermidade.
- Inspeccións clínicas en explotacións de gando ovino en determinadas épocas de máxima actividade do vector transmisor co obxecto de detectar precozmente o proceso.
- Vixilancia entomolóxica. Co obxecto de obter información sobre da presencia de vectores transmisores e a súa distribución, os servizos veterinarios manteñen unha rede de trampas de captura de mosquitos, que son examinadas todas as semanas para recoller mostras e clasificar e cuantificar os vectores existentes na zona.

6.- Programa galego de vixilancia, control e erradicación da encefalopatía esponxiforme bovina (Enfermidade das vacas tolas) 

O obxectivo deste programa é a detección de casos da encefalopatía esponxiforme bovina, co obxecto de adoptar nos casos positivos as medidas de control e erradicación.

Neste programa efectúase unha vixilancia activa, realizándose probas de diagnóstico en todos os animais bovinos de máis de 24 meses sacrificados para o consumo humano (na toma de mostras neste caso participa a Consellería de Sanidade e Servizos Sociais), así como en todos os animais bovinos de máis de 24 meses mortos nas explotacións (neste caso a toma de mostras corresponde aos Servizos Veterinarios da Consellería do Medio Rural).

A vixilancia pasiva consiste na detección de animais positivos debido á comunicación por parte de veterinarios ou gandeiros da existencia de animais bovinos con sintomatoloxía compatible coa EEB, actuando neste caso os Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería do Medio Rural, procedéndose ao sacrificio do animal e á toma de mostras para efectuar os correspondentes análises.

7.- Programa galego de vixilancia, control e erradicación da encefalopatía esponxiforme dos pequenos ruminantes (tembladeira) 

O obxectivo deste programa é a detección da encefalopatía esponxiforme dos pequenos ruminantes.

Como no caso anterior, efectúase unha vixilancia activa, realizándose probas de diagnóstico nunha mostra representativa dos ovinos e cabrúns maiores de 18 meses sacrificados para o consumo humano, así como noutra mostra representativa dos ovinos e cabrúns maiores de 18 meses mortos nas explotacións. Tamén se realiza vixilancia pasiva, revisando os animais dos que se comunicara a existencia de sintomatoloxía compatible cunha EET dos pequenos ruminantes.

O programa execútase conxuntamente entre as Consellería de Sanidade e Servizos Sociais e de Medio Rural.

8.- Programa de vixilancia da influenza aviaria en Galicia 

O programa ten como obxectivo detectar precozmente a presenza da influenza aviaria en Galicia, para tomar as medidas axeitadas. Os servizos veterinarios da Consellería do Medio Rural son responsables da realización do control, tanto en explotacións de aves de curral, como en aves silvestres.

Anualmente establécese un obxectivo de mostraxe aleatoria nas explotacións, ademais desta toma de mostras, logo son sometidas a control e mostraxe ante calquera comunicación de sospeita da enfermidade. Nas aves silvestres, analízanse as aves aparecidas mortas en episodios de mortalidade nas que puidera existir sospeita da enfermidade e tamén aves capturadas vivas.

9.- Programa galego para a vixilancia, control e erradicación de determinados serotipos de Salmonela en manadas de galiñas reprodutoras da especie Gallus gallus 

O obxectivo deste programa é o control da presenza dos cinco serotipos de Salmonela máis frecuentes na salmonelose humana (Salmonella enteritidis, Salmonella hadar, Salmonella infantís, Salmonella Typhimurium e Salmonella virchow), en manadas de aves reprodutoras de Gallus gallus, e a súa reducción á prevalencia establecida no obxectivo comunitario, o 1% ou menos das manadas con máis de 250 aves.

O programa execútase a través de autocontrois dos produtores e toma de mostras oficiais anuais por parte dos Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería do Medio Rural, así como a vacinación preventiva e a aplicación de medidas de bioseguridade e guías de boas prácticas nas explotacións.

10.- Programa galego para a vixilancia e control de determinados serotipos de Salmonela en galiñas poñedoras da especie Gallus gallus 

O obxectivo deste programa é a reducción de Salmonella enteritidis e Salmonella typhimurium nas galiñas poñedoras adultas da especie Gallus gallus das que os seus ovos se destinen ao consumo humano. O programa ten un prazo de execución de tres anos (2008-2010) e persegue a reducción das prevalencias aos obxectivos programados na lexislación comunitaria.

Como no caso das galiñas reprodutoras, o programa execútase a través de autocontrois dos produtores, toma de mostras oficiais anuais por parte dos Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería do Medio Rural, vacinación preventiva e aplicación de medidas de bioseguridade e guías de boas prácticas nas explotacións.

11.- Plan galego de medidas para a vixilancia e control de determinados serotipos de Salmonela en polos de engorde, broilers, da especie Gallus gallus 

O obxectivo que se pretende acadar con este plan é a reducción significativa da prevalencia de Salmonella nas explotacións de polos de carne que se destinen á comercialización con destino a sacrificio, como paso previo á aplicación dun programa que se iniciaría oficialmente no ano 2009, e que pretende a redución ao 1% ou menos, ata o 31 de decembro de 2001, da porcentaxe máxima de manadas que continúan sendo positivas con respecto á Salmonella enteritidis e Salmonella typhimurium.

O plan execútase de xeito similar aos restantes programas oficiais de Salmonela e cos mesmos principios.

12.- Programa galego de vixilancia, control e erradicación da enfermidade de Aujezsky 

O obxectivo deste programa é conseguir a erradicación da enfermidade de Aujeszky nas explotacións porcinas de Galicia, mediante a realización de chequeos serolóxicos obrigatorios, aplicación de programas vacinais e cualificación das explotacións. A enfermidade está practicamente erradicada en Galicia, o que permitiu que as nosas Comarcas Veterinarias sexan consideradas segundo a normativa estatal de baixa prevalencia, establecéndose garantías sanitarias nos traslados de animais dende o resto do estado, así como a inclusión da Comunidade Autónoma nos territorios que teñen un programa oficial aprobado na UE, segundo a Decisión 2001/618/CE, o que establece restricións sanitarias nos movementos de porcino dende outros países comunitarios cara a Galicia.

O programa execútase nas explotacións industrias, a través dos veterinarios das Agrupacións de Defensa Sanitaria e veterinarios de explotación autorizados, e nas explotacións reducidas mediante o persoal veterinario da Consellería do Medio Rural.

13.- Plan de vixilancia sanitaria do gando porcino 

Este plan ten por obxecto realizar a vixilancia sobre da posible aparición da peste porcina africana, peste porcina clásica e enfermidade vesicular porcina nas explotacións galegas. A Comunidade Autónoma está libre destas tres doenzas. O plan execútase mediante chequeos serolóxicos obrigatorios nas explotacións, participando nos mesmos os veterinarios de ADSG e autorizados nas explotacións industriais, e os Servizos veterinarios da Consellería do Medio Rural nas explotacións porcinas reducidas.

14.- Programa galego de vixilancia epidemiolóxica da peste porcina clásica en poboacións de xabarís 

Este plan pretende coñecer a situación epidemiolóxica da peste porcina clásica nos xabarís da Comunidade Autónoma, para detectar precozmente a posible aparición da enfermidade na fauna silvestre. Realízase coa colaboración na toma de mostras de soro por parte das sociedades de cazadores, realizándose as correspondentes análises no Laboratorio de Sanidade e Producción Animal de Galicia.

15.- Programas sanitarios das Agrupacións de Defensa Sanitaria Gandeiras de Galicia 

Co financiamento da Consellería do Medio Rural e baixo a supervisión dos Servizos Veterinarios Oficiais, as ADSG executan programas sanitarios de gran importancia para o desenvolvemento da cabana gandeira galega: a vixilancia e control da IBR, a BVD, a paratuberculose e a neosporose, no gando bovino; a paratuberculose no gando ovino e cabrún; a mixomatose a enfermidade hemorráxica vírica nos coellos; a enfermidade aleutiana nos visóns; así como outras patoloxías das explotacións porcinas, avícolas e piscícolas.

Campañas de saneamento

© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS