Medio Rural
Inicio >> Áreas >> Gandaría >> Sanidade animal >> Identificación equina
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Identificación equina

A identificación equina constitúe unha obriga legal desde o ano 2008 no que foron publicados a nivel da UE o Regulamento(CE) 504/2008 sobre métodos de identificación dos équidos e a nivel galego o Decreto 268/2008 en materia de identificación e aspectos zoosanitarios, hoxe derrogado polo Decreto 142/2012, de 14 de xuño polo que establecen normas de identificación e ordenación zoosanitaria dos animais equinos en Galicia.

O sector equino é un sector moi complexo principalmente debido ao carácter dual que as especies equinas teñen como animais de produción gandeira ou como animais de uso particular en actividades de ocio, práctica ecuestre ou outras. A actual normativa vixente, obriga a identificación de todos os équidos, independenmente da súa finalidade ou á súa pertenza a un tipo ou outro de explotación.

Dentro dos equinos orientados á produción gandeira ademais dos pertencentes a explotacións gandeiras clásicas noutras especies (cebadoiros, egoadas para a produción de animais de abasto, etc) en Galicia existe a particularidade da existencia dun gran número de explotacións equinas que albergan animais en estado salvaxe ou semisalvaxe mantidos nos montes galegos.

A Consellería do Medio Rural é consciente da importancia do mantemento dos animais mantidos en semiliberdade nos nosos  montes, tanto por cuestións socioculturais como medioambientais, no ámbito da prevención dos incendios forestais. Conforme a isto, ten realizado varias medidas de apoio encamiñadas á consecución do obxectivo da identificación obrigatoria dos cabalos de monte, considerando que polas súas particularidades específicas, constitúen un subsector con unha especial problemática debido principalmente a aspectos de titularidade dos animais e dos terreos onde residen.

Porén, a consecuencia desta realidade, é posible a existencia de équidos non correctamente identificados e sen propietario recoñecido; estes animais son considerados na vixente normativa como équidos mostrencos. Para estes animais, o Decreto 142/2012 prevé a existencia de espazos de acollida rexistrados como tales no Rexistro de Explotacións Equinas de Galicia e nos que os seus titulares, voluntariamente aceptan a recollida e mantemento destes animais que serán correctamente identificados co fin último de garantir a súa permanenza no medio natural evitando que tiveran que ser destinados a sacrificio debido á ausencia de identificación ou propietario recoñecido.

Relación actual de espazos de acollida autorizados (175 Kb)


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS