Medio Rural
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Instrumentos de xestión de terras nos países FARLAND: Lituania

Rematado o antigo réxime nos anos 90, os países da chamada Europa Central e do Leste comezaron procesos de privatización da terra, nos que as propiedades comunais e do estado pasaron a mans de propietarios privados. Na maioría destes países, a forma de privatización escollida estivo baseada nos procesos de restitución, caracterizados pola devolución da terra aos antigos propietarios ou, no seu caso, aos seus herdeiros. Na maioría dos casos, isto supuxo  volver a estrutura existente en 1945 (xusto antes da instauración do réxime).

Como consecuencia disto, as grandes propiedades comunais e do estado foron divididas ata un nivel de fragmentación tal que son insostibles na Europa actual, impedindo a emerxencia dunha estrutura agraria competitiva.

Neste sentido, moitos expertos e políticos consideran que a concentración parcelaria pode ser un bo instrumento para mellorar a estrutura agraria. Por este motivo durante os últimos anos, un gran número de países tomaron unha posición moi activa no desenvolvemento da mesma, recibindo o apoio de diversas institucións como a FAO.

Mais existen algúns expertos que consideran que a concentración parcelaria pode non ser o instrumento máis efectivo para loitar contra a fragmentación que se dá nestes países (principalmente unha fragmentación a nivel de explotación) e consideran que sería máis efectivo o  emprego en primeiro lugar de bancos de terras que mobilicen a superficie agraria e posteriormente o emprego de concentracións parcelarias.

A concentración parcelaria en Lituania

A concentración parcelaria en Lituania está recollida na Lei da Terra, de 1994, na que se define como un complexo proceso de reorganización de parcelas no que se modifican os lindes e a localización das mesmas de acordo a un plan de concentración parcelaria feito para un territorio específico, co obxectivo de incrementar o tamaño das parcelas, constituír explotacións de tamaño racional e mellorar a súa estrutura, establecer as infraestruturas necesarias e implementar outros obxectivos e tarefas das políticas de desenvolvemento agrario e rural e de protección do medio ambiente.

Co gallo de sentar as bases do proceso de concentración parcelaria no ano 2000, comezaron dous proxectos piloto en cooperación con autoridades danesas que permitiron establecer un regulamento base para a implementación dos plans de concentración parcelaria (Resolución 697, do 27 de xuño de 2005). Hoxe en día son 14 os proxectos que están en marcha.

As principais características da concentración parcelaria en Lituania resúmense no seguintes puntos:

  • Trátase dun proceso totalmente voluntario.
  • Os gobernos rexionais son responsables a nivel de implementación dos plans de concentración parcelaria
  • A solicitude é feita polos propietarios, para iso polo menos deben estar de acordo 5 propietarios e abranguer unha zona de 100 ha.
  • O proceso é supervisado e organizado polo Servizo Nacional da Terra (servizo gobernamental dependente do Ministerio de Agricultura), que contrata a realización do plan de concentración parcelaria a unha empresa autorizada a través de concurso público.
  • Os gobernadores seleccionarán aquela superficie de propiedade estatal que poderá ser incluída no proceso de concentración parcelaria.
  • Os plans de concentración parcelaria non inclúen a construción de ningún tipo de infraestrutura; no caso de que se contemplen por exemplo a apertura ou modificación de camiños, son os gobernos rexionais os responsables de buscar financiación para facelos.

Tras a experiencia gañada e cunha base legal ben establecida, Lituania está traballando nunha Estratexia de concentración parcelaria na que defina a súa actuación e prioridades para os vindeiros anos.

Esta estratexia recollerá tamén o destino da propiedade que tras os procesos de restitución permanece sendo do estado (500.000 ha, dato non oficial). Neste sentido, a súa inclusión nos procesos de concentración parcelaria ou o seu uso a través de bancos ou fondos de terras están sendo considerados.

Lituania

© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS