Medio Rural
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Instrumentos de xestión de terras nos países FARLAND: Portugal

Dous son os instrumentos de xestión de terras identificados no proxecto: a concentración parcelaria (emparcelamento) e as Unidades de Xestión Forestal.

Concentración parcelaria:

O chamado “emparcelamento rural” é entendido en Portugal como a intervención que permite corrixir a dispersión e fragmentación da propiedade, a configuración e a dimensión dos predios introducindo melloras nas redes viarias e de drenaxe.

De acordo coa lexislación, existen varios procedementos de concentración parcelaria:

  • Concentración parcelaria integral.

    Consiste na substitución dunha estrutura predial defectuosa da propiedade rústica, por outra que permita concentrar a área dos predios pertencentes a cada propietario no menor número posible de predios, asociada á realización de melloras fundiarias (da propiedade), permitindo aumentar a superficie dos novos predios mediante a incorporación de terreos da reserva de terras. É realizada normalmente en zonas de grande potencial agrícola e con deficiente estrutura fundiaria.
  • Concentración parcelaria simple.

    Consiste na corrección da división parcelaria de terreos pertencentes a, cando menos, dous propietarios, coa finalidade de mellorar as condicións técnicas e económicas da explotación, a través da concentración, do redimensionamento, da rectificación de lindes e da extinción de enclaves e de servidumes.
  • Concentración de explotacións.

    Execútase sempre que é posible de forma simultánea coa concentración integral ou simple e consiste na concentración das parcelas dispersas dunha mesma empresa agrícola, aínda que pertencente a propietarios diferentes.
  • Redimensionamento de explotacións agrícolas.

    Aumento da superficie das explotacións, até os límites definidos para cada rexión, para mellorar a rendibilidade dos factores de produción.
  • Permuta de terreos e árbores.

    Eliminación de enclaves e dereitos de superficie, corrección da forma ou da estrutura das explotacións agrícolas ou o reforzo da súa produtividade.

 

Zonas de Intervención Forestal (ZIFs)

Unha ZIF é unha área territorial continua, constituída na súa maior parte por espazos forestais, suxeita a un plan de xestión forestal e a un plan de defensa do monte e xestionada por unha única entidade.

Coa creación das Zonas de Intervención Forestal (ZIF) preténdese a obtención de espazos continuos sometidos a planos comúns de intervención e xestionados por unha única entidade, como medida capaz de introducir escala e profesionalización na acción do ordenamento e da xestión forestal en zonas onde a dimensión da propiedade só o permite a través da organización dos propietarios forestais en torno da xestión e defensa comúns do patrimonio individual. A constitución desas zonas é estritamente de iniciativa privada local, podendo ser dinamizada por entidades públicas da administración central e local.

Os obxectivos perseguidos son.

  • Promover unha xestión activa e permanente das áreas forestais
  • Protexer as áreas forestais e as áreas rurais asociadas dun xeito eficiente
  • Promover a recuperación das zonas forestais afectadas por incendios
  • Reducir as condicións de ignición e de propagación dos incendios forestais
  • Permitir a coordinación dos diferentes instrumentos que existen para a xestión do uso da terra
  • Contribuír a unha mellor xestión do uso da terra

Proceso de constitución das ZIF Como funcionan as ZIF

Portugal

© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS