Logotipo da Xunta de Galicia
Diario Oficial de Galicia
venres, 20 de outubro de 1989

Editado pola Consellaría de Medio Rural


I. DISPOSICIÓNS XERAIS

 
Número do Dog:

202

 
Páxina do Dog:

4.924

 
Data da Disposición:

20 de outubro de 1989

 
Sección:
I. DISPOSICIÓNS XERAIS
 
Organismo:
PRESIDENCIA
 
Rango:
LEI
 
Título:

Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

 

Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Os montes veciñais en man común son unha das poucas formas de propiedades de terras en común que logrou sobrevivir á organización municipal do século XIX e ó fenómeno desamortizador.

Por iso, chama a atención que unha forma de propiedade tan orixinal e tan nosa non fose obxecto de regulamentación específica ata hai vinte anos.

A lei 52/1968, do 27 de xullo, de montes veciñais en man común, tivo sen dúbida o mérito de recoñece-la figura, pero desnaturalizouna coas limitacións e restriccións que contén, así como coa inxerencia municipal. A lei 55/1980, do 11 de novembro, quixo ser, e fe feito foi, máis liberalizadora, pero aínda son moitos os atrancos que limitan as súas funcións.

A presente Lei pretende darlle resposta á necesidade dunha regulación realista dos montes veciñais en man común, propiedade peculiar e ben característica de Galicia, tantas veces posta de manifesto por expertos, reivindicada polos campesiños e reclamada pola propia realidade económica.

Non ofrece dúbida a potestade lexislativa da nosa Comunidade por lle vir atribuída no Estatuto de Autonomía ( Artigo 27.11) a competencia exclusiva en materia de <<réxime xurídico dos montes veciñais en man común>>.

A lexislación relativa a estes montes esixe partir do recoñecemento da natureza privada destas terras a favor das Comunidades veciñais que adoito as viñan disfrutando, liberándoas de vencellos que a desnaturalizan. Neste recoñecemento non se poden esquece-los preceptos constitucionais referentes á función social da propiedade que para tales bens cumpran as necesidades da Comunidade propietaria, así como o interese xeral da sociedade, e, en consecuencia, levar a cabo un mellor aproveitamento dos recursos.

As causas de que importantes superficies de Galicia estean improductivas ou con aproveitamentos por debaixo do seu potencial, radican en boa medida nos atrancos legais e institucionais que os veciños atoparon para o aproveitamento dos seus propios montes. Esta Lei facilita a adicación das terras ós cultivos e aproveitamentos que máis conveñan ás circunstancias agrolóxicas dos solos e ós intereses dos veciños, e permite, así mesmo, a división dos montes entre eles, con carácter temporal, para o seu cultivo, aínda que adoptando medidas de protección e cautela que impidan racha-la unidade dos mesmos.

Preténdese, en definitiva, incorporar á actividade económica unha ampla superficie agraria baixo este réxime de propiedade e abrir vieiros para a mellora da dimensión económica das explotacións agrarias pertencentes ás Comunidades con montes veciñais en man común. Esta Lei dálle á Comunidade de veciños plena autonomía para a xestión e o disfrute do monte, reduce as maiorías necesarias para a toma de decisións, establecendo garantías suficientes de publicidade e concorrencia, dicta normas básicas de organización das Comunidades de veciños e simplifica o articulado -deixando para un posterior desenvolvemento regulamentario tódalas materias non fundamentais-, conseguindo con todo iso unha necesaria sistematización.

Para favorece-lo seu mellor aproveitamento polos veciños, unha vez superadas as limitacións lexislativas anteriores, considérase necesario incluír tamén o seu carácter preferente nas actuacións e axudas da Administración agraria galega.

Contémplase a fórmula de xestión cautelar pola Administración para aqueles casos nos que a Comunidade de veciños se extinga ou desapareza, e tamén para o suposto de que o monte non sexa xestionado de acordo cos seus recursos. A xestión cautelar queda en todo caso supeditada ó aproveitamento directo pola Comunidade, establecendo un procedementos que garanta este principio.

De acordo co previsto no artigo 13.2 do Estatuto de Autonomía de Galicia e 24 da Lei Reguladora da Xunta e do seu Presidente sanciono e promulgo en nome de El-Rei a Lei de montes veciñais en man común.

TITULO PRELIMINAR
Disposicións Xerais

Artigo 1.-
Son montes veciñais en man común e rexeranse por esta Lei os que, con independencia da súa orixe, das súas posibilidades productivas, do seu aproveitamento actual e da súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade sen asignación de cuotas polo membros daquelas na súa condición de veciños. (* ver art. 1 do regulamento de mvmc)

Artigo 2.-
Os montes veciñais en man común son bens indivisibles, inalienables, imprescritibles e inembargables, e non están suxeitos a ningunha contribución de base territorial nin á cuota empresarial da Seguridade Social, de acordo co artigo 2.1 da Lei 55/80.

Artigo 3.-
1. A propiedade dos montes veciñais en man común, con independencia da súa orixe, é de natureza privada e colectiva, a súa titularidade dominical e mailo aproveitamento correspóndelle, sen asignación de cuotas, ó conxunto dos veciños titulares de unidades económicas, con casa aberta e residencia habitual nas entidades de poboación ás que tradicionalmente estivese adscrito o seu aproveitamento, e que veñan exercendo, segundo os usos e costumes da Comunidade, algunha actividade relacionada con aqueles.
2. A comunidade veciñal a que se refire o apartado anterior entenderase composta polos veciños que a integren en cada momento.

TITULO I
Réxime xurídico

Artigo 4.-
1. A Comunidade de veciños propietaria dun monte veciñal en man común terá plena capacidade xurídica para o cumprimento dos seus fins e a defensa dos seus dereitos, sobre o monte e os seus aproveitamentos, así como sobre a súa administración e disposición, nos termos establecidos na presente Lei.
2. Se se extinguise a Comunidade veciñal titular con independencia da súa vontade, haberase que ater, transitoriamente e ata que non se reconstitúa a Comunidade, ó disposto no artigo 27 da presente Lei.

Artigo 5.-
Os montes veciñais en man común, malia a súa inalienabilidade, poderán ser obxecto de cesión temporal, en todo ou en parte, a título oneroso ou gratuíto, para obras, instalacións, explotacións de diversa índole, servicios e outros fins que redunden de modo principal no beneficio directo da Comunidade de veciños, de acordo coas maiorías previstas no artigo 18.1.

A cesión poderá ser por tempo indefinido a favor de calquera das Administracións Públicas cando sexa destinada a equipamentos a prol da propia Comunidade, e en tanto se manteña o fin para o que foi feita a cesión. (* ver art. 5 do regulamento de mvmc)

Artigo 6.-
1. Os montes veciñais só poderán ser obxecto de expropiación forzosa ou impoñérselles servidumes por causa de utilidade pública ou interese social prevalente ós dos propios montes veciñais. ( * ver xurisprudencia en materia de: servidumes )
2. O importe das cantidades aboadas pola expropiación ou servidume deberase destinar á mellora do monte, ó establecemento de obras ou servicios de interese xeral da Comunidade de veciños propietarios, ou, na súa imposibilidade, repartilo entre os comuneiros, de acordo co que estea previsto nos Estatutos ou co que decida a Comunidade segundo as maiorías previstas no artigo 18.1.
3. Se como consecuencia da expropiación quedase todo o monte fóra da titularidade dominical da Comunidade, esta subsistirá para o exercicio dos dereitos que caiban e como titular do eventual dereito de reversión. (* ver art. 6 do regulamento de mvmc)

Artigo 7.-
1. A comunidade de veciños propietarios poderá establecer dereitos de superficie con destino a instalacións ou edificacións ata o prazo máximo de trinta anos, ou a cultivos agrícolas de dez anos, pasando a ela, sen ningunha indemnización, ó caduca-lo dereito, a propiedade de todo o instalado, edificado ou plantado. No caso de aproveitamentos forestais de arborado, a Comunidade non poderá concertar prazos superiores ós correspondentes a un único turno de especie plantada, nin para outra clase de aproveitamentos có da corta do arborado plantado.
2. A constitución deste dereito formalizarase en escritura pública, que deberá inscribirse no Rexistro da Propiedade, será transmisible e susceptible de gravame, e rexerase polo título constitutivo do dereito, pola presente Lei e, subsidiariamente, polas normas do Dereito Privado.
3. Se o dereito de superficie afectase só a unha parte do monte veciñal, deberase practica-la correspondente delimitación para os efectos de inscrición daquel dereito. (* ver art. 8 do regulamento de mvmc). )

Artigo 8.-
Malia o disposto no artigo 2, cando razóns de utilidade ou interese social das Comunidades de veciños así o aconsellen, poderán estas, dándolle conta ó Xurado Provincial de Clasificación, permutar terreos integrantes dos montes veciñais en man común, por outros terreos limítrofes que sexan de valor similar.

TITULO II
Da Clasificación e dos seus efectos

Artigo 9.-
A Clasificación como monte veciñal dos terreos o que se refire o artigo 1 levarana a cabo os Xurados Provinciais na forma prevista nesta Lei e no seu Regulamento.

Artigo 10.-
En cada unha das provincias galegas existirá un Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais, coa seguinte composición:
• Presidente: o Delegado da Consellería de Agricultura. ( Nota: Hoxe Medio Ambiente)
• Vicepresidente: un Maxistrado da Audiencia Provincial correspondentes ( Nota: declarado inconstitucional).
• Vocais: Un letrado da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, un avogado designado polos Colexios Profesionais da provincia, un técnico da Consellería de Agricultura (Nota: hoxe C de Medio Ambiente), un representante das Comunidades de Montes de veciños da provincia e dous representantes da Comunidade propietaria en cada caso implicada.
• Secretario: un funcionario da Delegación Provincial da Consellería de Agricultura (Nota: hoxe Medio Ambiente).

Os representantes da Consellería de Agricultura (Nota: hoxe Medio Ambiente) nomearanse regulamentariamente en función do posto de traballo que desempeñen. Regulamentariamente determinarase todo o relativo á organización, réxime de incompatibilidades, escusas, asistencias, axudas de custo, gastos, sancións, nomeamentos e substitucións dos membros do Xurado (* ver arts. 13 ó 18 do regulamento de mvmc).

Artigo 11.-
1. Os expedientes de clasificación de montes veciñais iniciaraos de oficio o Xurado ou a instancia de calquera veciño, da Consellería de Agricultura (Nota: hoxe Medio Ambiente), das comunidades parroquiais ou veciñais afectadas ou do Concello onde estea comprendido o monte. (* ver art. 19 do regulamento de mvmc).
2. Regulamentariamente, determinarase o procedemento de clasificación, tendo que ser oídos cantos resulten interesados no expediente e debéndoselles notificar na fase inicial ás persoas ou entidades que teñan ó seu favor a inscrición no Rexistro da Propiedade dalgún título relativo ó monte. (* ver arts. 19 ó 31 do regulamento de mvmc).
3. Cando se inicie un expediente de clasificación, a tramitación do cal non poderá exceder de una ano a partir do seu comezo, daráselle publicidade oficial e mais mediante a fixación de edictos nos lugares públicos de costume e nos asentamentos da Comunidade veciñal interesada.
4. Unha vez clasificado o monte fixarase a superficie e os lindeiros do mesmo, achegando á resolución planimetría suficiente, cos datos descritivos precisos, e procederase ó seu sinalamento e deslinde, que levará a cabo de forma gratuíta a Consellería de Agricultura (Nota: hoxe C. De Medio Ambiente). Así mesmo figurará o estado económico de aproveitamentos, usos, concesións e consorcios.
5. Asemade o Xurado remitiralle testemuño da resolución ó Rexistro da Propiedade, para os efectos de que se proceda a anotación preventiva da clasificación do monte.

Artigo 12.-
As resolucións do Xurado Provincial poderán ser obxecto de recurso de reposición perante o propio Xurado, previo á súa impugnación en vía contencioso-administrativa, de conformidade coa Lei Reguladora desta Xurisdicción.

Artigo 13.-
A resolución firme de clasificación dun terreo como monte veciñal en man común deberá contelos requisitos necesarios para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade de conformidade coa Lei Hipotecaria e no seu Regulamento, e virá acompañada de planimetría suficiente que permita a identificación do monte. A devandita resolución, de acordo co artigo 13 da Lei 55/80, unha vez firme producirá os seguintes efectos:
a. Atribuírlle a propiedade á Comunidade veciñal correspondente, en tanto non exista sentencia firme en contra, dictada pola xurisdicción ordinaria.
b. Servir de título inmatriculador suficiente para a inscrición do monte no Rexistro da Propiedade e para excluílo do Catálogo dos de utilidade pública ou do Inventario de bens municipais, se figurase neles, así como para resolver sobre as inscricións total ou parcialmente contradictorias que resulten afectadas.
Se a certificación para a inmatriculación so monte estivese en contradicción con algún asento non cancelado, procederase na forma prevista na lexislación hipotecaria.
c. Estará exento dos impostos sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, e serán gratuítas a primeira inscrición do monte e mailas cancelacións que se produzan por este motivo, de acordo co artigo 13 da Lei 55/80. (* ver art. 30 do regulamento de mvmc).

TITULO III
Da organización das comunidades.

Artigo 14.-
1. A Asemblea Xeral, da que forman parte tódolos comuneiros, é o órgano supremo de expresión da vontade da Comunidade veciñal.
2. A Asemblea Xeral ordinaria será convocada unha vez ó ano e sempre dentro dos seis meses seguintes á data do pechamento do exercicio económico. Con carácter extraordinario, poderase convocar Asemblea Xeral por iniciativa da Xunta Rectora po por pedimento dun mínimo do 20% dos comuneiros. (* ver arts. 40.1 do regulamento de mvmc).
3. A Asemblea Xeral quedará validamente constituída en primeira convocatoria cando estean presentes ou representados máis da metade dos comuneiros e en segunda convocatoria cando estean polo menos o 25% dos mesmos. Entre a primeira e a segunda convocatoria deberá transcorrer un mínimo de dúas horas. (* ver arts. 41.3 do regulamento de mvmc).
4. A convocatoria da Asemblea Xeral farase cun mínimo de 10 días de antelación, mediante notificación escrita a tódolos comuneiros e coa orde do día dos asuntos que se van tratar, e estará exposta durante o mesmo prazo nos taboleiros de anuncios do Concello, así como nos lugares de costume da entidade onde radique a Comunidade. (* ver arts. 41.1 do regulamento de mvmc).
5. Para asistir á Asemblea Xeral, un comuneiro poderá delega-la súa representación noutro comuneiro, sen que ningún poida asumir máis de unha delegación. En todo caso, a delegación deberá ser expresa para cada Asemblea Xeral. (* ver arts. 42.2 do regulamento de mvmc).

Artigo 15.-
1. A Xunta Rectora é o órgano de goberno, xestión e representación da Comunidade. Estará composta por un Presidente e o número de vocais que sinalen os Estatutos, sen que en ningún caso poidan ser menos de dous. A Xunta Rectora será elixida pola Asemblea Xeral por un período máximo de catro anos.
O Presidente da Xunta Rectora ostenta a representación legal da Comunidade. 2. Cando o número de comuneiros non permita a constitución da Xunta Rectora, conforme ó establecido no apartado 1 asumirá as súas funcións a Asemblea Xeral da Comunidade de veciños.
3. As comunidades de veciños, logo de acordo da Asemblea Xeral, poderán mancomunarse para a mellor defensa dos seus intereses e consecución dos seus obxectivos.

Artigo 16.-
1. A Comunidade de veciños propietaria redactará e aprobará os Estatutos, que, sendo a norma reguladora do seu funcionamento, deberán recolle-los usos e costumes polos que se viña rexendo a Comunidade e as previsións desta Lei e conterán como mínimo os seguintes extremos:
a. A atribución da condición de comuneiro conforme ó disposto no artigo 3.1 desta Lei.
b. A representación por casa e a delegación entre comuneiros.
c. As condicións de admisión de novos comuneiros.
d. A maneira de exercita-los dereitos derivados da condición de comuneiros.
e. Obrigas dos comuneiros en canto a custodia, defensa e conservación do monte.
f. Os órganos ós que lles encomenda o goberno e administración, modo de nomealos, substituílos, e funcións que lle corresponden.
g. Porcentaxe de reserva en rendementos económicos para investimentos en melloras e protección do monte, de acordo co artigo 23 da presente Lei.
h. Criterios ós que se deban axeita-los diversos aproveitamentos do monte.
1. Os Estatutos e as súas modificacións empezarán a surtir efecto ó día seguinte da súa aprobación, e remitirase unha copia, para efectos de coñecemento, ó Rexistro Xeral de Montes Veciñais en Man Común. (* ver arts. 44 do regulamento de mvmc).

Artigo 17.-
Calquera comuneiro poderá defende-los intereses da Comunidade de montes en man común, tendo que serlle reintegrados os gastos que lle ocasione tal defensa, sempre que prosperen as súas pretensións ou sexa aprobado pola Asemblea Xeral.

Artigo 18.-
1. A aprobación, reforma ou revogación dos Estatutos, así como os acordos referidos a actos de disposición, correspóndelle á Asemblea Xeral, requirindo a convocatoria expresa e voto favorable da maioría dos presentes que representen alomenos o 50% do censo de comuneiros en primeira convocatoria e o 30% en segunda.
2. Para a aprobación da xestión e do balance do exercicio económico, aproveitamentos e actos de administración en xeral será suficiente a maioría simple, agás que nos Estatutos se esixa outra maioría.

Artigo 19.-
1. En tanto non se constitúan os órganos de goberno, ou se por calquera causa non existisen, exercerá as facultades que a estes lles corresponda unha Xunta provisional composta, como mínimo, por un Presidente e dous vocais, elixidos de entre os comuneiros e por estes, dando conta da súa composición ó Rexistro Xeral de Montes Veciñais en Man Común.
2. A Xunta provisional terá a representación da comunidade e impulsará a redacción e aprobación dos Estatutos ou, se é o caso, a elección dos órganos de goberno. Confeccionará, de non existir, a lista provisoria de veciños comuneiros.
3. As Xuntas provisionais terán un prazo máximo de un ano para a redacción do proxecto de Estatutos da Comunidade.
4. A Xunta provisional encargarase da xestión e administración do monte veciñal e poderá autorizar, por razóns de urxencia ou interese xeral, actos de administración de contía económica non superior a un millón de pesetas en total. (* ver arts. 33 ó 35 do regulamento de mvmc).
5. O mandato da Xunta provisional rematará, en todo caso, coa aprobación dos Estatutos, e non poderá ser superior a un ano. Transcorrido este e persistindo as circunstancias sinaladas no apartado 1 do presente artigo, procederase a unha nova elección.

Artigo 20.-
En situacións xurídicas de pendencia por extinción ou desaparición da Comunidade de veciños titular do monte, a defensa dos seus intereses correspóndelle á parroquia onde radique o mesmo, ou subsidiariamente á Consellería de Agricultura, que regularán en concepto de titulares provisorios o aproveitamento do monte en beneficio da Comunidade Parroquial.

TITULO IV
Dos aproveitamentos.

Artigo 21.-
1. O aproveitamento e disfrute dos montes veciñais en man común correspóndelle en orixe exclusivamente á Comunidade titular e farase segundo as normas recollidas nos seus Estatutos, nesta Lei e nas disposicións que a desenvolven.
2. Os rendementos que produza o monte, respectando o disposto no artigo 23 desta Lei, adicaranse, en todo ou en parte e segundo os Estatutos ou a Asemblea Xeral, a obras ou servicios comunitarios, con criterios de reparto proporcional entre os diversos lugares, a investimento no propio monte ou a reparto, total ou parcial, en partes iguais entre tódolos comuneiros. Os rendementos non individualizados repartiranse, en todo caso, en partes iguais entre tódolos comuneiros. (* ver art. 48 do regulamento de mvmc).
3. Os aproveitamentos dos montes veciñais en man común poderán ser obxecto de gravame, e neste caso a execución soamente se poderá dirixir contra os aproveitamentos ou as rendas que se puidesen derivar da súa cesión feita de conformidade co disposto na presente Lei.

Artigo 22.
1. A Comunidade de veciños propietaria poderá acordar para usos gandeiros ou agrícolas que parte do monte se poida aproveitar de xeito individual mediante a distribución entre os veciños comuneiros de lotes, sortes ou tenzas cedidos temporalmente a título oneroso ou gratuíto e por períodos non superiores ós once anos.

Na asignación de lotes procurarase que comuneiros que traballen conxuntamente baixo a fórmula de explotación comunitaria da terra teñan os lotes contiguos.
2. Cando a utilización de tal lote, sorte ou tenza, por parte do particular, sexa destinada a uso distinto ou contradictorio do acordado pola Comunidade, dará lugar á reversión inmediata de tal lote, sorte ou tenza á situación de aproveitamento colectivo.
3. Rematado o período de cesión, a Comunidade de veciños poderá optar por acomete-lo aproveitamento en común ou proceder a un novo reparto. Neste caso, os lotes que se lles entreguen ós comuneiros non poden coincidir cos que se aproveitaron no período anterior.
4. A comunidade de veciños propietaria coidará de que as tenzas cedidas estean axeitadamente cultivadas e de que se poida atende-la demanda de lotes por parte dos que adquiran a condición de comuneiros despois de feita a distribución.

Artigo 23.-
De tódolos rendementos económicos que se poidan derivar dos aproveitamentos, reservarase unha cantidade, que se debe fixar nos Estatutos, e en todo caso nunca inferior ó 15% daqueles, para investimentos en mellora, protección, acceso e servicios derivados do uso social ó que o monte poida estar destinado.

TITULO V
Protección e Xestión cautelar.

Artigo 24.-
A Comunidade titular dun monte veciñal en man común tomará as medidas necesarias para a xestión, explotación, protección e defensa do mesmo. Velará pola prevención e loita contra os incendios forestais en coordenación coa Administración Pública.

Artigo 25.-
A Consellería de Agricultura daralles ós montes veciñais en Man Común carácter preferente nas súas actuacións de fomento e mellora da producción agraria e na concesión de axudas económicas para as mesmas finalidades. Ademais desempeñará as seguintes funcións:
• Proceder ó deslinde e sinalamento dos mesmos.
• Velar pola súa conservación e integridade.
• Asesorar tecnicamente ás Comunidades veciñais na redacción dos Plans e proxectos técnicos de transformación, mellora e aproveitamentos agrícolas, pecuarios e forestais.
• Vixiar polo cumprimento da execución dos Plans de mellora que se citan nos artigos 28 e 29.
• Realizar convenios dirixidos a un mellor aproveitamento do monte con aquelas Comunidades de veciños que así o soliciten.
• Impulsar e promove-lo aproveitamento cooperativo do monte.
• Velar polo cumprimento do disposto nesta Lei, aplicando as medidas correctoras e sancionadoras que legalmente se establezan.

Artigo 26.-
Na Consellería de Agricultura (Nota: Hoxe Medio Ambiente) crearase un Rexistro Xeral de Montes Veciñais en Man Común que, en todo caso, será público, coa finalidade de manter unha relación actualizada dos mesmos e da súa situación estatutaria, así como dos actos de disposición a que se refiren os artigos 5, 6 , 7, 8 e 22 desta Lei.

En cada Delegación Provincial existirá unha sección cos datos rexistrais dos montes veciñais do seu ámbito.

Regulamentariamente desenvolveranse as características deste Rexistro.

Artigo 27.-
Os montes veciñais en man común serán xestionados cautelarmente pola Consellería de Agricultura nas seguintes situacións:
a. Por extinción ou desaparición da Comunidade de veciños titular do monte, de forma provisoria ata que, se é o caso, se reconstitúa a Comunidade, e sempre que a parroquia onde radique o monte non exerza o seu dereito conferido no artigo 20 desta Lei.
b. Cando sexa declarada a situación de estado de grave abandono ou degradación do monte veciñal, de acordo co contemplado nesta Lei.

Artigo 28.-
1. Entenderase por monte veciñal en estado de grave abandono ou degradación aquel que, de modo manifesto, sufrise un grave deterioro ecolóxico, non sexa explotado de acordo cos seus recursos ou sufra unha extracción abusiva dos mesmos.
2. A Xunta de Galicia, a proposta da Consellería de Agricultura, será competente para declarar por razóns de utilidade pública e interese xeral o estado de grave abandono ou degradación.
3. A declaración en estado de grave abandono ou degradación implicará a execución dun Plan de mellora e aproveitamento.
4. A Consellería de Agricultura establecerá periodicamente os indicadores obxectivos que sirvan para a determinación do estado de grave abandono ou degradación dos montes, con base, fundamentalmente, nos seguintes criterios: o grao de aproveitamento establecidos en Plans específicos de ordenación agrogandeira ou forestal, se é o caso; o carácter depredador das actividades extractivas dos recursos; o perigo manifesto de degradación das terras.

Artigo 29.-
A Consellería de Agricultura acomodará a declaración de estado de grave abandono ou degradación ó seguinte procedemento:
Primeiro.- Requirirá de oficio á Comunidade de veciños para que presente un Plan de mellora e transformación integral do monte, no que se exprese o prazo para a súa execución.
Segundo.- Requirida a Comunidade, esta terá un prazo de 3 meses, prorrogables por outros 3, para presenta-lo referido Plan.
Terceiro.- No Caso de non presentación do Plan pola Comunidade ou de non aprobación do presentado, a Consellería de Agricultura procederá á elaboración dun Plan de xestión e mellora integral do monte, que lle será notificado á comunidade, no prazo máximo de 3 meses, para o seu coñecemento e aprobación.
Cuarto.- Transcorridos 3 meses sen que a Comunidade aceptase o Plan nin se chegase a fórmulas de compromiso, a Consellería de Agricultura elevaralle a proposta ó Concello da Xunta de Galicia para que o monte sexa declarado en estado de grave abandono ou degradación. Contra esta resolución cabe o recurso contencioso-administrativo.

Artigo 30.-
1. Decretado un monte en estado de grave abandono ou degradación, a Consellería de Agricultura tomará ó seu cargo no prazo de dous anos a execución do Plan de xestión e mellora integral proposto, debendo render contas da súa xestión á Xunta Rectora para información á Asemblea anual da Comunidade.
2. Os beneficios derivados do Plan de mellora e aproveitamento dos montes xestionados cautelarmente, unha vez deducidos os gastos e investimentos na xestión e mellora do monte, serán para a Comunidade. De non existir esta, serán para o Concello ou Concellos onde radique o monte, que os destinará a melloras de interese xeral nas parroquias correspondentes.

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS

Primeira.-
As resolucións dos Xurados Provinciais terán eficacia durante o prazo de un ano, a partir da súa firmeza, para rectifica-las inmatriculacións contradictorias do Rexistro da Propiedade, agás que estas se practiquen en virtude de sentencia, dictada en xuízo declarativo, de acordo coa lei 55/80, do 11 de novembro.

Segunda.-
As comunidades propietarias de montes de veciños consorciados ou con convenios coa Administración, e con independencia de que neles fosen parte os Concellos ou Deputacións Provinciais, poderán optar por subrogarse no consorcio ou convenio preexistente, realizar un novo convenio ou resolve-lo existente.

As débedas dos consorcios realizados pola Administración Forestal do Estado serán condonadas polo importe a que ascendía a débeda no momento da clasificación do monte como veciñal en man común.

Se os consorcios coa Administración continúan en vigor, ben na súa forma orixinal ou transformados en convenios ó abeiro da Disposición Derradeira terceira da Lei 55780, do 11 de novembro, e a totalidade ou parte da débeda existente no momento da clasificación fose amortizada, o importe desta devolveráselles ás comunidades en forma de investimentos que ten que realiza-la Administración no propio monte.

Cando o consorcio ou convenio fose resolto e liquidado, as Comunidades interesadas poderán solicita-la devolución do importe das amortizacións realizadas no momento da clasificación, que será compensado pola Administración en forma de investimentos materializados no propio monte.

Estes investimentos realizaranse con acordo expreso das Comunidades propietarias, nun prazo máximo de catro anos.

En todo caso, aquelas Comunidades que se beneficien da condonación da débeda segundo o contemplado nesta Disposición e queiran rescindi-lo consorcio ou convenio terán que presentar sempre un Plan de aproveitamento e xestión do monte, que deberá ser aprobado pola Administración.

Terceira.-
Tódolos procedementos, agás o de clasificación, serán substanciados polo trámite de incidentes perante o Xulgado de Primeira Instancia. (Nota: Declarado inconstitucional)

Cuarta.-
Os dereitos atribuídos nesta Lei á parroquia entenderanse no marco do disposto e previsto nos artigos 40.3 e 27.2 do Estatuto de Galicia.

Quinta.-
A Consellería de Agricultura confeccionará, nun prazo de tres anos, un inventario xeral dos montes en man común no que consten individualizados os datos que permitan a perfecta identificación dos mesmos, tales como a situación xeográfica, superficie, lindeiros, estado económico de aproveitamento, usos, concesións, convenios, consorcios e arrendamentos establecidos sobre os mesmos.

Sexta.-
Concluído o inventario a que fai referencia a Disposición adicional quinta, a Consellería de Agricultura, partindo da demandas das Comunidades propietarias, elaborará un Plan de aproveitamento de montes veciñais en man común, que terá como obxectivo o mellor uso destas terras atendendo á súa vocación productiva e ás necesidades das Comunidades. Este Plan, que será debatido no Parlamento Galego, contará coas previsións correspondentes de financiación e promoción de aproveitamentos.

A Xunta de Galicia impulsará e promoverá o aproveitamento cooperativo, ou comunitario, daqueles montes que polas súas circunstancias poidan ser susceptibles de aproveitamento industrial.

DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS

Primeira.-
O entrar en vigor esta Lei os Xurados Provinciais dos montes veciñais en man común configuraranse de acordo co disposto nesta Lei, sen prexuízo de que aqueles expedientes en trámite sexan resoltos de conformidade coa lexislación existente no momento de comezalos.

Segunda.-
Os Estatutos aprobados e as Xuntas de Comunidade constituídas de conformidade coa lexislación anterior adaptaranse ó disposto na presente Lei no prazo de un ano dende a entrada en vigor da presente Lei.

Terceira.-
As Actuacións para a declaración dun monte veciñal en estado de grave abandono ou degradación non se poderán iniciar antes de transcorrido un ano dende a entrada en vigor da presente Lei para os montes xa clasificados ou desde a clasificación cando esta sexa posterior á mesma.

Cuarta.-
O Ministerio Fiscal defenderá as Comunidades de veciños de montes en man común, cando estas se vexan afectadas na propiedade da que son titulares, ó abeiro da Lei 55/80, do 11 de novembro.

DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS

Primeira.-
A Xunta de Galicia aprobará o Regulamento da presente Lei no prazo de seis meses, computados dende o día da entrada en vigor da mesma.

Segunda.-
A presente Lei, xunto coa costume, constitúen o dereito propio de Galicia en materia de montes veciñais en man común, que de conformidade co disposto no artigo 38.1 do Estatuto de Autonomía será de aplicación, no seu ámbito territorial, con preferencia a calquera outro.