Medio Rural
  • Nova
 

A Xunta creará o distintivo Bandeira Verde para aqueles montes que acrediten o seu uso sustentable

O obxectivo desta certificación é recoñecer o traballo dos propietarios pola mellora e restauración do patrimonio natural

Ángeles Vázquez fixo este anuncio na visita ao monte da Braxe que a Xunta ten en Cedeira e que conta con certificación forestal

Con motivo do Día Internacional dos Bosques plantáronse 30 castiñeiros neste espazo
 

A conselleira do Medio Rural hoxe no monte da Braxe

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2017.- A Consellería do Medio Rural creará o distintivo Bandeira Verde para aqueles montes que acrediten o uso sostible do espazo natural. Anunciouno hoxe a conselleira Ángeles Vázquez no monte da Braxe, propiedade da Xunta de Galicia e localizado na serra da Capelada. Recoñecerase así o traballo pola mellora e restauración do patrimonio natural e a correcta utilización e xestión dos montes, abarcando todas as vertentes: natural, ambiental e social e mesmo produtiva e no ámbito da prevención dos incendios forestais.

“O obxectivo é valorar e distinguir a aqueles propietarios que non só están cumprindo coas súas obrigas, senón que van máis alá e destacan polo ben coidadas que estean as súas parcelas ou que, por exemplo, acrediten usos sostibles”, sinalou a titular do Medio Rural. Deste xeito, trátase de concienciar sobre a importancia de facer unha boa xestión do entorno e da súa conservación, pero tamén de fomentar a innovación e a posta en marcha de iniciativas pioneiras neste ámbito.

A conselleira do Medio Rural fixo estas declaracións durante a súa visita ao monte da Braxe, que en palabras de Ángeles Vázquez é “un monte modélico” polo traballo realizado ao longo de moitos anos. Trátase dun espazo de máis de 147 hectáreas na serra da Capelada ordenado e con certificación forestal. Alí a responsable autonómica participou xunto a outros técnicos da consellería na plantación simbólica de 30 castiñeiros con motivo do Día Internacional dos Bosques, que se celebra mañá.

Ángeles Vázquez resaltou a importancia de compaxinar a parte económica das plantacións coa ambiental e incluso social, como é o caso. A Braxe foi un lugar moi afectado polo temporal Klaus e séguese a traballar para recuperar o seu uso recreativo que ten dentro da serra da Capelada. “Esta era unha visita obrigada para concienciar da importancia de ter uns montes ordenados, que aportan tanto osíxeno para respirar coma osíxeno económico” para a nosa sociedade, incidiu a titular de Medio Rural.

Selección xenética

Este espazo conta ademais co chamado Horto da Semente, no cal a Consellería do Medio Rural leva anos traballando para seleccionar os mellores exemplares de pinus pinaster. O obxectivo deste proxecto é incrementar a produción de semente de calidade controlada, a única de toda a península ibérica con esta cualificación. Para a creación deste horto foi testada a superioridade das árbores seleccionadas (116) en toda a comunidade autónoma, mediante avaliación do comportamento da súa descendencia en ensaios de proxenie de polinización aberta establecidos nas catro provincias galegas.O horto plantouse no 2010 e ocupa unha superficie de arredor de 9 hectáreas nas que hai plantados 79 xenotipos diferentes de pinos.

O pinus pinaster é unha das especies principais do sector forestal galego. É a conífera máis singular e representativa de Galicia, a especie forestal que máis superficie ocupa e unha das máis empregadas á hora de facer repoboacións forestais. “A través deste traballo conseguiremos mellores pinos e haberá unha xenética excelente en toda Galicia”, concluíu a conselleira.
 


Galería de imaxes

A conselleira do Medio Rural hoxe no monte da BraxeA conselleira do Medio Rural hoxe no monte da BraxeA conselleira do Medio Rural hoxe no monte da BraxeA conselleira do Medio Rural hoxe no monte da Braxe

© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS