Medio Rural
  • Nova
 

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 9:30 horas de hoxe

Arestora permanece activo e decretada, como medida preventiva, a Situación 2 no incendio rexistrado no concello de Narón, parroquia de Val

Activo un lume no concello de Oza-Cesuras, parroquia de Cis, que afecta provisionalmente unhas 30 hectáreas

Controlado o incendio de Abegondo, parroquia de Vizoño, cunha superficie afectada de 46 hectáreas

Extinguidos os lumes rexistrados nas Pontes-Deveso e Negreira-Negreira, con superficies afectadas de 30 e 131 hectáreas, respectivamente
 

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2017.- A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 9:30 horas de hoxe.

Activo Narón

Arestora permanece activo o lume rexistrado onte ás 9:49 horas no concello de Narón, parroquia do Val que, segundo estimacións provisionais, afecta unha superficie aproximada de 230 hectáreas. Permanece decretada como medida preventiva a Situación 2 por proximidade do lume ao núceo do Picheiro, na parroquia de Covas do concello de Ferrol. No seu control levan traballado 7 axentes, 15 brigadas, 14 motobombas, 2 pas e 5 helicópteros. Tamén colaboran efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Activo Oza-Cesuras

Esta madrugada ás 2:09 horas rexistrábase un incendio no concello coruñés de Oza-Cesuras, na parroquia de Cis, que afecta provisionalmente unha superficie dunhas 30 hectáreas. No seu control traballan 3 axentes, 6 brigadas, 4 motobombas e 1 helicóptero.

Controlado Abegondo

Quedou controlado á 1:55 horas desta madrugada o lume en Abegondo, parroquia de Vizoño, tras comezar ás 17:49 horas da tarde de onte. Segundo novas estimacións provisionais afecta unha superficie de 46 hectáreas, das cales 38 son de monte arborado e 8 de raso. Na súa extinción traballan 10 axentes, 8 brigadas, 5 motobombas, 2 pas e 1 helicóptero.

Extinguido As Pontes

Ás 00:04 horas desta madrugada quedaba extingudio o lume rexistrado no concello coruñés das Pontes de García Rodríguez, na parroquia de Deveso, que comezou onte xoves ás 6:10 horas da mañá. As últimas estimacións indican que a superficie afectada foi de 30 hectáreas, das cales 20 son de monte arborado e 10 de raso. Nos traballos de extinción participaron 5 axentes, 8 brigadas, 5 motobombas, 2 helicópteros e 1 avión.

Extinguido Negreira

Extinguido desde as 21:07 horas de onte o incendio localizado no concello coruñés de Negreira, parroquia homónima, que comezaba o mércores ás 22:36 horas. Segundo últimas estimacións, a superficie afectada foi de 131 hectáreas, das cales 101 son de monte raso e o resto de arborado. Na súa extinción traballaron 11 axentes, 16 brigadas, 6 motobombas e 2 pas.
 

 



© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS