Medio Rural
  • Nova
 

Medio Rural achegará en 2017 preto 3 millóns de euros para renovar o parque de maquinaria agrícola de Galicia

Esta orde de axudas vai destinada a cooperativas ou outras asociacións para que utilicen estes equipamentos de xeito común e así aforren en custos de mecanización

A conselleira do Medio Rural ofreceu estes datos durante unha visita a unha Cooperativa de Utilización de Maquinaria Agrícola no concello de Rois

En dous anos o parque de maquinaria de Galicia incrementouse en 3.600 unidades, o que supón unha media de 150 altas ao mes

A conselleira do Medio Rural, en Rois

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2017.- A Consellería do Medio Rural achegará este ano preto de 3 millóns de euros ás axudas para o fomento de maquinaria agrícola en réxime asociativo cofinanciadas polo Feader. Como o seu nome indica, estas subvencións teñen por obxecto promover o uso de maquinaria e outros equipamentos de carácter agropecuario en común e así racionalizar os custos de mecanización. “Deste xeito, logramos introducir as novas tecnoloxías de maquinaria no rural e gañamos en seguridade no traballo”, declarou a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, nunha visita a unha das beneficiarias destas axudas, a Cooperativa de Utilización de Maquinaria Agrícola (CUMA) Os de Rois.

Ángeles Vázquez, que estivo acompañada polo alcalde de Rois, Ramón Tojo, e a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, adiantou que a orde axudas deste ano está resolta provisionalmente e a resolución definitiva sairá publicada no DOG nas próximas semanas. Segundo os datos provisionais, haberá unha vintena de beneficiarios que de media recibirán 147.837 euros de axuda. En total, nos últimos tres anos a Xunta achegou 11,5 millóns de euros a este fin cos que colaborou con 110 sociedades ou cooperativas, cunha media por expediente de 104.652 euros. Entre os investimentos máis solicitados están os carros mesturadores de alimentación, tractores, segadoras, sementadoras e trituradoras, entre outra maquinaria agrícola.

“Só nos últimos dous anos o parque de maquinaria en Galicia incrementouse en 3.600 unidades ou, o que é o mesmo, nunha media de 150 altas ao mes”, sinalou a conselleira, o que supón unha boa mostra do bo avance do mundo rural.

Respecto á meteoroloxía das últimas semanas, Ángeles Vázquez explicou que, grazas ás choivas de febreiro e marzo, a primeira recollida da herba foi boa e o tempo seco de abril permitiu ensilala en condicións axeitadas.

CUMA Os de Rois

A cooperativa Os de Rois é unha das sociedades beneficiadas por estas axudas. De feito, grazas á achega de Medio Rural do ano pasado puido mellorar os servizos que ofrece aos seus 16 socios con outras seis novas máquinas. Esta CUMA ten unha facturación media duns 157.484 euros nos últimos anos e o valor da súa maquinaria chega aos 821.919 euros.


Galería de imaxes

A conselleira do Medio Rural, en RoisA conselleira do Medio Rural, en RoisA conselleira do Medio Rural, en RoisA conselleira do Medio Rural, en Rois
 



© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS