Medio Rural
  • Nova
 

Medio Rural tratará este ano máis de 30.000 castiñeiros fronte ás doenzas da avespiña e o chancro que afectan estas árbores

Os labores supoñen un investimento total de preto de 680.000 euros no presente exercicio e desenvólvense nas catro provincias galegas, pero especialmente na de Ourense e no sur de Lugo

A conselleira Ángeles Vázquez supervisou hoxe estes traballos de loita biolóxica no monte Pedroso de Santiago de Compostela

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2017.- A Xunta rematará este mes os traballos de loita biolóxica contra a avespiña do castiñeiro correspondentes a este ano. En total, lévanse tratados uns 4200 pés desta especie a través da solta dun parasito (torymus sinensis) que impide aos insectos chegar á fase de multiplicación. Cómpre destacar que cada unha das vias con parasitos instálase nunha árbore, pero non beneficia só a ese exemplar senón a toda a contorna, polo que o número de pés tratados é maior.

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, supervisou hoxe estes labores no monte Pedroso, en Santiago de Compostela. Sumando todos estes puntos de solta, liberouse unha poboación de máis de 130.000 individuos do devandito parasito en toda Galicia. Ademais, este ano rexistrouse un importante incremento do número de individuos de torymus, concretamente o dobre da solta realizada o pasado ano, con 84.000 femias e 49.000 machos, distribuídos nas catro provincias galegas.

Estas accións integran o programa de defensa desta árbore e como consecuencia tamén da produción de castaña. Dentro das medidas de loita biolóxica de sanidade forestal, inclúense os tratamentos contra o chancro do castiñeiro, un fungo que afecta estas árbores. Ao longo deste ano, Medio Rural vai tratar uns 26.000 pés fronte esta outra doenza, co que xa serán arredor de 90.000 os tratados desde 2011.

Estes traballos supoñen un investimento total de preto de 680.000 euros no presente exercicio e desenvólvense nas catro provincias galegas, pero especialmente na de Ourense, na que existe unha maior afectación, xunto co sur de Lugo.

A conselleira destacou neste acto que Galicia é a principal comunidade española en produción e exportación de castañas, superando os 20 millóns de quilos anuais, que se traducen nun valor estimado xerado de máis de 100 millóns de euros. Por todo iso, sinalou, é preciso manter o esforzo na defensa e protección de toda esta riqueza.


Galería de imaxes


 

Recursos



© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS