Medio Rural
  • Nova
 

Profesores universitarios holandeses coñecen a experiencia galega na cría extensiva de porco celta en carballeiras e soutos

Unha delegación de docentes dos Países Baixos visitou a nosa comunidade para ver sobre o terreo as investigacións relacionadas coas producións combinadas de carballo e castiñeiro e de razas de porcino autóctono

Coñeceron tamén o Centro de Investigación Forestal de Lourizán, que lidera estes estudos xunto con outras entidades de Asturias e País Vasco
 

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2017.- Unha delegación de profesores universitarios holandeses vén de visitar Galicia para coñecer sobre o terreo as investigacións relacionadas coas producións combinadas de carballo, castiñeiro e porco celta. Os expertos, procedentes da Universidade Van Hall Larenstein de ciencias aplicadas de Leeuwarden (Holanda) visitaron o Centro de Investigación Forestal de Lourizán, que depende da Consellería do Medio Rural, e os ensaios silvopastorís que esta entidade ten instalados nun monte comunal de Rois (A Coruña).

As investigacións que chamaron a atención dos docentes holandeses teñen por obxecto determinar a carga gandeira de razas autóctonas de porcino de alta calidade que maximiza a produción de xeito sustentable desde o punto de vista ambiental en carballeiras e soutos de castiñeiros de Asturias, País Vasco e Galicia, coa participación de centros de investigación destas comunidades, entre eles o de Lourizán, por parte galega. As razas coas que se investiga son as de gochu astur-celta, euskal txerria e porco celta, para determinar o efecto da carga gandeira en réxime extensivo sobre estes ecosistemas e comparalo co semiextensivo, ademais de valorar a incidencia das razas autóctonas en relación con outras híbridas.

Nestes ensaios –cinco en total, repartidos polas tres comunidades autónomas– estúdanse aspectos como a biodiversidade da flora vascular, arborado adulto, rexeneración das especies arbóreas, fertilidade, produción de froitos ou a influencia da nutrición en réxime extensivo na produción das diferentes razas do tronco celta, entre outros. A coordinación do proxecto investigador corre a cargo do centro da consellería pero tamén colaboran a Escola Politécnica Superior de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela, o Servizo Rexional de Investigación e Desenvolvemento Agroalimentario (Serida) de Asturias e o Instituto Vasco de Investigación e Desenvolvemento Agrario (Neiker) de Derio. A investigación está previsto que remate a finais de 2018.

Ademais de verificar estes traballos arredor do porco celta, os profesores holandeses achegáronse ata o Centro de Lourizán para coñecer as súas instalacións, os seus labores e ensaios así como o xardín botánico da institución. A súa visita centrouse nos departamentos de protección forestal e mellora xenética e silvicultura.
 


Galería de imaxes

 



© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS