Medio Rural
  • Nova
 

Medio Rural destina 9 millóns de euros en dous anos ás axudas para a creación de superficies forestais en terras non agrícolas

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a correspondente convocatoria destas achegas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), con trinta días hábiles de prazo dende mañá para presentar as solicitudes

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2017.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan as axudas para a creación de superficies forestais en terras non agrícolas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

O orzamento total destinado a estas achegas é de 9 millóns de euros (3 millóns no 2017 e os 6 millóns restantes para o ano 2018) e o prazo de presentación de solicitudes será de trinta días hábiles contados a partir de mañá, día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

En canto ás entidades beneficiarias, trátase de persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, entendendo por tales tanto os propietarios como os arrendatarios ou xestores. Poden ser sociedades de fomento forestal (Sofor), propietarios particulares de forma individual, as asociacións e agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas, as cooperativas agrarias, os proindivisos, os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, as entidades locais, outras persoas xurídicas e as comunidades de montes veciñais en man común que sexan titulares dos terreos forestais.
 

 



© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS