Medio Rural
  • Nova
 

O Ingacal xa dispón do uso de tres parcelas do Banco de Terras para crear campos de experimentación con carballos galegos

A través deste proxecto que desenvolven o centro de Lourizán e a Fundación Juana de Vega preténdese conservar e promover os recursos xenéticos propios de Galicia

Nos próximos meses levaranse a cabo labores de replanteo e preparación da terra de cara a executar as plantacións no inverno

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2017.- O Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal), que depende da Consellería do Medio Rural, xa dispón do uso de tres parcelas para crear campos de experimentación con carballos galegos. O director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois, vén de asinar o documento polo que se recoñece a cesión do uso destes terreos que forman parte do Banco de Terras. O obxectivo é ofrecer ao instituto terreos nos que plantar árbores para desenvolver campos de ensaio de variedades autóctonas de carballos para promover a conservación dos recursos xenéticos das principais especies forestais do noso territorio.

Estes predios están localizados nas provincias de Lugo, Ourense e A Coruña. No primeiro caso, estará no concello de Chantada e ten unha extensión de 6.959 metros cadrados, outra no concello de Trasmiras, cunha superficie de 9.968 metros e a última Santa Comba con 9.500 metros.

No proxecto traballan o centro de investigación forestal de Lourizán e a Fundación Juana de Vega, a través dun convenio subscrito para conservar a diversidade desta especie en Galicia. En concreto, este acordo pretende crear plantacións de quercus robur máis variadas que as que existen na actualidade, xa que van reunir árbores de diferentes procedencias xeográficas da mesma zona climática. Así, lograranse parcelas dun alto valor xenético en terreos propiedade da comunidade autónoma.

O plan de actuación do proxecto comezou co recoñecemento e mostraxe previo nas plantacións selectas, a marcaxe das árbores parentais e a toma de mostras de landras. Durante o ano pasado levouse a cabo a plantación en dous viveiros de Lugo e Pontevedra das landras recollidas e seleccionáronse as parcelas do Banco de Terras para a plantación futura, que son das que agora se cede o seu uso.

Deste xeito a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural contribúe á mobilización de terra agraria para a conservación do noso patrimonio natural coa creación dunha rede de parcelas de alto valor xenético, tanto na Galicia interior como atlántica, que permitirá conservar, potenciar e mellorar o carballo galego. As previsións pasan por desbrozar e levar a cabo labores de replanteo durante o verán, para, durante o outono, preparar o terreo e executar a plantación de exemplares seleccionados nos meses de inverno.


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS