Medio Rural
  • Nova
 

A Xunta intensifica a loita contra a vespa velutina e retira no primeiro semestre do ano máis de 4800 niños

Hoxe celebrouse a comisión de seguimento do plan de loita contra a vespa velutina para facer balance das actuacións levadas a cabo neste ano 2017

Estiveron presentes a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, o director xeral de Emerxencias e Interior, a directora xeral de Patrimonio Natural e un representante da Fegamp

Na segunda quincena de setembro haberá unha nova reunión deste comité co fin de analizar a incidencia deste insecto invasor na nosa comunidade

Hoxe celebrouse a comisión de seguimento do plan de loita contra a vespa velutina para facer balance das actuacións levadas a cabo neste ano 2017

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2017.- Esta mañá celebrouse en San Caetano a comisión de seguimento do plan de loita contra a vespa velutina para facer balance das actuacións levadas a cabo no primeiro semestre do ano, destacando os 4812 niños retirados ou inactivados. Nesta xuntanza estiveron presentes a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, o director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, un representante da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e técnicos especialistas na materia.

Se analizamos o número de niños retirados, na provincia da Coruña houbo un total de 3056, seguida por Pontevedra con 1398, Lugo con 300 e Ourense con 58, evidenciando a baixa incidencia que ten a velutina nesta última provincia. Para facer fronte ao seu control traballan as consellerías do Medio Rural, de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e a Vicepresidencia da Xunta, ademais de 101 concellos (41 da provincia da Coruña, 15 de Lugo, 19 de Ourense e 26 de Pontevedra).

Desde a posta en marcha deste plan, no ano 2016, distribuíronse 445 equipos de protección individual a persoal municipal, grupos de emerxencia supramunicipais, bombeiros e persoal técnico das consellerías participantes. Ademais, tamén lles foron entregadas 110 pértegas (73 no ano 2016 e 37 no 2017) e aos apicultores que se ven afectados pola presenza deste insecto un total de 10.800 trampas.

No tocante á divulgación e formación, cómpre sinalar que se distribuíron 60.000 folletos e 1700 carteis informativos, que foron enviados a todos os centros de atención primaria, a todas as oficinas comarcais de Medio Rural, distritos forestais e de Medio Ambiente, unidades de emerxencias e a todas as asociacións apícolas. Tamén se repartiron encartes na prensa escrita das zonas afectadas para informar á poboación.

Próxima xuntanza
Está previsto que para a segunda quincena de setembro se volva a reunir esta comisión de seguimento para avaliar a presenza da vespa velutina tralos meses de verán e poder tomar as medidas adecuadas para paliar os seus efectos. Nesta ocasión tamén se convocará ao grupo de investigación creado pola Xunta e aos representantes das asociacións de apicultores de Galicia para que acheguen tamén as súas conclusións.


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS