Medio Rural
  • Nova
 

Medio Rural e Agroseguro fomentarán a contratación de pólizas nas zonas da Limia ourensá afectadas polo pedrazo

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias anunciou a realización de charlas informativas nesta comarca no próximo outono, co fin de incrementar o grao de aseguramento no campo galego

Belén do Campo reuniuse con responsables de Agroseguro e representantes dos concellos ourensáns de Xunqueira de Ambía, Vilar de Barrio e Sandiás co fin de avanzar nas accións para paliar os danos ocasionados na produción de pataca

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias anunciou a realización de charlas informativas nesta comarca no próximo outono

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2017.- A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, mantivo recentemente unha xuntanza de traballo con responsables de Agroseguro (a entidade xestora dos seguros agrarios en España) e representantes dos concellos ourensáns de Xunqueira de Ambía, Vilar de Barrio e Sandiás. A reunión serviu para avanzar na colaboración entre as diferentes administracións implicadas para paliar os danos ocasionados en diferentes cultivos da zona da Limia polo pedrazo, que afectou especialmente á produción de pataca.

No encontro a directora xeral destacou a importancia dos seguros agrarios para facer fronte a este tipo de situacións. Por iso, a Consellería do Medio Rural comprometeuse, xunto con Agroseguro, a organizar unha serie de charlas informativas sobre esta cuestión nas zonas afectadas, que terán lugar no outono. Desbotouse realizar antes estas actividades para non interferir cos traballos da colleita e para facelas coincidir cos prazos establecidos para a xestión dos subsidios agrarios.

O obxectivo destas charlas é reforzar a toma de conciencia por parte dos agricultores sobre a necesidade de subscribir este tipo de pólizas, mellorando así o grao de aseguramento no campo galego. Neste sentido, a directora xeral lembrou que Medio Rural destina este ano 4,7 millóns de euros a financiar a contratación de pólizas. Ademais, explicou que se vai publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha orde específica para os afectados polo pedrazo e as xeadas, tanto para os cultivos de pataca como de uva ou castaña, e a Xunta solicitará tamén ao Goberno central a realización de desgravacións no IRPF para os agricultores damnificados.


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS