Medio Rural
  • Nova
 

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 10,00 horas de hoxe

Activo un lume no concello ourensán de Vilariño de Conso, parroquia de Castiñeira, que segundo primeiras estimacións supera as 20 hectáreas

Controlado un incendio no municipio ourensán de San Cristovo de Cea, parroquia de Viña, que supera as 20 hectáreas

Extinguido o lume rexistrado no concello lugués de Pantón, parroquia de Pombeiro, que afectou 33,84 hectáreas

Está tamén extinguido o incendio no municipio ourensán de Maside, parroquia de Piñeiro, que afectou 29,6 hectáreas

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2017.- A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 10,00 horas de hoxe.

Activo Vilariño de Conso


Desde as 22,56 horas da pasada noite permanece activo un incendio no concello ourensán de Vilariño de Conso, parroquia de Castiñeira, que se iniciou en varios focos simultáneos e que segundo as primeiras estimacións supera as 20 hectáreas. No seu control levan traballado un total de seis axentes, 14 brigadas, sete motobombas e dúas pas.

Controlado San Cristovo de Cea


Ás 09,30 horas desta mañá quedou controlado un lume no concello ourensán de San Cristovo de Cea, parroquia de Viña, que tamén comezou en varios focos simultáneos e que segundo primeiras estimacións supera as 20 hectáreas. No seu control traballaron un técnico, nove axentes, 18 brigadas, 13 motobombas e tres pas.

Extinguido Pantón


Ás 03,06 horas desta madrugada deuse por extinguido o incendio forestal do concello lugués de Pantón, parroquia de Pombeiro. Este lume iniciábase ás 01,02 horas de onte e segundo as últimas estimacións afectou unha superficie de 33,84 hectáreas, das cales 26,18 son de monte raso e o resto de arborado. Na súa extinción traballaron un total de oito axentes, 17 brigadas, 14 motobombas, unha pa e un helicóptero.

Extinguido Maside


O incendio rexistrado no municipio ourensán de Maside, parroquia de Piñeiro, quedou extinguido ás 21,30 horas de onte. Este lume comezaba o venres ás 22,48 horas e segundo as últimas estimacións afectou 29,6 hectáreas. Na súa extinción traballaron oito axentes, 21 brigadas, 13 motobombas e tres pas.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS