Medio Rural
  • Nova
 

A Xunta destina máis de 2,8 millóns de euros en axudas para apoiar os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios na provincia de Ourense

Marisol Díaz Mouteira visitou hoxe a Cooperativa Santa Mariña de Loureiro SCG que grazas a estas subvencións mellorou tecnolóxicamente a súa produción láctea coa adquisición de novos equipamentos

Na provincia de Ourense son 39 as empresas beneficiadas por estas axudas que executarán proxectos que suporán un investimento inducido de preto de 8 millóns de euros

Marisol Díaz Mouteira visitou hoxe a Cooperativa Santa Mariña de Loureiro SCG

O Irixo (Ourense), 12 de setembro de 2017.- A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, vén de destinar para a provincia de Ourense 2,8 millóns de euros en axudas directas para investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios. Un total de 39 empresas ourensás beneficiaranse destas subvencións que contribuirán a execución de proxectos de creación, ampliación e modernización das súas instalacións que supoñen un investimento total de preto de 8 millóns de euros.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acompañada do xefe territorial de Medio Rural, Yago Borrajo, visitou a Cooperativa Santa Mariña de Loureiro SCG, emprazada no concello do Irixo.

Esta empresa láctea é unha das beneficiarias das axudas de transformación e comercialización de produtos agroalimentarios deste ano. Recibirá da Consellería de Medio Rural unha achega de 19.142 euros para a súa mellora tecnolóxica coa adquisición de dous axitadores do tanque de auga xeada para fabricar e almacenar os seus produtos elaborados de xeito máis eficiente e económico; unha nova cámara de fermentación e maduración con equipo de frío/calor e controlador de temperatura para a elaboración e conservación de kéfir; e, finalmente, novos equipos frío/calor de maior potencia para a cámara de iogur.

Esta cooperativa fundouna en 1966 o párroco de Loureiro, Antonio González Bernárdez, e malia que inicialmente se dedicou á venda de carne non tardou moito en variar a súa actividade e comezar a produción de leite. Destaca a diversificación de produtos, xa que ademais da leite, comercializan iogur e kéfir.


Galería de imaxes

Marisol Díaz Mouteira visitou hoxe a Cooperativa Santa Mariña de Loureiro SCGMarisol Díaz Mouteira visitou hoxe a Cooperativa Santa Mariña de Loureiro SCG

© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS