Medio Rural
  • Nova
 

A Xunta avanza aos concellos de Pontevedra o proceso de traspaso de parcelas do Banco de Terras

O director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural mantivo hoxe encontros cos alcaldes de municipios das comarcas de Deza e Tabeirós

Preténdese así impulsar a mobilidade de terreos retirando do organismo dependente de Medio Rural aqueles predios sen utilidade agraria
 

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2017.- O director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, mantivo esta mañá un encontro con alcaldes e outros representantes municipais da provincia de Pontevedra para explicar o proceso de traspaso de predios do Banco de Terras sen utilidade agraria.

Na reunión, na que o director estivo acompañado polo delegado da Xunta Manuel Cores Tourís, explicouse con exactitude (a través de fichas individuais) as parcelas que pasarán a ser de titularidade municipal. En concreto, o proceso de cesión na provincia de Pontevedra beneficiará aos concellos da Estrada, Agolada, Dozón, Lalín, Silleda e Vila de Cruces aos que está previsto facilitar en torno a 299 predios que agora mesmo forman parte do catálogo do Banco de Terras pero que non teñen uso agrícola nin gandeiro.

Con este encontro remátase a quenda de reunións que o director de Agader mantivo nas catro provincias para avanzar neste proceso que ten por obxectivo facer máis operativo o Banco de Terras, que a día de hoxe conta cuns 12.500 terreos no seu catálogo, ao mesmo tempo que se logran espazos municipais para uso dos veciños.

Este proceso pode levarse á cabo grazas á Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga) que permite que este tipo de espazos sen utilidade agraria pasen a ser directamente do concello dun xeito máis áxil e con menos carga burocrática que a tradicional cesión de terras que se viña realizando ata o de agora. Agora, os concellos terán un prazo de dez días para formular emendas ou alegacións. Transcorrido ese período as parcelas serán transferidas a cada concello.

Non é a primeira vez que se leva a cabo este mecanismo. En maio deste ano formalizouse o primeiro traspaso deste tipo ao concello de Vedra, que recibiu ata 64 predios. Elixiuse este municipio para iniciar o proceso por ser unha das localidades que máis parcelas tiña no Banco de Terras.

 


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS