Medio Rural
  • Nova
 

A Xunta celebra a declaración de Galicia como rexión libre de brucelose bovina

A conselleira do Medio Rural felicitou aos gandeiros galegos e aos técnicos de sanidade animal polo esforzo realizado para acadar este “importante fito”

Ángeles Vázquez lembrou que Galicia leva xa seis anos sen ter ningún caso confirmado desta enfermidade e que o obxectivo agora é acabar tamén coa tuberculose no noso territorio
 

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2017.- A Xunta celebra a decisión da Comisión Europea de declarar a Galicia como rexión libre de brucelose bovina. Esta medida, adoptada onte polo comité permanente da cadea alimentaria e da sanidade animal, coincidindo coa visita da conselleira do Medio Rural a Bruxelas, supón un “fito de gran importancia para o sector gandeiro galego”, tanto dende o punto de vista sanitario como dende a perspectiva económica. Así o salientou Ángeles Vázquez, quen lembrou que a erradicación desta doenza supón que haxa menores perdas directas nas explotacións e que non exista ningún tipo de traba dende ningunha rexión nin país para o comercio de animais ou produtos en base a esta enfermidade.

A maiores, a conselleira indicou que con esta decisión o sector ten a oportunidade definitiva para deixar de importar animais e converterse en exportador de alta calidade sanitaria, accedendo a novos mercados comerciais nacionais e internacionais. Esta declaración tamén supón unha menor presión directa nos chequeos anuais, co aforro de custos que iso representa, engadiu Ángeles Vázquez.

A titular de Medio Rural lembrou tamén que Galicia leva xa seis anos sen ter ningún caso confirmado de brucelose bovina, cumprindo polo tanto amplamente o criterio establecido na norma comunitaria e felicitou aos gandeiros galegos e aos técnicos especialistas en sanidade animal polo esforzo realizado para acadar este status.

Compromiso

Para a conselleira, este logro é froito do compromiso material e humano da administración galega, dos técnicos e do sector produtivo de gando bovino durante máis de 25 anos de aplicación dos programas nacionais de erradicación, a través das campañas anuais de saneamento gandeiro. Recordou que nos anos noventa en Galicia máis do 16% dos rabaños estaban infectados de brucelose bovina. Elementos clave para o éxito das campañas de saneamento gandeiro foron o rexistro das explotacións bovinas, a identificación individual dos animais e o control e rexistro dos movementos pecuarios, como garantía de trazabilidade e de seguridade alimentaria.

No caso da brucelose bovina, desempeñou un papel moi importante a indemnización con tres liñas conxuntas de axudas das explotacións afectadas, a realización de baleiros sanitarios (sacrificio íntegro dos rabaños infectados), o control de pastos e a limpeza e desinfección das explotacións positivas.

Dende o ano 2013 Galicia é unha rexión oficialmente indemne de brucelose ovina e cabrúa. Na actualidade traballa tamén para conseguir o dito status respecto á tuberculose bovina, da que aínda se rexistran casos na nosa comunidade. Por iso, sinalou Ángeles Vázquez, “é moi importante que o sector gandeiro sexa consciente do risco sanitario que implica, para toda a rexión, a compra de animais foráneos procedentes de áreas afectadas sanitariamente polas enfermidades que Galicia erradicou ou está a piques de erradicar”. Lembrou, por último, que o sector gandeiro é estratéxico para o medio rural galego, xa que a nosa comunidade conta hoxe en día con 37.932 rabaños bovinos compostos por uns 961.263 animais.
 


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS