Medio Rural
  • Nova
 

A Xunta denuncia unha intensa actividade incendiaria e intensifica a loita policial para facerlle fronte

O Goberno galego abriu unha investigación exhaustiva para coñecer as causas desta desmesurada actividade delitousa incendiaria, localizar os seus responsables e poñelos a disposición da Xustiza
 

Santiago de Compostela, 12 de outubro de 2017.- Galicia está a rexistrar unha elevada actividade incendiaria nos últimos días, que se focaliza especialmente nas provincias de Ourense e Lugo. Como dato ilustrativo, baste dicir que no que vai de mes de outubro houbo na nosa comunidade un total de 235 lumes (123 deles na provincia de Ourense). Esta cifra é máis do dobre da rexistrada no mesmo período de 2016 e supera amplamente a media dos últimos cinco anos nestas datas, que se sitúa nos 91,2 lumes en Galicia. Ademais, a maioría dos lumes rexístranse en horas nocturnas, cando os medios aéreos non poden operar e en zonas de difícil acceso, que tamén dificultan o traballo do dispositivo en terra.

A Xunta denuncia publicamente o dano que os incendiarios están a causar no noso patrimonio forestal, que obriga a intensificar os labores de investigación, prevención e extinción dos lumes. Por iso, o Goberno galego puxo en marcha, en colaboración cos corpos e forzas de seguridade do Estado (galegas e estatais), unha investigación exhaustiva para coñecer as causas desta desmesurada actividade delitousa incendiaria, localizar os seus responsables e poñelos a disposición da Xustiza.

A investigación das causas e os causantes dos lumes incluirá un profundo traballo de pescuda sobre as zonas nas que se inician os lumes, co fin de aclarar a intencionalidade que está detrás da práctica totalidade dos incendios rexistrados nos últimos días, e depurar as correspondentes responsabilidades. A Xunta lembra que, malia as detencións de presuntos incendiarios realizadas nas últimas horas, segue a haber unha elevada actividade incendiaria, centrada ademais en espazos de Rede Natura e na súa maior parte de monte raso, que está a supoñer un grave dano para a riqueza forestal de Galicia.

O Goberno galego fai, unha vez máis, un chamamento á responsabilidade e á colaboración da cidadanía, para que denuncien calquera actividade delitousa da que teñen coñecemento e tamén para alertar, a través do teléfono gratuíto 085, dos lumes que se rexistren, apoiando así o labor dos efectivos de extinción.


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS