Medio Rural
  • Nova
 

Medio Rural porá en marcha en novembro unha campaña divulgativa para fomentar os seguros agrarios no viñedo

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias anunciou esta iniciativa tras entrevistarse co presidente do consello regulador da denominación de orixe Ribeiro

Ambos abordaron a posible creación dunha oficina do viticultor para facilitar información, formación e asesoramento a este colectivo e acordaron impulsar un estudio estratéxico de carácter socioeconómico do territorio nesta DO
 

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2017.- A Consellería do Medio Rural desenvolverá ao longo do vindeiro mes de novembro unha campaña divulgativa para fomentar a contratación de seguros agrarios no sector vitivinícola galego. Así o anunciou a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, tras reunirse en Santiago co presidente do consello regulador da denominación de orixe Ribeiro, Juan Casares.

A iniciativa consistirá na organización de xornadas informativas dirixidas especificamente aos viticultores en cada unha das cinco denominacións de orixe vitivinícolas da comunidade autónoma. Programáronse en novembro para non entorpecer os traballos da vendima e para facelas coincidir co prazo para asegurar os terreos, que se prolonga dende outubro a finais de decembro de cada ano.

Belén do Campo explicou que esta campaña era un compromiso da consellería, asumido no seo do o grupo de traballo creado ao efecto dentro da Comisión Territorial de Seguros Agrarios. Deste órgano forman parte, ademais de técnicos de distintos departamentos de Medio Rural, Agroseguro, Enesa (Entidade Estatal de Seguros Agrarios), o Consorcio de Compensación de Seguros e a Delegación do Goberno en Galicia e as organizacións profesionais agrarias, os consellos reguladores das denominacións de orixe do viño de Galicia, así como responsables da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, Evega.

Ribeiro

Sobre a súa reunión co presidente da DO Ribeiro, a directora xeral sinalou que entre outros asuntos tratouse a posibilidade de crear unha oficina do viticultor dentro do consello regulador. Conformaríase como unha unidade para darlles aos agricultores un servizo integral de información, formación e asesoramento. Así, informaría puntualmente sobre axudas, subvencións e programas dirixidos ao viticultor das distintas administración e poría en marcha un programa de formación continua en todos aqueles temas esenciais para afondar na profesionalización deste colectivo.

Outra cuestión abordada nesta xuntanza de traballo ten que ver co impulso dun estudio estratéxico de carácter socioeconómico do territorio que abrangue esta denominación de orixe. O obxectivo deste proxecto sería o de realizar un diagnóstico da situación actual do sector vitícola no Ribeiro e propoñer liñas de actuación futuras dirixidas a garantir a súa sustentabilidade e competitividade.

Na reunión a directora xeral e o presidente da DO avaliaron tamén a marcha dos labores da vendima, que se atopan na súa recta final e que, segundo datos provisionais, sitúan a colleita arredor dos 9,2 millóns de quilos de uva. Deles, máis do 93% corresponden a variedades brancas e o resto a tintas. O presidente do consello regulador informou de que, segundo os informes técnicos, a uva entrou cun moi bo estado sanitario e que todo apunta a unha calidade excelente.
 


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS