Medio Rural
  • Nova
 

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 14,00 h de hoxe

Activos 3 lumes no concello de Vilariño de Conso, nas parroquias de Chaguazoso, Sabuguido e Castiñeira; mentres que un cuarto está estabilizado na parroquia de San Cristovo

Na provincia de Lugo, están activos os lumes de Folgoso do Courel (Meiraos) e Chantada (Esmeriz), mentres que o de Cervantes (Donís) está xa estabilizado

Na provincia de Pontevedra permanece activo o incendio en Silleda (Refoxos)

Estabilizado o incendio de Manzaneda (Paradela) cunha superficie afectada dunhas 20 hectáreas

Controlado un lume en Melón, parroquia homónima, que afecta unha superficie de 24 hectáreas

Controlados os dous lumes que afectan a parroquia de Río Caldo, en Lobios, os dous lume de Chandrexa de Queixa (Queixa e Requeixo) e o de Vilar de Barrio (Rebordechau)

Extinguido o incendio de Lobios, Río Caldo, que afectaba a 51 hectáreas de monte arborado

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2017.- A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 14,00 h. de hoxe.

PROVINCIA DE OURENSE

Vilariño de Conso (4 lumes)
No concello de Vilariño de Conso temos 4 lumes, dos cales 3 están activos arestora e o outro estabilizado.
- Chaguazoso: activo desde as 16,59 h. do mércores. Segundo as últimas estimacións provisionais, arredor de 400 hectáreas. Na súa extinción levan traballado 11 axentes, 27 brigadas, 13 motobombas, 2 pas, 6 helicópteros e 3 avións.
- Sabuguido: activo desde as 10,00 h. de onte. Segundo as primeiras estimacións afecta máis de 50 hectáreas. Na súa extinción levan traballado 2 axentes, 2 brigadas, 1 motobombas.
- Castiñeira: activo desde as 03,45 h. da madrugada do xoves. Afecta provisionalmente unhas 30 hectáreas. Na súa extinción levan traballado 4 axentes, 13 brigadas, 11 motobombas, 1 pa, 3 avións e 2 helicópteros.
- San Cristovo: estabilizado desde as 21,10 h. de onte. Afecta provisionalmente máis de 50 hectáreas. Na súa extinción levan traballado 2 axentes, 3 brigadas e 4 motobombas.

Estabilizado Manzaneda (Paradela)
Estabilizado ás 11,40 h. desta mañá o lume rexistrado onte ás 23,36 h. no concello de Manzaneda, parroquia de Paradela. Provisionalmente afecta 21 hectáreas. No seu control traballan 3 axentes, 10 brigadas, 9 motobombas e 1 pa.

Controlados Lobios
Controlado ás 22,00 h. de onte o incendio que comezou o domingo pola noite no concello de Lobios, parroquia de Río Caldo, e que afecta, segundo estimacións provisionais, unha superficie de arredor de 650 hectáreas dentro do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. No lugar levan traballado 17 axentes, 33 brigadas, 17 motobombas, 4 avións e 7 helicópteros. Tamén participaron nos labores de extinción efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Ás 18,46 horas de onte quedaba tamén controlado o lume iniciado o pasado domingo ás 23,41 h. no concello de Lobios, parroquia de Río Caldo. Segundo as últimas estimacións, afecta unhas 90 hectáreas, dentro do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. Os medios que levan traballado alí son 11 axentes, 42 brigadas, 18 motobombas, 3 pas, 5 helicópteros e 2 avións.

Controlados Chandrexa de Queixa (Requeixo e Queixa)
Controlado ás 23,41 h. de onte o lume da parroquia de Requeixo, no concello de Chandrexa de Queixa. Segundo as últimas estimacións afecta arredor de 20 hectáreas. Na súa extinción traballan 3 axentes, 4 brigadas, 1 motobomba e 2 helicópteros.

Tamén quedou controlado ás 19,36 h. de onte o segundo incendio rexistrado no concello de Chandrexa de Queixa, parroquia de Queixa. Segundo as últimas estimacións afecta 33 hectáreas de monte raso. Na zona levan traballado 6 axentes, 10 brigadas, 5 motobombas, 1 pa e 2 helicópteros.

Controlado Vilar de Barrio (Rebordechau)
Permanece controlado desde as 21,55 h. do mércores o lume no concello de Vilar de Barrio, parroquia de Rebordechau, que segundo estimacións afecta 125 hectáreas, das cales 5 son de arborado e o resto de monte raso. Na súa extinción levan traballado 11 axentes, 23 brigadas, 10 motobombas, 1 pa, 8 helicópteros e 2 avións.

Controlado Melón (Melón)
Ás 16,36 h. de onte comezaba un lume no concello de Melón, parroquia homónima, que quedou controlado ás 11,58 h. desta mañá. A superficie afectada é de 24 hectáreas, das cales 9 son de arborado e o resto de monte raso. Na súa extinción participan 4 axentes, 10 brigadas, 10 motobombas, 3 helicópteros e 2 avións.

Extinguido Lobios1
Extinguido ás 12,48 h. desta mañá o lume que comezou o pasado 2 de outubro no concello de Lobios, parroquia de Río Caldo, e que afecta o Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. Segundo as últimas estimacións afectou 51 hectáreas de monte arborado. Na súa extinción participaron 23 axentes, 78 brigadas, 25 motobombas, 3 pas, 9 helicópteros e 2 avións.

 


PROVINCIA DE LUGO

Activo Folgoso do Courel (Meiraos)
Desde as 7,27 h. do mércores permanece activo, pero xa perimetrado, o incendio do municipio de Folgoso do Courel, parroquia de Meiraos. Segundo estimacións provisionais afecta unhas 150 hectáreas. Para controlar este lume mobilizáronse 1 técnico, 7 axentes, 36 brigadas, 15 motobombas, 6 pas, 9 helicópteros e 3 avións.

Activo Chantada (Esmeriz)
Desde as 14,38 h. de onte está activo un lume no concello de Chantada, parroquia de Esmeriz, que segundo as últimas estimacións afecta a máis de 150 hectáreas. No seu control levan participado 1 técnico, 9 axentes, 16 brigadas, 21 motobombas, 2 pas, 5 helicópteros e 2 avións. Tamén participan efectivos da Unidade Militar de Emerxencias.

Estabilizado Cervantes (Donís)
Estabilizado desde as 13,10 h. deste mediodía o lume que comezaba onte ás 22,10 h. da noite no concello de Cervantes, parroquia de Donís. Segundo novas estimacións afecta 40 hectáreas. No lugar participan no seu control 5 axentes, 13 brigadas, 4 motobombas, 3 pas e 6 helicópteros.


PROVINCIA DE PONTEVEDRA

Activo Silleda (Refoxos)
Permanece activo desde as 20,15 h. de onte un lume no concello de Silleda, parroquia de Refoxos, que afecta a máis de 150 hectáreas. No lugar están traballando 4 axentes, 12 brigadas, 15 motobombas, 3 pas e 4 helicópteros.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.
 


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS