Medio Rural
  • Nova
 

Medio Rural pedirá ao Mapama unha moratoria e excepcións para Galicia na aplicación das novas normas sobre uso de xurros

Así o anunciou Ángeles Vázquez na clausura da Semana Gandeira de Mazaricos

Galicia esgrime razóns técnicas e socioeconómicas para pedir estas medidas, baseándose en criterios como a orografía, a edafoloxía, as condicións climáticas ou o tamaño das explotacións

A conselleira fixo un repaso á situación do sector lácteo e lembrou que o prezo actual de 31,7 céntimos/litro supón o valor máis alto desde a fin das cotas
 

Ángeles Vázquez participou na clausura da Semana Gandeira de Mazaricos

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2017.- A Consellería do Medio Rural trasladará ao Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (Mapama) a necesidade de implantar un período de transición e diferentes excepcionalidades para Galicia na aplicación da normativa sobe xurros nas superficies agrícolas. Así o anunciou hoxe a titular deste departamento, Ángeles Vázquez, na clausura da Semana Gandeira de Mazaricos.

A conselleira explicou que, ademais de pedir unha moratoria, a Xunta demandará ao Goberno Central que teña en conta as especificidades de Galicia á hora de desenvolver esta lexislación. Estas excepcións solicítanse en función do sistema de explotación, para as granxas en extensivo, por orografía e edafoloxía, polas condicións do clima, por tamaño das explotacións e a súa dispersión e por motivos socioeconómicos.

No caso da orografía, lémbrase que unha porcentaxe importante do solo agrario útil de Galicia localízase en zonas de alta montaña ou con limitacións naturais. A pendente nalgunhas destas áreas faría imposible practicar o aboado tal e como establece a normativa, implicando tamén un risco para as persoas durante a súa aplicación, polas altas posibilidades de que as máquinas se deslicen en chans húmidos.

Canto á edafoloxía, indícase que boa parte da nosa comunidade caracterízase por terreos de montaña pedregosos que impedirían a inxección do xurro. Pola climatoloxía, ponse de manifesto que Galicia é unha rexión con precipitacións elevadas durante períodos prolongados, que limita o tempo dispoñible para os labores agrícolas e que condiciona o acceso ás superficies e as prácticas de aboado, propiciando ademais desprazamentos e afundimentos do terro, co conseguinte risco de que a maquinaria envorque.

Minifundismo

Con respecto ao tamaño das explotacións e a súa dispersión, destácase o predominio do minifundismo en granxas pequenas e medianas, que constitúen o 80% do total, e que o emprego de novos sistemas require potencia e maniobravilidade, algo inviable en moitos casos. Por último, por razóns socioeconómicas, sinálase que a normativa obrigaría a realizar novos investimentos, por carecer desta maquinaria específica de aplicación de xurros e que require ademais, en moitos casos, tractores con maior potencia.

Estas xestións diante do Ministerio súmanse as reunións que a Xunta está a manter con outras comunidades autónomas –tales como Castela e León, Cantabria e Asturias– para contrastar posturas e ver en que medida lles vai afectar ás súas explotacións a nova normativa, co fin de buscar un consenso e estudar posibles excepcións a estas prohibicións, que van condicionar os pagos directos da vindeira PAC 2018.

A maiores, Medio Rural está elaborando diferentes informes para ver cantas explotacións galegas estarían afectadas, pois as pequenas quedan excluídas da norma, e poder decidir os pasos a seguir. Responsables de Medio Rural tamén se reuniron estes días coas organizacións profesionais agrarias para coordinar cos seus responsables as liñas de traballo neste caso.

Sector lácteo

Na súa intervención neste acto, a conselleira do Medio Rural fixo un repaso á situación do sector lácteo, lembrando fitos como o incremento do prezo, que actualmente sitúase nos 31,7 céntimos/litro, o nivel máis alto desde que desapareceron as cotas. Comentou tamén a importancia de iniciativas empresariais como o proxecto de Goodleit en Curtis, que suporá un investimento de arredor de 70 millóns de euros e a creación duns 130 postos de traballo directos ou o nacemento de Clun, a fusión de cooperativas. Avaliou tamén positivamente o cambio do período de verificación dos cultivos da PAC ou a nova unión das cinco cooperativas Aira, que contará con máis de 3.000 socios.

Semana gandeira

A Semana gandeira de Mazaricos está organizada por este concello coruñés, a asociación local de gandeiros e Africor Coruña. Conta co patrocinio de Abanca e a colaboración de diversas entidades, entre elas a Deputación coruñesa e a Consellería do Medio Rural. No seu programa incorpora diversas actividades, tanto para profesionais como para o público en xeral, entre as que destacan as visitas de escolares a explotacións gandeiras do concello, concursos de fotografía, relatos curtos ou de elaboración de sobremesas lácteas, campionato de muxido, xornadas técnicas do sector lácteo e a poxa de xovencas de raza frisona.
 


Galería de imaxes

Ángeles Vázquez participou na clausura da Semana Gandeira de MazaricosÁngeles Vázquez participou na clausura da Semana Gandeira de Mazaricos

© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS