Medio Rural
  • Nova
 

Propietarios forestais de Cirio, no concello de Pol, agrúpanse para formar unha nova Sofor, que xestionará 52 hectáreas

Con esta serán seis as Sofor constituídas en Galicia, das cales unha está na provincia da Coruña, dúas na de Lugo e tres en Pontevedra

Galicia contará cunha nova sociedade de fomento forestal (Sofor) situada no concello lugués de Pol, parroquia de Cirio

Santiago de Compostela, 03 de decembro de 2017.- Galicia contará cunha nova sociedade de fomento forestal (Sofor) situada no concello lugués de Pol, parroquia de Cirio, que comprende unhas 52 hectáreas de terreo forestal enmarcadas en 480 parcelas. Coa agrupación destes terreos forestais en Sofor incrementarase notablemente a rendibilidade do monte e contribuirase a unha maior seguridade fronte aos lumes forestais, ao integrar e profesionalizar a xestión dos predios.

Esta semana vén de formalizarse a constitución desta sociedade limitada coa sinatura de 83 propietarios, aínda que cos pro indivisos a cifra aumenta a máis dun centenar de socios. Unha vez dado este paso, solicitarase a súa inscrición no Rexistro de sociedades de fomento forestal.

Ademais, cómpre destacar que cos cambios normativos aplicados a primeiros de ano a través da Lei de Acompañamento, todo monte conveniado que tivera débedas coa Administración galega consegue liquidalas ao constituírse como sociedade de fomento forestal.

Así, búscase unha xestión máis eficiente e rendible do monte a través do mantemento da propiedade por parte dos titulares dos terreos, que aportan o uso dos mesmos á sociedade. Neste senso, o obxecto social desta figura está especificamente orientado á xestión, aproveitamento e comercialización dos recursos de xeito conxunto.

Figura en auxe

Con esta nova constitución, a nosa comunidade pasará a ter un total de 6 Sofor, que suman unhas 1.000 hectáreas e agrupan uns 300 propietarios. Sitúanse no concello coruñés de Serra de Outes, no lugués da Fonsagrada e neste de Pol, e nos pontevedreses da Estrada e Silleda (este último conta con dúas sociedades). Ademais, tamén están inscritas con carácter provisional outras dúas Sofor en Lalín (Pontevedra) e O Irixo (Ourense) con outras case 300 hectáreas en total e 17 propietarios máis.

A maiores, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez ten constatado un incremento do interese por formar este tipo de sociedades de fomento forestal noutras zonas de Galicia, concretamente na Costa da Morte, na Gudiña e no interior da provincia de Lugo, estando previsto ás dez figuras na nosa comunidade antes de que remate o ano.
 


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS