Medio Rural
  • Nova
 

Medio Rural colaborará coa asociación de produtores Pataca da Limia nunha xornada sobre seguros agrarios

Ofrecerá tamén o seu apoio para un futuro encontro de carácter profesional sobre a exaltación do tubérculo

Os membros desta nova agrupación reúnen o 95% da produción da comarca
 

A Consellería do Medio Rural colaborará coa nova asociación de produtores Pataca da Limia na organización dunha xornada sobre seguros agrarios

Santiago de Compostela, 6 de decembro de 2017.- A Consellería do Medio Rural colaborará coa nova asociación de produtores Pataca da Limia na organización dunha xornada sobre seguros agrarios. A solicitude, que foi trasladada pola agrupación hai uns días, resolveuse favorablemente despois de estudar as posibilidades e comprobar a temática, que se enmarca dentro do obxectivo de Medio Rural de fomentar a contratación de pólizas.

Non será o único acto no que a consellería ofrecerá a súa axuda á nova agrupación de produtores. Así llo trasladou a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, nun encontro que serviu de primeira toma de contacto entre a administración autonómica e esta entidade. Segundo os datos analizados, os seus membros producen ata 130.000 quilos de pataca ao ano aproximadamente, o que supón o 95% da pataca que se produce na comarca.

“A nosa intención é abrir unha vía de colaboración, como co resto de agrupacións de todos os sectores”, sinalou a directora xeral, que avanzou tamén o apoio de Medio Rural para unha xornada de exaltación da pataca de carácter profesional, no que se inclúan xornadas de formación.

Así mesmo, Do Campo felicitou aos membros por unirse nunha nova asociación, que ademais conta con socios de todos os concellos da Limia, e ofreceulles un balance das ordes de axuda das que dispón a consellería e ás que poden acollerse, tales como os plans de mellora para renovar as súas instalacións ou as achegas para maquinaria en común destinadas a cooperativas agrarias e Cooperativas de Utilización de Maquinaria Agrícola (CUMA) e Sociedades Agrarias de Transformación (SAT).

No encontro, no que estivo tamén presente o deputado e concelleiro de Xinzo de Limia, Carlos Gómez, abordáronse as necesidades deste sector e outras temáticas como a sanidade vexetal.


Galería de imaxes

A Consellería do Medio Rural colaborará coa nova asociación de produtores Pataca da Limia na organización dunha xornada sobre seguros agrariosA Consellería do Medio Rural colaborará coa nova asociación de produtores Pataca da Limia na organización dunha xornada sobre seguros agrariosA Consellería do Medio Rural colaborará coa nova asociación de produtores Pataca da Limia na organización dunha xornada sobre seguros agrarios

© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS