Medio Rural
  • Nova
 

A Xunta destina máis de 165.000 euros á promoción do cultivo da castaña co fin de consolidar este sector no agro galego

A conselleira e o alcalde de Riós veñen de formalizar un convenio de colaboración, que ten como obxectivo dotar ao Centro de Desenvolvemento Agroforestal de técnicos especialistas para resolver as dúbidas que teñan os silvicultores e produtores de castaña

A provincia de Ourense concentra o 75% da produción deste froito en Galicia, polo que é preciso reforzar este sector para manter a poboación destas áreas e dinamizar postos de traballo e rendas
 

A conselleira e o alcalde de Riós veñen de formalizar un convenio de colaboración

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2017.- A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Riós, Francisco Veiga, veñen de asinar un convenio para desenvolver un programa de promoción do cultivo e a produción de castaña por valor de 165.951,67 euros, co fin de impulsar esta actividade e consolidala como alternativa económica no agro galego.

A conselleira destacou, durante a firma deste convenio de colaboración, que este tipo de accións permiten manter a poboación destas áreas e poñer en valor postos de traballo e rendas. Salientou que a produción de castaña é un sector importante para o rural galego en xeral e para a provincia de Ourense en particular, posto que concentra o 75% da produción deste froito na nosa comunidade e fai de Galicia unha potencia a nivel estatal.

A través deste convenio, que terá unha vixencia ata o vindeiro 2019, dotarase ao Centro de Desenvolvemento Agroforestal, localizado neste municipio ourensán, de técnicos especialistas co obxectivo de resolver as dúbidas que teñan os silvicultores e produtores en todo o referente á produción de castaña, tanto na plantación, cultivo e comercialización como na tramitación de axudas ou licencias. Precisamente este centro é o encargado de levar a cabo unha vixilancia exhaustiva dos soutos por si fora necesaria a realización de accións de loita contra posibles doenzas nestas árbores na comarca de Conso-Frieiras e á zona de Monterrei.

Así mesmo, vaise potenciar unha formación profesionalizada entre este sector, mediante cursos e xornadas de formación que estarán dirixidas especialmente a produtores en activo, persoas que pretendan iniciar unha actividade agraria e desempregados na busca dunha incorporación ao mercado laboral por conta allea en empresas do sector primario.

Produto con selo de calidade

A indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia abrangue varios concellos das provincias de A Coruña, Lugo e Pontevedra ademais da totalidade dos de Ourense. Segundo os últimos datos, o ano pasado colleitáronse baixo este selo más de 240.000 quilos, dando un valor económico de máis de 555.000 euros.
 


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS