Medio Rural
  • Nova
 

Galicia é a comunidade española na que máis medrou o prezo do leite nos dous últimos anos, acumulando unha suba do 11,5%

O dato de novembro de 2017, último oficial coñecido, sitúase nos 32 céntimos por litro, 3 décimas por riba do nivel de outubro

Crece tamén a produción na nosa autonomía, cun incremento do 5,67% interanual

Galicia consolídase como líder nacional, con máis do 38% do total producido no conxunto do país
 

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2018.- O prezo do leite en Galicia acadou no pasado mes de novembro os 32 céntimos por litro, o que representa un incremento do 7,74% con respecto ao mesmo mes de 2016 (entón situábase nos 29,7 céntimos). Se comparamos o dato con novembro de 2015, o aumento chega ao 11,5%, xa que daquela o prezo medio era de 28,7 céntimos. En relación co mes anterior, en outubro de 2017 o valor do leite na nosa comunidade situouse nos 31,7 céntimos, polo que o aumento foi de 3 décimas, é dicir, chegou ao 0,95%.

Con estas cifras, Galicia convértese na comunidade autónoma na que máis medrou o prezo dende novembro de 2015, por riba de Cantabria (que acumula un aumento de case o 10%), Asturias (onde medrou un 8,6% no mesmo período) e bastante por riba da media nacional de crecemento, situada no 7,74%.

Se avaliamos a evolución destes indicadores no último ano (entre novembro de 2016 e o mesmo mes de 2017), o crecemento do prezo do leite en Galicia só é superado por Cantabria, no que o incremento chega ao 8,5% (fronte ao referido 7,74% da nosa Comunidade).

Estes bos resultados viñeron acompañados, ademais, por unha suba da produción rexistrada, que en Galicia sitúase no 5,67% interanual, pasando das 203.383,5 toneladas de novembro de 2016 ás actuais 214.916,8 toneladas. Deste xeito, a nosa comunidade segue liderando a produción nacional, cun 38,33% do total rexistrado en novembro pasado no conxunto de España.

A subida da produción no caso galego só é superada por Castela e León, que chegou a medrar un 6,6% no último ano, malia que neste caso dita comunidade só representa o 12,8% do volume total nacional.
 


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS