Medio Rural
  • Nova
 

Medio Rural inicia un novo proceso de traspaso de parcelas do Banco de Terras a concellos da provincia de Pontevedra

O director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural mantivo hoxe un encontro cos responsables dos seis municipios beneficiados para explicarlles o proceso a seguir
 

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2018.- A Consellería do Medio Rural comezou hai uns días os contactos para levar a cabo a última quenda do traspaso de parcelas do Banco de Terras a concellos de toda Galicia. O director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, xa mantivo encontros cos concellos das provincias de A Coruña, Lugo e Ourense e hoxe foi a quenda de Pontevedra. Na reunión, á que asistiu tamén o delegado provincial José Manuel Cores Tourís, indicóuselles aos municipios beneficiarios deste traspaso os predios que son susceptibles de recibir e o proceso a seguir a continuación.

En concreto, Medio Rural traspasará 84 terreos sen utilidade agraria aos concellos de Cuntis, Cerdedo-Cotobade, Cambados, Ribadumia, Vilanova de Arousa e Tomiño. Falamos de predios que non valen para arrendar, que é o obxectivo último do Banco de Terras, pero si poden ter un uso veciñal ou municipal.

Estes terreos poderá pasar a ser dos concellos grazas á Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga), que permite a este tipo de parcelas pasen a ser directamente do municipio dun xeito máis áxil e con menos carga burocrática que a tradicional cesión que se viña realizando ata o de agora.

De feito, non é a primeira vez que se formaliza un traspaso deste tipo. En total, no 2017 a Consellería do Medio Rural formalizou o cambio de titularidade de 1.234 parcelas a 37 concellos e o obxectivo é chegar á revisión duns 2.500 terreos que forman parte do catálogo de terras pero que non poden ser arrendados a agricultores e gandeiros.
 


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS