Medio Rural
  • Nova
 

Os seis grupos de desenvolvemento rural de Ourense xestionan 4,6 millóns de euros para dar apoio a 83 proxectos no agro

A conselleira do Medio Rural destacou a importancia destas iniciativas na súa visita a varias actuacións subvencionadas na comarca de Valdeorras e centradas nos eidos cultural e turístico

Trátase da rehabilitación arqueolóxica dunha ruta de sendeirismo no concello de Rubiá, o acondicionamento da ponte Casaio e da igrexa de Sobradelo, no de Carballeda de Valdeorras, e melloras no centro apícola de Prada, na Veiga
 

A conselleira do Medio Rural destacou a importancia destas iniciativas na súa visita a varias actuacións subvencionadas na comarca de Valdeorras e centradas nos eidos cultural e turístico

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2018.- A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, destacou hoxe que os seis grupos de desenvolvemento rural (GDR) de Ourense xestionarán 4,6 millóns de euros no bienio 2017-2018 para impulsar diferentes proxectos no agro desta provincia.

Salientou tamén que con estes fondos apoiaranse un total de 83 iniciativas, que teñen que ver con eidos coma o agrícola e forestal, os servicios sociais, a promoción empresarial ou a acción cultural e turística. Precisamente, en relación con estes últimos, a conselleira supervisou hoxe diferentes actuacións subvencionadas polo Grupo de Desenvolvemento Rural de Valdeorras, de carácter non produtivo, en varios concellos da comarca.

Trátase, en concreto, da rehabilitación arqueolóxica dunha ruta de sendeirismo no concello de Rubiá, o acondicionamento da ponte Casaio e da igrexa de Sobradelo, no de Carballeda de Valdeorras, e melloras e adecuación do centro apícola de Prada no municipio da Veiga. Estas catro iniciativas suporán un investimento total que supera os 205.000 euros, cunha axuda que en conxunto chega aos 182.000.

Arqueoloxía en Rubiá

O proxecto arqueolóxico en Rubiá está xa rematado. Fíxose a limpeza, levantamento topográfico, sondaxes e sinalización dun treito de Vía Romana na Serra da Enciña da Lastra, co fin de recuperalo desde o punto de vista histórico, cultural e social. Leváronse a cabo varios cortes transversais para estudar o afirmado da plataforma da vía e ademais colocáronse tres paneis explicativos na ruta.

Canto ao acondicionamento do espazo urbano na contorna da ponte Casaio, este proxecto atópase executado, aproximadamente, ao 50%. Contémplase o reforzamento e mellora da estrutura da ponte, a dotación de mobiliario urbano, apeadoiro, canalización dos cables aéreos e alumeado público, entre outras intervencións. Na igrexa de Sobradelo, no mesmo municipio de Carballeda de Valdeorras, fixéronse labores, xa practicamente rematados, de impermeabilización e mellora do seu solo, estrutura, paredes e sistema de calefacción.

Por último, a conselleira coñeceu as melloras, tamén xa finalizadas, do centro apícola de Prada, no concello da Veiga. Dotouse de expositores, mesas de cata e cadeiras para a instalación dunha sala de exposicións e sala de catas e degustación, xerando desta forma un área comercial dentro das instalacións. Tamén se levou a cabo a colocación de chan radiante nas salas de manipulación do mel.

Todas estas iniciativas recibiron o apoio financeiro do GDR Valdeorras, unha asociación creada en 2008 que desenvolve as súas actuacións nos nove concellos da comarca (Larouco, Petín, A Rúa, Vilamartín de Valdeorras, Rubiá, O Barco de Valdeorras, Carballeda de Valdeorras, A Veiga e O Bolo), que contabilizan unha poboación de máis de 26.700 habitantes e unha extensión de 969 quilómetros cadrados.

 


Galería de imaxes

A conselleira do Medio Rural destacou a importancia destas iniciativas na súa visita a varias actuacións subvencionadas na comarca de Valdeorras e centradas nos eidos cultural e turísticoA conselleira do Medio Rural destacou a importancia destas iniciativas na súa visita a varias actuacións subvencionadas na comarca de Valdeorras e centradas nos eidos cultural e turísticoA conselleira do Medio Rural destacou a importancia destas iniciativas na súa visita a varias actuacións subvencionadas na comarca de Valdeorras e centradas nos eidos cultural e turísticoA conselleira do Medio Rural destacou a importancia destas iniciativas na súa visita a varias actuacións subvencionadas na comarca de Valdeorras e centradas nos eidos cultural e turísticoÁngeles Vázquez, en A VeigaÁngeles Vázquez, en A Veiga

© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS