Medio Rural
  • Nova
 

Medio Rural afronta unha nova fase dos traballos de recuperación de solos coa retirada de madeira non comercial dos montes de Ourense

No último trimestre leváronse a cabo traballos de acolchado de palla nunhas 153 hectáreas nos concellos de Lobios, Muíños, Melón, Carballeda de Avia, Verín e San Cristovo de Cea.

Así mesmo, instalouse algún tipo de barreira e reparáronse camiños en preto de 10.000 metros lineais da provincia

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2018.- A Consellería do Medio Rural segue a traballar na recuperación dos montes tras a vaga de lumes de outubro do pasado ano. Neste senso, e logo de ter levar a cabo as accións máis urxentes de consolidación de solos nos principais incendios, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez empezará agora coa fase centrada na retirada de madeira non comercial e a mellora de infraestruturas co fin de evitar posibles atascos e problemas nas canalizacións de auga. Para estas actuacións hai un orzamento de arredor de 4 millóns de euros a executar ao longo deste ano 2018 en toda Galicia.

Os traballos realizados no último trimestre de 2017 centráronse fundamentalmente en labores de control da erosión do chan, a través do acolchado de palla nas zonas máis afectadas que así o requirían, a construción de faxinadas de madeira e barreiras filtrantes para impedir posibles desprendementos ou escorreduras. Neste punto cómpre destacar que previamente a cada acción analizouse detalladamente o terreo e estudouse onde era necesario intervir xa que os danos non son xeneralizados. Existen zonas, por exemplo, onde o lume non ocasionou grandes afeccións na cuberta vexetal do solo debido á rapidez coa que se espallou o incendio, que só danou as copas das árbores. Por iso, dende Medio Rural insístese na importancia de que estas accións sexan levadas a cabo por parte de expertos.

Na provincia de Ourense traballouse en 18 zonas afectadas por lumes. Todos elas implicaron unha labor técnica previa e unha mapificación do terreo para averiguar que accións desenvolver. Destaca, por exemplo, o acolchado de palla nos incendios de Río Caldo (Lobios), Araúxo (Lobios e Muíños), Melón (Carballeda de Avia e Melón), Vilarmaior do Val (Verín) e Oseira (San Cristovo de Cea). Pero os expertos tamén interviron doutros xeitos en Infesta (Monterrei), Chaguazoso (Vilariño de Conso), Queixa (Chandrexa de Queixa), Chaveán (Chandrexa de Queixa), Tabazoa de Umoso (Viana do Bolo), Betán (Baños de Molgas), Paradellas (Parada de Sil), Paradellas (Parada de Sil), Cantoña (Paderne de Allariz), Cantoña (Paderne de Allariz), Ramil (Xunqueira de Espadañedo), Santiso (Maceda), A Gudiña e Esgos.

En total, leváronse a cabo traballos de acolchado nunhas 153 hectáreas a través da técnica do mulching, tanto manual como aéreo. Procedeuse á instalación de distintos tipos de barreiras (filtrantes, faxinas ou albarradas) en preto de 4.000 metros aos que se suman outros 6.000 de reparación de camiños. No que se refire ás rozas e limpezas, chegouse aos 3.200 metros cadrados.

Agora, será o momento de centrarse na sanidade vexetal. De feito, no 2017 xa se levou a cabo as primeiras actuacións chegando a triturar árbores dunhas 15 hectáreas de territorio. No 2018 será un dos puntos principais a executar.

Orzamento

O orzamento previsto para accións de consolidación de solos e restauración de zonas queimadas afectadas pola vaga de lumes de outubro foi de 7 millóns de euros. Déuselle prioridade aos 32 lumes de máis de 300 hectáreas que houbo ao longo de 2017 e, nunha segunda fase, naqueles lugares onde se considere preciso actuar.

Pola súa parte, o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente destina outros 4 millóns de euros para accións de recuperación nos montes galegos. Actualmente, o departamento galego está a manter conversas co Goberno central para coordinar os traballos a desenvolver, co fin de unir sinerxías e reforzar as actuacións sen solaparse.


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS