Medio Rural
  • Nova
 

Galicia levará as súas empresas de produtos ecolóxicos á feira máis importante deste sector, que se celebra en Nüremberg a vindeira semana

A conselleira do Medio Rural visitará o salón Biofach de Alemaña para apoiar coa súa presenza a promoción da calidade ecolóxica de Galicia

Nesta edición son un total de 11 as entidades galegas que se achegarán para promocionar os seus produtos
 

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2018.- A vindeira semana terá lugar unha nova edición da feira Biofach de Nüremberg (Alemaña), á cal asistirán un total de 11 empresas galegas do sector dos produtos ecolóxicos da man do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica (Craega) e contando co apoio da Xunta de Galicia. Trátase dunha cita imprescindible para este eido, pois a feira está considerada como unha das máis importantes a nivel internacional.

En total son 11 as empresas galegas participantes que recibirán a visita da propia conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, e da directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, co fin de apoiar a promoción da calidade ecolóxica de Galicia. A presenza nestas feiras internacionais permite non só acadar novos clientes para os produtos galegos senón coñecer as preferencias dos consumidores para poder desenvolver os produtos que demanda o mercado.

O Craega estará presente nesta feira con dous espazos expositivos de 110 metros cadrados en total e situados no pavillón 5, no que se localizan a maioría das comunidades españolas. Para asistir a este certame, o Consello Regulador solicitou unha achega da Administración autonómica, con cargo á orde de axudas para a promoción dos produtos agroalimentarios.

Neste espazo expositivo estarán presentes 11 empresas. Trátase de Mieles Anta, con meles e outros produtos apícolas; Orballo, con prantas aromáticas, especias e ecoarroces; Coren, con polos de produción ecolóxica; Produto de Aldea, especializado en viños ecolóxicos; Bio Factory (xeados), Hifas da Terra (cogumelos) e Galletas Daveiga, coas súas galletas mariñeiras. Pertencente ao ámbito mariñeiro, participarán tamén Conservas Orbe, Connorsa e Pasteurizados Cies, todos eles dedicados a conservas de pescados e moluscos e Porto-Muíños, especialista na elaboración de algas e outros produtos transformados.

Datos de Biofach

A feira Biofach de Nüremberg iniciarase o vindeiro mércores, 14 de febreiro e prolongarase ata o sábado 17. Na pasada edición chegou aos 51.453 visitantes profesionais. En total houbo 2.793 expositores procedentes de 88 países.
 


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS