Medio Rural
  • Nova
 

Ángeles Vázquez destaca que a reestruturación parcelaria de Santa María de Trazo permitirá triplicar a superficie media dos predios

A conselleira do Medio Rural coñeceu esta mañá a rede de camiños principais que se está executando nesta zona, para a cal hai un orzamento de 1,6 millóns de euros

Esta reorganización do territorio beneficiará a 320 veciños, propietarios de 895 hectáreas de superficie

A conselleira do Medio Rural, en Trazo

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2018.- A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, desprazouse esta mañá ata o concello coruñés de Trazo para coñecer de primeira man a rede de camiños principais da reestruturación parcelaria de Santa María de Trazo, que está agora mesmo en fase de execución e cun orzamento de 1,6 millóns de euros. Alí, destacou a importancia destes procesos para a mellora da base territorial das explotacións da zona, xa que a reorganización deste territorio permitirá triplicar a superficie media dos predios.

A conselleira, que estivo acompañada polo director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, e o alcalde, José Dafonte, sinalou que os novos procesos de reestruturación buscan poñer en valor a terra con vocación agraria, co fin de xerar riqueza a través da optimización do seu uso por parte das explotacións agrarias. Coa posta en marcha da Lei de Mellora da Estrutura Territorial Agraria de Galicia (Metaga) o fin último das parcelarias non é diminuír o número de predios existentes, senón que haxa un verdadeiro interese agrario ou forestal por esas terras, para darlle uso e loitar así co abandono de terreos no rural galego.

Ángeles Vázquez, que aproveitou a súa visita para manter un encontro cos veciños da zona, reiterou o compromiso do seu departamento en seguir avanzando nos 128 procesos que están abertos a día de hoxe, aumentando considerablemente nos últimos anos o orzamento dedicado a este fin: pasouse duns 8 millóns de euros anuais a máis de 20 millóns nos últimos 3 anos, remarcou a conselleira. Así mesmo, subliñou que o obxectivo do seu departamento vai ser rematar administrativamente estes procesos vivos e comezar con outros que cumpran cos propósitos da Metaga.

Traballos de acondicionamento

Precisamente a parcelaria de Trazo contará cun orzamento global próximo aos 3 millóns de euros para reorganizar as 895 hectáreas afectadas, propiedade dun total de 320 veciños. A previsión é poder entregar os novos predios resultantes a finais do ano que vén para que así os veciños poidan beneficiarse desta reordenación.

As accións que se están executando arestora nesta parroquia están centradas na creación e acondicionamento dos camiños, que son preto de 2 quilómetros de asfaltado e algo máis de 28 km con base de zahorra. Asemade, estanse deseñando abanos e apartadoiros para facilitar o tránsito entre os diferentes núcleos da parroquia. O seguinte paso será a confección do acordo, posto que esta parcelaria está en fase de bases definitivas, e a colocación de marcos.

Outras parcelarias

O municipio coruñés de Trazo ten concentradas máis da metade da súa superficie, ao contar xa con 7 procesos rematados que reorganizaron un total de 6.274 hectáreas (das 11.524 que ten o municipio). Nestes momentos están aínda en execución a parcelaria de Santa María de Trazo e a de San Pedro de Benza, que aglutinaría outras 1.167 hectáreas de superficie.


Galería de imaxes

A conselleira do Medio Rural, en TrazoA conselleira do Medio Rural, en Trazo

© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS