Medio Rural
  • Nova
 

Galicia defenderá este mes en Bruxelas a súa postura a prol dunha PAC forte, simplificada e dotada de orzamento

A conselleira do Medio Rural na xuntanza do Consello Consultivo de Política Agrícola

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2018.- A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, viaxará este mes a Bruxelas para defender diante da Comisión Europea a postura de Galicia en relación coa futura PAC. Así o anunciou a propia titular do departamento hoxe en Madrid, tras a xuntanza do Consello Consultivo de Política Agrícola. Ángeles Vázquez reunirase co director xeral adxunto da Dirección Agri, Rudolf Moegele, e trasladaralle o compromiso da Xunta co Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (Mapama) a prol dunha PAC forte, que manteña a actual dotación orzamentaria, algo fundamental para Galicia polas nosas especiais características e polo peso que o rural ten para a nosa comunidade.

Nesta mesma liña, a conselleira engadiu que Medio Rural organizou tamén, para o vindeiro 10 de abril, unha xornada na que participarán responsables do Mapama e da propia Comisión Europea e que servirá para afondar no deseño e definición da postura da nosa comunidade diante da reforma destas políticas.

Ángeles Vázquez lembrou que Galicia é líder, a nivel nacional, no sector lácteo, xa que produce arredor do 40% do leite e achega máis da metade do total de gandeiros. Desde esta posición, reiterou a posta da nosa comunidade por unha PAC con dous piares, cunha prioridade clara polo primeiro (axudas directas), financiado ao cen por cento con fondos comunitarios, e na que se respecte a asignación actual para o conxunto de medidas.

Galicia avoga tamén por unha PAC que permita manter o número de agricultores e gandeiros, cuns niveis de renda dignos. Trátase de garantir a actividade agrícola e o mantemento dunha parte importante das explotacións, é dicir, dun rural vivo e activo, así como de asegurar a adecuada contribución dos agricultores á defensa do medio ambiente e á loita contra o cambio climático.

Compromiso fronte o despoboamento

Así mesmo, a nosa comunidade defende unha PAC que garanta a remuda xeracional no agro, dentro do compromiso da Xunta fronte o despoboamento e sobre os problemas que representa o envellecemento dos seus habitantes. Por iso, explicou a conselleira, para nós é prioritario centrar os pagos nos agricultores que realmente desenvolvan unha actividade agraria e tamén facilitar o acceso dos mozos e as mulleres a unha agricultura profesional. Faise necesario, ademais, contemplar as peculiaridades da nosa comunidade, tales como a dispersión da poboación, o tamaño das explotacións e o peso das zonas de montaña e con limitacións naturais.

A maiores, a conselleira reafirmou a aposta de Galicia pola produción de alimentos sans e seguros e, moi especialmente, pola calidade como factor diferencial das producións agroalimentarias, sempre dende o máximo respecto ao benestar animal. Tamén, por unha PAC que procure unha alimentación saudable, con programas para fomentar o consumo de produtos lácteos, froitas e verduras. Por último, insistiu na necesidade de seguir traballando por unha política comunitaria simplificada e con menor carga normativa e administrativa.
 


Galería de imaxes

A conselleira do Medio Rural na xuntanza do Consello Consultivo de Política AgrícolaA conselleira do Medio Rural na xuntanza do Consello Consultivo de Política AgrícolaA conselleira do Medio Rural na xuntanza do Consello Consultivo de Política Agrícola

© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS