Medio Rural
  • Nova
 

Cores Tourís comprobou os traballos da comunidade de montes de Tenorio (Cerdedo-Cotobade) na prevención dos lumes forestais

A Consellería de Medio Rural construíu un novo punto de auga de helicóptero de alta capacidade, que xunto a outro que realizou a comunidade de montes de Caroi, permitirá incrementar ata un 40% a capacidade media dos depósitos anteriores xa construídos

Estes dous novos depósitos contaron cun orzamento global de 133.882 euros

A nivel provincial, son 21 os puntos executados por un total de 810.500 euros
 

Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 13 de marzo de 2018.- O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá as obras executadas na comunidade de montes de Tenorio en Cerdedo-Cotobade grazas a colaboración económica da Consellería de Medio Rural co obxectivo de previr e loitar contra os incendios forestais.

Na visita, Cores Tourís estivo acompañado do presidente do concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, da presidenta da comunidade de montes, Ana Casal, así como do xefe territorial de Medio Rural, Antonio Crespo, e o xefe do Servizo de Incendios, Manuel Francisco.

O delegado territorial recordou que Cerdedo-Cotobade é un concello con vocación forestal declarado como Zona de Alto Risco de Incendios Forestais. “No ano 2017 a Xunta de Galicia analizou as infraestruturas preventivas da rede de defensa contra os incendios forestais do Distrito forestal XIX territorialmente”, explicou Cores Tourís, “e deste xeito, mediante o análises dos histórico de lumes de anos anteriores, e o puntos críticos de inicio do lume e a distribución espacial dos puntos de auga existentes, determináronse as novas infraestruturas preventivas tanto de helicóptero como de vehículo motobomba tecendo una rede de defensa”.

Nesta busca da eficiencia da distribución, determinouse a construción de cinco novos puntos de auga de helicóptero de alta de alta capacidade no Distrito XIX Caldas-Salnés, dos cales, dous executáronse nos últimos meses no concello de Cerdedo-Cotobade, un en Tenorio e outro en Caroi.

Cada punto de auga conta con 492,60 m3 de formigón, cun diámetro interior de 14 metros e 3,20 metros de altura. A novas construcións permiten incrementar un 40 % a capacidade media dos depósitos anteriores xa construídos. “Esta rede fai que as cadencias das de descargas das aeronaves sexa cando 5 minutos sobre un área de 3,3 Km minimizando o recorrido dos lumes”, matizou o delegado territorial.

O investimento destinado a obra de Tenorio, na Laxe, foi de 61.196 euros, e á de Caroi, no lugar de Boza do Home, de 72.686, o que supón un investimento global de 133.882 euros, aportados ao 100% pola Xunta de Galicia.

Cada construción dispón dun abrevadero de formigón de 5,5 metros de ancho para o gando que pastorea pola zona así como á fauna silvestre, compatibilizando o uso múltiple de monte comunal.

A inversión total do Distrito XIX Pontevedra-Caldas nestes cinco puntos de auga é de 351.625,03 euros. En total, na provincia, executáronse ou melloráronse 21 pozos de auga, o que supuxo un investimento por parte da administración autonómica de 810.500 euros.

“Estas obras determinan as normas técnicas das redes de defensa contra os incendios forestais dos distritos, permitindo dispoñer dun modelo estable para os novos tempos da loita contra os incendios forestais”, explicou José Manuel Cores Tourís, quen agradeceu a comunidade de montes de Tenorio a dispoñibilidade e a cesión do terreos para poder facilitar a súa construción así como poder colaborar con eles cun hidrante para motobombas a pé de estrada que une o campo de fútbol de Tenorio coa PO-233 con fin de facilitar calquera outra emerxencia dentro do municipio.

O delegado, xunto ao presidente de Cerdedo-Cotobade e a presidenta da comunidade de montes de Tenorio valoraron positivamente estas accións fundamentais na posta en valor do monte, así como a construción e mantemento das infraestruturas preventivas de defensa.

O concello de Cerdedo-Cotobade conta con case 12.800 hectáreas, 59 comunidades de montes (40 delas procedentes de Cerdedo e 19 de Cotobade).

“Con esta acción trátase de acadar unha densidade óptima de infraestruturas forestais, mellorar os tempos de reacción mediante unha rede de puntos de auga que posibiliten un acceso rápido e seguro á extinción do lume, capitalizar o monte, e facilitar a súa activación económica e o seu uso social dos veciños do rural”, engadiu José Manuel Cores Tourís, quen aproveitou esta visita para facer un chamamento á implicación da cidadanía. “Aínda que estamos en temporada baixa de risco de incendios, está claro que as imprudencias e a gañas de facer dano tamén existen, polo que pedimos a implicación da cidadanía solicitándolle que extremen calquera acción que desenvolvan no monte en calquera época do ano. Entre todos temos que coidar dos nosos montes”, rematou o delegado territorial.
 


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS